O vindeiro domingo celébranse as eleccións municipais en toda España. Seguro que estes días estás a ver moitos carteis pola rúa coa cara dos representantes políticos da túa cidade, vila ou lugar. Son os candidatos á alcaldía. Explicámosche como funciona.
Que significa «municipais»?
Ti dis «eu vivo en Vigo» ou «son de Monforte» ou «vivo nunha aldea de Ortigueira». Pois eses nomes son de municipios (tamén se chaman concellos e, en castelán, ayuntamientos). Son a organización institucional (é dicir, que ten institucións públicas) máis pequena do Estado; por enriba están as provincias, as comunidades autónomas e, por suposto, o Estado. O municipio ou concello está presidido (dirixido) por un alcalde elixido polos veciños maiores de idade. Iso é do que estamos a falar nestes días.
Cantos concellos ten Galicia?
En Galicia hai 313 municipios.
Que eliximos o domingo?
España ten un sistema de representación da vontade do pobo, é dicir, vótase unha lista de representantes encabezada por unha persoa, é non só a esa persoa. Estas listas adoitan ser de partidos políticos, pero tamén de agrupacións menos organizadas ou locais. Cada concello ten un número de concelleiros segundo a súa poboación, e eses concelleiros forman a corporación, que é coma un pequeno Parlamento. O número de edís é proporcional ao de votos de cada lista. A corporación reúnese nun pleno, e entre todos eles votan quen será o alcalde.
Quen elixe ao alcalde?
O alcalde ou alcaldesa non se dará a coñecer oficialmente ata 20 días despois das eleccións, cando os concelleiros da corporación voten nun pleno. Só poden presentarse a alcalde aqueles que son cabeza de lista de cada papeleta. Ou, o que é o mesmo, a persoa que aparece nos carteis que vemos pola rúa.
Quen ten máis postos goberna?
Poden pasar dúas cousas: que unha lista teña maioría absoluta, é dicir, a metade máis un dos concelleiros da corporación, e poida elixa alcalde o seu líder sen contar cos demais; ou que ninguén teña maioría absoluta. Entón ponse en marcha algo semellante a un sistema parlamentario: a cuestión é sumar máis da metade dos votos da corporación, aínda que sexan de partidos diferentes. Por iso hai alcaldes que gobernan co apoio de dous, tres ou mesmo cinco partidos.
En que nos afecta o concello?
En moitas cousas: dende a limpeza das rúas ata a creación e xestión de parques ou instalacións deportivas, e as axudas ás persoas vulnerables.
É moi importante votar?
É a esencia da democracia, pero só con iso non chega. En moitas ditaduras hai eleccións, pero non deixan que haxa partidos diferentes do oficial, ou non teñen os mesmos dereitos. Unha democracia plena ten liberdade de prensa e de opinión, unha Xustiza que non diferenza ricos de pobres e as minorías están protexidas, entre outras cousas.
28M, Comicios autonómicos na maioría das comunidades
Este domingo, coñecido como 28M, non só se celebran as eleccións municipais de todos os concellos, senón que 12 comunidades autónomas, de 17 que hai en total, tamén elixen o seu Goberno rexional. En concreto, son Aragón, Asturias, Canarias, Illas Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha, Comunidade de Madrid, Comunidade Valenciana, Estremadura, A Rioxa, Navarra e Rexión de Murcia, así como as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Exclúense as comunidades históricas (Andalucía, Cataluña, Galicia e País Vasco) e Castela e León, que adiantou os seus comicios. O feito de que Galicia sexa unha comunidade histórica significa que antes de que comezase a guerra civil en España (1936-1939) xa tiñamos votado un estatuto de autonomía.
As deputacións, órganos de unión entre concellos de cada provincia
Mentres que os concellos son o goberno de cada municipio, as deputacións son os órganos de goberno de cada provincia. Por exemplo, en Galicia están as deputacións da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense. A súa composición depende dos resultados das eleccións municipais. As candidaturas á deputación organízanse en partidos xudiciais (un mesmo xulgado tramita casos de varios concellos), que agrupan a distintos municipios. Así, a cada partido xudicial correspóndelle un número determinado de postos. Ademais, o número de deputados varía en función dos residentes de cada provincia. A deputación encárgase de apoiar con servizos públicos aos pequenos municipios, así como de coordinar cuestións entre comarcas, que poden ser de transporte, estradas ou infraestruturas.
ACTIVIDADE PARA A CLASE
Votacións na aula
Chegaron as eleccións á vosa clase; isto significa que é o momento de elixir o novo alcalde de entre todos os que formades parte da aula. Por grupos, con igual número de participantes, debedes formar un partido político. Elixide un nome e establecede unha serie de propostas que poderían mellorar a vosa cidade, vila ou lugar. Poden ser de tres a cinco. Tamén tedes que escoller a un portavoz para presentar o voso programa diante de todos, que será o futuro candidato ou candidata a alcalde. Despois, debedes votar. Para repartir o número de concelleiros por cada grupo, podedes utilizar unha regra de tres: en total ten que haber 20 concelleiros. Logo de repartidos os postos, o pleno resultante terá que elixir o alcalde.
——————-
Esta actividade está deseñada por L. Cancela
A decisión do pobo: cada institución ten a súa elección
Sabedes de onde vén a democracia? Da antiga Grecia, que foi a primeira civilización en instaurala, no século VI antes da nosa era. Democracia significa ‘poder do pobo’; foi inventado pola cidadanía de Atenas para referirse a unha estrutura de Goberno na que as decisións non eran tomadas por un emperador ou rei, senón polo pobo (daquela pobo só eran os homes, non as mulleres, libres).
Hoxe en España o sistema electoral garante que a vontade de todos os cidadáns elixa aos representantes das distintas Cámaras en cada unha das unidades territoriais nas que se divide o Estado. Así, existen catro tipo de eleccións principais: as xerais, as autonómicas, as locais e as europeas. Todo iso é posible a través de partidos políticos, que son entidades creadas para canalizar a vontade da xente e se consideran un instrumento fundamental para incentivar a participación. Así, propoñen candidatos para ocupar os cargos públicos de elección, como os concelleiros, os deputados ou os senadores.
Hai partidos de esquerdas, de dereitas e de centro. Por regra xeral, a esquerda promove unha maior intervención do Estado para compensar as desigualdades sociais; a dereita, aínda entendendo o papel regulador do Estado, defende o protagonismo do libre mercado, di que a competencia entre particulares é a mellor forma de xerar riqueza e prefire que o Estado interveña menos. Pola súa banda, os de centro sitúanse no punto intermedio do campo político, e en función da formación, establecen matices aos ideais de esquerda ou de dereita.Tamén hai outros partidos, como os nacionalistas ou ecoloxistas, centrados sobre todo en reivindicar unha cousa (a independencia ou a sostibilidade) para o seu territorio.
Autonómicas: responsables da saúde e da educación
Que eliximos?
Parlamento galego. Os cidadáns votan os representantes da súa provincia e o número de elixidos varía en función da poboación de cada territorio. En total hai 75 escanos no Parlamento galego.
Quen pode votar?
Maiores de idade. Todos os galegos de 18 anos ou máis poden facelo en persoa ou por correo (físico, non electrónico).
Como se nomea ao presidente?
No Parlamento. O candidato terá que obter ou ben maioría absoluta na primeira votación no Parlamento ou ben maioría simple 24 horas despois. A continuación será nomeado polo rei.
Canto tempo dura a lexislatura?
Mesmo goberno. Catro anos, pero se poden adiantar as eleccións. Faise cando hai unha crise importante ou, se gobernan varios partidos, cando a coalición racha.
Como me afecta?
Varias funcións. As comunidades teñen moita importancia. Xunto co Goberno central constrúen e xestionan infraestruturas, colexios, hospitais e residencias de maiores.
Estatais: as leis que marcan dereitos e deberes
Que eliximos?
Cortes Xerais. Os representantes que forman as Cortes Xerais: o Congreso dos Deputados (son 350 deputados ou parlamentarios) e do Senado (265 senadores).
Quen pode votar?
Maioría de idade. Votan os maiores de idade, tanto se viven en España coma no estranxeiro a través dos consulados ou por correo.
Como se nomea ao presidente?
Maioría. O candidato á presidencia do partido con máis opcións sométese á votación do Congreso. Se obtén maioría absoluta, é elixido sen obstáculos. Se non, debe pactar con outros para chegar a un acordo e contar cos seus votos (ou que non lle voten en contra). É nomeado oficialmente polo rei.
Canto tempo dura a lexislatura?
O mesmo que as autonómicas. Catro anos, pero pode adiantarse se hai unha crise moi grave de Goberno, por exemplo.
Como me afecta?
Dereitos e deberes. Aínda que o Estado goberna en colaboración coas comunidades, no Congreso debátense as grandes leis que afectan aos nosos dereitos e deberes.
Europeas: equiparar a vida en toda a unión
Que eliximos?
Europarlamento. Son as maiores eleccións internacionais do mundo. Os europeos escollen aos 705 deputados que formarán parte do Parlamento de Europa.
Quen pode votar?
Obrigatorio nalgúns países. Poden votar todos os europeos, tanto no seu país de orixe como no que residan. Hai países que obrigan a facelo, como é o caso de Chipre, Grecia ou Bélxica. Desde España tamén é posible votar por correo (físico).
Como se nomea ao presidente?
Maioría. A presidencia é elixida pola maioría absoluta do Parlamento, entre os seus membros.
Canto tempo dura a lexislatura?
Máis tempo. Cinco anos. Non se adianta.
Canto me afecta?
Decisións comunitarias. O Parlamento Europeo ten moitas funcións, sobre todo crear as bases para que a vida en todos os países sexa similar e protexer aos veciños. Crea leis de seguridade alimentaria, apoio económico, revolución verde da enerxía ou eliminación de barreiras de todo tipo.
Palabras clave e termos que debes coñecer
Entender o que se di nas eleccións pode ser difícil se vos perdedes á hora de usar unhas palabras ou outras. Esta lista contén os termos máis empregados durante estas semanas. Podedes engadir algún outro?
■ Comicios. Sinónimo de eleccións. Trátase do mecanismo mediante o cal a poboación elixe os seus representantes políticos.
■ Votos en branco e nulo. O voto en branco é o que elixe unha persoa que está de acordo có sistema electoral pero decide non depositar a súa confianza en ninguén. O voto nulo é aquel que as autoridades eliminan do reconto, o que pode deberse a que se entregue nun sobre non oficial, a que no seu interior conteña dúas papeletas, ou que presente riscos ou debuxos, por exemplo.
■ Voto por correo. Mecanismo de votación oficial por envío postal que permite depositar o voto a aqueles que están fóra do territorio pero pertencen a el.
■ Enquisa. Cuestionario dirixido a un conxunto de persoas que forma unha mostra representativa dun grupo demográfico. Permite coñecer a súa opinión sobre certas materias.
■ Sondaxe. É un estudo que permite estimar a intención de voto dos electores antes dunhas eleccións. Pode utilizar distintas ferramentas, como enquisas por teléfono, entrevistas en persoa, enquisas en liña, segmentación ou estudos de redes, entre outras posibles.
■ Listas cremalleira. Son as candidaturas electorais que alternan entre sexo feminino e masculino ata finalizar. Quen as utiliza defende que este tipo de listas evitan que as cotas na política sexan simbólicas.
■ Escrutinio. É o reconto de votos dunha elección.
■ Xunta electoral. Son os órganos da Administración electoral a distintos niveis (municipal, autonómico ou central), e está formada por vogais xudiciais e xuristas nomeados polas candidaturas e cun obxectivo: garantir a transparencia do proceso electoral e o principio de igualdade.