OLGA SUÁREZ

Moitas veces, a carreira profesional dunha persoa ten pouco que ver cos obxectivos que se marcou cando se matriculou na universidade. Algo así lle pasou a Emilio Neira, un mestre de Rianxo que leva case unha década dando clases no Saint-Croix, un colexio de primaria e secundaria situado no cantón suízo de Vaud, no centro do país. Pero, como el mesmo confesa, os cambios foron unha obriga: «A miña evolución é grazas a miña frustración, a darme conta de que non era capaz de axudar a un neno».

Emilio estudou Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e ao rematar fixo o mestrado para ser profesor de secundaria e traballou dous anos na universidade. Comezou entón a súa andaina como docente, primeiro nunha escola de formación profesional da Rioxa como profesor de Francés e máis tarde en Teruel, onde estivo cinco anos. Pero, despois de tanto tempo, o choque da burocracia e, sobre todo, a impotencia de non poder axudar os nenos con dificultades fixéronlle repensar a súa carreira e buscar alternativas. «Tiña moitos arrepentimentos de conciencia por no poder axudar máis a eses nenos», recorda. Foi entón cando decidiu enviar currículos e un deles acabou nun centro de inmigrantes de Suíza; chamárono e traballou seis meses con xente doutros países. Alí estaba cando o foi buscar o director do colexio de Saint-Croix, un municipio duns 5.000 habitantes situado nunha zona cunha elevada poboación inmigrante e un grande número de centros sociais.

E leva alí oito anos dando clases de primaria e centrado en nenos con dificultades de aprendizaxe: rapaces con autismo, discapacidade intelectual, apraxia parcial ou integral, afasia expresiva ou ambas. «Os nenos con autismo son un reto para min», afirma, e explica que con eles hai que traballar con «microobxectivos».
Os seus alumnos teñen entre 6 e 14 anos, aínda que tamén conta con algunha intervención co alumnado de secundaria. E está claro que alí atopou o seu sitio: ademais das clases, leva anos traballando nunha metodoloxía pioneira para a aprendizaxe da gramática, chamada Sintaxe, un método inclusivo que define como «a gramática dos sentidos», onde os nenos aprenden dun xeito natural. «A idea é que usen todos os sentidos e sexan capaces de razoar por si mesmos, e o abstracto é moi difícil de entender para un neno con dificultades», resume. Os resultados deste método xa se demostraron no seu centro. Exportouno a algúns de Galicia e demándano para linguas como o portugués.

«Fun a Suíza moi enfadado co sistema español, pero estoume reconciliando»

Suíza é un dos países que máis inviste en educación, pero as súas competencias non son nacionais, senón que é cada cantón o que decide os contidos que se estudan. O ensino público divídese en tres niveis: primaria, secundaria e terciaria. Neste último está a universidade. Os nenos comezan a estudar aos 6 anos e a educación obrigatoria esténdese durante nove. Despois hai dúas alternativas: a formación profesional ou a preparación para as probas de acceso á universidade.
Una das vantaxes que Neira destaca da educación suíza é a cota máxima de alumnos por aula, que non supera os 18. Ademais fala da colaboración interprofesional: «Os logopedas ou os psicólogos poden entrar na aula e axudar», explica. E destaca a estreita colaboración coas familias de nenos con dificultades: «Aprendo moito deles, aínda que non son profesionais, levan anos traballando coas singularidades dos seus fillos e son os que mellor as coñecen».
«Fun a Suíza moi enfadado co sistema educativo español, pero estoume reconciliando», recoñece este profesor rianxeiro ao responder á pregunta sobre os aspectos que máis bota en falta do sistema educativo español: «Levaríame a humanidade, aquí non hai ese contacto humano que temos en Galicia, aquí a xente é moito máis fría».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies