L. Cancela
O 21 de decembro, Afonso Rueda, o presidente da Xunta de Galicia, convocou eleccións autonómicas para o 18 de febreiro. Esta é a undécima vez, unha cada catro anos, como mínimo, que os galegos acudimos ás urnas para elixir o noso Goberno.

Que son as eleccións galegas?
Son o proceso polo que os cidadáns eliximos os representantes políticos, que formarán parte do Parlamento de Galicia. Unha das súas principais funcións será elixir o presidente da Xunta.

Que é o Parlamento?
Así é como chaman as autonomías o poder lexislativo, aquel que se encarga de elaborar, votar e reformar as leis propias. É como o Congreso a nivel nacional.

Quen se presenta?
Candidatos que van nunhas listas que elabora cada partido. Cada partido ofrece unhas propostas, baseadas nas súas ideas, que permiten aos cidadáns saber que farían se gobernan. Constitúen o programa electoral, que se dá a coñecer durante a campaña electoral.

Que é a campaña electoral?
Durante o período das dúas semanas previas ao día das eleccións cada partido fai reunións abertas ao público (mitins) para contar que fará e convencer os cidadáns de que o voten. Empeza este venres ás 0.00 horas e se estende ata o día 16 á medianoite. O día 17, véspera das eleccións, é a xornada de reflexión, que permite ao cidadán pensar a quen votar, e non se pode pedir o voto.

Cantas persoas saen elixidas?
Hai 75 deputados. Cada provincia ten un número segundo a súa poboación: A Coruña, 25 deputados; Pontevedra, 22; Lugo e Ourense, 14 cada unha. Cada partido pode ter candidatos nas catro provincias ou só nunha, como queira, porque as listas son provinciais.

Que son as listas?
Son unha agrupación de candidatos que presenta cada partido. Deben ter tantos candidatos como postos ten a provincia no Parlamento de Galicia e algúns suplentes. Unha persoa non pode elixir un candidato dunha lista e a outro doutra, porque son listas pechadas: elíxese o partido.

Quen pode votar?
Todos os galegos maiores de 18 anos (mesmo os que os fan nese día), censados tanto en Galicia coma no estranxeiro.

Onde se vota?
Nos colexios electorais, que moitos son centros de ensino. Alí hai unhas mesas con urnas, e un presidente e varios vogais en cada mesa. Son cidadáns elixidos por sorteo pola Xunta Electoral (o organismo que organiza as eleccións) e teñen que acudir: é unha obriga. Os veciños que están na mesa lle piden ao votante o carné de identidade, comproban que está no censo (a listaxe oficial de votantes) e, cando deposita o sobre do voto), ríscano da listaxe para que non volva votar.

E despois?
Na noite do día 18 saen os resultados. Ás veces se sabe quen gobernará porque se un partido ten 38 deputados (maioría absoluta) vai facelo. Ás veces ningún partido a ten, e esa noite non se sabe.

Como se elixe o presidente?
Igual que no resto de España, non eliximos o presidente de Galicia directamente, porque son os deputados que eliximos os cidadáns os que o fan. Cada partido ten o seu candidato, que vemos nos carteis que hai pola rúa. Aquel con máis deputados no Parlamento é o primeiro en propoñer candidato e, se ten maioría, sairá elixido. Será referendado polo rei, e xa poderá formar Goberno.

 

Once opcións con propostas diferentes

A primeira vez que Galicia elixiu representantes para o seu Parlamento foi en 1981. Desde entón, só nove partidos formaron parte desta Cámara. Presentáronse moitos outros, pero non conseguiron sacar os suficientes votos para obter un escano (un posto no Parlamento). Para estas eleccións, once partidos poden presenarse. Vexamos cales.
Partido Popular (PP). É a formación de centrodereita que está no Goberno, e o seu candidato é o actual presidente, Alfonso Rueda. Nas eleccións do 2020 o PP tivo 41 deputados.
Bloque Nacionalista Galego (BNG). Foi o segundo partido máis votado no 2020, e xa presentaba a mesma candidata á presidencia da Xunta, a súa líder, Ana Pontón. Contan con 19 escanos [non 14, como apareceu inicialmente, por erro]. É un partido nacionalista e de esquerdas.
Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE (PSdeG). Hai catro anos tivo os 14 deputados. Este partido de centroesquerda ten como candidato a José Ramón Gómez Besteiro, que se presenta por primeira vez.
Sumar. É unha formación de esquerdas nova, xurdida a nivel nacional e liderada en Galicia por Marta Lois.
Podemos. Este partido é de esquerdas e de ámbito nacional, e estivo a piques de ir xunto con Sumar nas eleccións galegas. Finalmente, vai só con Alianza Verde (un grupo ecoloxista). Sabela Faraldo é a súa candidata.
Vox. É unha formación de dereitas e está liderada por Álvaro Díaz-Mella.
Partido Animalista con el Medio Ambiente (Pacma). Trátase dunha formación ecoloxista de esquerdas liderada en Galicia por Manuela García.
Democracia Ourensana (DO). Este partido só se presenta pola provincia de Ourense. Xa goberna na capital. O seu candidato é Armando Ojea.
■ Outros. Hai partidos máis pequenos, como Escanos en Branco, Por un Mundo Máis Xusto e Espazo Común Galeguista.

ACTIVIDADE BÁSICA

Que é a maioría?

Neste tema, repetiremos moito a palabra «maioría». Saberías definila? Compárteo coa clase. Se, en total, no Parlamento hai 75 deputados, que é a maioría simple e cantos supoñen a absoluta?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

As funcións do Goberno galego

O territorio de España divídese en comunidades autónomas, provincias e municipios, e cada división ten as súas propias institucións administrativas para garantir un bo funcionamento. Na comunidade autónoma de Galicia, este deber correspóndelle á Xunta. O 18 de febreiro, os galegos acudirán ás urnas para elixir os representantes políticos que velarán polos seus intereses no Parlamento e que, á súa vez, decidirán quen será o presidente que poida constituír a Xunta, que é o Goberno de Galicia.
Esta institución ten múltiples funcións: xestiona unha serie de impostos; coordina a actividade das deputacións provinciais en temáticas de interese xeral (unión dos concellos de cada provincia); controla a construción e organización do territorio; constrúe e mantén estradas, pontes ou instalacións de transporte como o tren ou o autobús (sempre que non cheguen ás fronteiras ou pasen a outra comunidade, que entón son cousa do Goberno central). Tamén se encarga de xestionar e supervisar os recursos enerxéticos dos bosques ou dos ríos; do control da pesca nas rías e en augas interiores; da conservación da artesanía, o patrimonio artístico, as bibliotecas ou os museos; e do fomento da cultura e promoción do uso do galego. Ademais, ten competencias compartidas co Goberno central en educación ou sanidade. É dicir, pode lexislar sobre estas a condición de que se manteña nas bases do Goberno central.
Con todo, a Xunta non sería posible sen o Parlamento, que é a Cámara lexislativa da nosa comunidade. Máis aló de elixir o presidente, encárgase de controlar a acción do Goberno autonómico, de votar as leis e de aprobar os orzamentos.
A maioría das comunidades teñen as mesmas competencias aplicadas ao seu territorio. Con todo, existen certas excepcións. Por exemplo, o País Vasco e Navarra teñen o seu propio réxime foral, que lles permite xestionar e recadar a maioría dos impostos estatais. Outra diferenza que podemos observar é que o País Vasco e Cataluña teñen as súas propias policías: a Ertzaintza e os Mossos d’Esquadra, respectivamente.

 

A Conferencia de Presidentes, un organismo tan descoñecido como relevante

España é un Estado descentralizado, é dicir, diríxese dende a Administración central —o Goberno, que está no pazo da Moncloa, e os ministerios—, pero tamén desde as comunidades autónomas. Por iso, aínda que falamos de Estado ou de comunidades autónomas, hai que aclarar que un e outras son Estado. Outra cousa é o Goberno (ou Administración) central. É un escenario complexo no que existe unha gobernación compartida. Podemos entender este termo como unha interacción entre estruturas (autonómica e central) que establecen como se exercen as responsabilidades e de que forma intervén cada actor.
Este tipo de gobernación require a existencia de certos órganos de cooperación que representen os intereses de cada territorio nun debate no que participen todas. Un deles é a Conferencia de Presidentes. Este é un órgano de máximo nivel que establece a coordinación en certos temas. Está formado polo presidente do Goberno e polos presidentes das 17 comunidades. As autonomías tamén están presentes na política nacional a través do Senado, a Cámara territorial. Por así dicilo, pode representalas a través de varios mecanismos. As rexións designan unha parte dos senadores, e existe unha comisión (unha especie de grupo de traballo) na que se debaten asuntos xerais con importancia para as comunidades autónomas.

ACTIVIDADE MEDIA

A presenza da autonomía

Aínda que ás veces semelle que a Xunta fica lonxe do noso día a día, o certo é que está bastante involucrada na nosa rutina. Pensa que cousas financia e xestiona que sexan importantes para ti. Unha pista: podes atopalas ata na rúa!

ENTENDER

A contorna galega é única en España

■ Galicia ten unha contorna política moi peculiar que a distingue do resto das comunidades históricas: carece dun partido nacionalista de dereitas, pois o único con esta ideoloxía é de esquerdas (BNG). En Cataluña está Junts, e no País Vasco, o PNV; estes partidos son de dereitas e mesmo independentistas. En cambio, en Galicia o PP suma os votos da dereita, galeguista ou non.

■ Outra particularidade é que os partidos políticos de recente creación non conseguiron entrar no Parlamento. Vox, Cidadáns ou Podemos quedaron fóra. Por que credes que sucede?

■ A pesar de que este ano catro partidos teñen candidatas como cabeza principal, a presenza de mulleres nas listas é unha cousa moi nova. A primeira en presentarse foi Yolanda Díaz, por Esquerda Unida, no ano 2005. Das candidatas de hoxe, Ana Pontón (BNG) é a líder da segunda forza política no Parlamento do 2020.

ACTIVIDADE AVANZADA

Coñecendo o pasado

Consulta a historia electoral de Galicia e elixe un partido que estea desaparecido. Despois responde: cando xurdiu?, cando desapareceu?, quen o fundou?, por que desapareceu?, tivo representación? Ten que ser da túa provincia.

PROFUNDAR

Píldoras destes comicios: Galicia é protagonista no ámbito nacional e irrompen os «bots»

■ As eleccións galegas son protagonistas neste mes de febreiro, e toda España está pendente dos resultados. Isto explícase por varias razóns: son as primeiras eleccións que se celebran desde as xerais de xullo do 2023; Alberto Núñez Feijoo, líder do PP a nivel nacional, gañou catro destas eleccións por maioría absoluta; Sumar e Podemos preséntanse por separado despois de ir en coalición, e ademais a líder de Sumar é a ferrolá Yolanda Díaz; e, finalmente, o PSdG e o BNG móstranse optimistas á hora de facerse coa Xunta.

■ Isto levou a que os líderes nacionais se entreguen á causa. Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, acompañou en varias ocasións ao líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; do mesmo xeito que tamén o fixo Núñez Feijoo, presidente do PP, con Alfonso Rueda, candidato do partido en Galicia. Os medios de comunicación nacionais tamén están a cubrir con maior intensidade estas eleccións. Pero algúns, con sede central en Madrid, danlle unha perspectiva máis madrileña. Por exemplo, aproveitan as intervencións de Pedro Sánchez en Galicia para falar da política nacional; danlle maior relevancia a Feijoo como líder do PP que a Rueda como líder do PP galego; ou se refiren a Marta Lois, candidata de Sumar, como a aposta de Yolanda Díaz, quitándolle peso propio.

■ A polarización política tamén se reflicte nas redes sociais, e o PP denunciou unha armazón de perfís falsos en X que se dedicaban a atacar á Xunta.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies