C. MARTÍNEZ

A moda corre polas veas de Tino Cacheda. É fillo do deseñador Florentino e neto de xastre, Belisario. O actual director xeral da firma de moda lalinense volveu ás aulas do IES Laxeiro de Lalín no marco do programa «De cero a cen», que La Voz de Galicia puxo en marcha en colaboración coa Consellería de Educación. O obxectivo é a acercar aos rapaces diferentes iniciativas empresariais que se levan a cabo na comunidade, da man dos propios protagonistas.

O comezo desta historia remóntase a hai sesenta anos, aproximadamente. «Diversas circunstancias levaron a meu pai a facer a mili a Madrid e, cuns cartos que aforrou, volveu á xastrería, herdando o oficio do meu avó», desvelou Cacheda. Dende o seu nacemento, a marca foi medrando dunha forma exponencial grazas a unha premisa inalterable: a calidade das prendas. «Non se trata de facer roupa por facer nin de facela de calquera maneira, senón de que o cliente percibise en Florentino unha calidade que outras marcan non ofrecían. É un sinal de identidade que non imos perder», destacou o empresario.

«A calidade é un sinal de identidade que non imos perder»

Os homes Florentino

Aínda que non existe ningún tipo de restrición, Cacheda describiu aos rapaces como son os homes que se visten de Florentino. «Soen ter entre 40 e 60 anos, xa que teñen unhas necesidades de vestimenta nas que se require unha maior calidade. Necesitan unhas prendas de maior durabilidade porque prefiren comprar menos pero que os produtos duren máis tempo». Como non, sen esquecer aqueles clientes que recorren á marca para asistir a vodas, comuñóns ou calquera outro tipo de evento social.

No proceso de fidelización de clientes, destacou outra circunstancia fundamental: o servizo nas tendas. «Contar con persoal cualificado que o asesore na compra fai que, á larga, o cliente repita, porque queda contento co servizo prestado». Sobre o equipo que forma parte da súa empresa, o lalinense remarcou: «Cremos na xente de aquí. Non consideramos nunca que unha persoa da contorna, de Deza, sexa menos válida que outra de fóra. Se podemos contratar xente de aquí, mellor».

«Se podemos contratar xente de aquí, mellor ca de fóra»

Como curiosidade, aínda que a día de hoxe só existen os «homes Florentino», a idea de ofrecer roupa ao público feminino sempre estivo presente: «Ao largo da historia da empresa, incluso chegouse a facer algunha colección para elas. Non se lle deu continuidade porque eran outros tempos, as cousas ían ben e non había capacidade para atender a todo. A día de hoxe, non é algo que estea enriba da mesa, pero non o descarto. De aquí a uns anos poderémolo ver».

Bos e malos momentos

Cacheda contou aos rapaces que, «por desgraza, é imposible que as cousas sempre vaian ben». Así, dende os inicios da marca de roupa o crecemento foi constante, pero a partir da crise económica do 2008 todo deu un xiro: «Foi cando comezamos a buscar vías alternativas noutros países como China, porque o mercado nacional está bastante tocado. Estes dez últimos anos foron moi duros porque xurdiron varias circunstancias que foron dificultando o noso traballo. Como a irrupción da venda online ou a creación de moitos centros comerciais, que golpearon moito ao comercio tradicional. Tivemos que facer unha reconversión».

Froito dese cambio no modelo de negocio, agora mesmo Florentino conta con 55 tendas propias no mercado nacional e internacional. «Levamos dende o 2015 facendo un proceso de expansión da nosa marca a través da apertura de cinco ou seis puntos de venda cada ano», sinalou.

Falar desas adversidades levou a Cacheda a facer unha reflexión: «O emprendemento ten moitas cousas positivas, pero é duro. É coma ter un fillo: dá moita lata, pero ao mesmo tempo gústache e gozas ao ver como medra». E contrariamente ao que se pode chegar a pensar, o empresario engadiu que o máis satisfactorio non son os números, senón «ir pola rúa e ver que a xente leva postas prendas túas».

Dende que se encontra aos mandos de Florentino, houbo diversos cambios na sociedade que tamén marcaron o rumbo da marca da roupa. Ademais da venda online, rexistrouse a desaparición de moitas tendas multimarca e apareceron os marketplaces, como Zalando. «Todo isto foron achegas que eu fun facendo, sempre recollendo o que xa había. Se se quere ter éxito dentro dun proceso xeracional, hai que construír sobre o que xa está feito». E por aí recaen, segundo as súas palabras, as claves do futuro da marca: nas novas vías de comercialización e dixitalización das vendas.

«Por desgraza, é imposible que as cousas sempre vaian ben»
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies