JESÚS GARRIDO

Cubos e murais de exposición, claro. E, normalmente, de cartón forte ou madeira fina. Aparecen de súpeto nas rúas e prazas de cidades e vilas e, por suposto, en salóns interiores. Conteñen información breve, letra grande, fotos, signos. Mantéñense un tempo, discreto e suficiente. E marchan, sen deixar rastro na rúa nin nas salas interiores, pero co orgullo de ter cumprida a misión de informar a todos os que se moven por alí.

Os cubos, pola súa base de cadrado ancha, son máis resistentes, mesmo ao vento, e ofrecen información a catro caras. En cambio, os chamados murais prefiren o interior das salas. Son verticalmente máis alongados e ocupan ao ancho menos espazo. Mentres se manteñen en pé, os paseantes rectilíneos creban o seu ritmo de marcha, pairan, miran e, aos poucos, enróscanse ao redor das súas figuras, len, toman fotos, piden desculpas a outros visitantes cos que se entrecruzan. E, con frecuencia, cando marchan, volven e apuntan ou recollen en foto algo que non queren esquecer.

Ultimamente na Coruña houbo a mostra de dous expocubos:

1 | Unha, moi abundante, dedicada á historia de La Voz de Galicia, que fixo 140 anos. Nela inclúese tamén a historia de La Voz de la Escuela. Podes ver un resumo na web de La Voz.

Exposición A historia de La Voz de Galicia. 140 anos: t.ly/dSk4

2 | E a outra expocubos estivo na avenida do Porto da Coruña. O asunto era a escritora Emilia Pardo Bazán. Resaltamos, sobre todo, a xenialidade desta muller. Palabras claves: muller, educación, emoción, instrución, catedrática, escolar, libros, coñecementos, maxisterio, lecturas, Coruña, España… e primeira: foi a primeira muller conselleira do Maxisterio de Instrución Pública.

1910: «Desde aquela ás mulleres permíteselles traballar na área de Educación».

1916: Primeira muller catedrática de España: «Lingua Neolatina, a materia que coñezo e podo ensinar».

«Vendo o mal fundado da miña instrución, a miña erudición á violeta e a desorde das miñas lecturas, púxenme ao traballo de enlazalas, enchendo os ocos dos meus coñecementos… e gradualos a modo dun canteiro que tapa ocos na parede».

«Nada é tan necesario e tan fecundo como a emoción».

Organiza na Coruña a primeira colonia escolar mixta de España.

«No vasto caserón, severo e silencioso da Coruña, descubrín un tesouro: un niño de libros, que roldei… ata que mo deixaron á miña disposición».

PARA SABER MÁIS

1 | Visita virtual á exposición sobre A Marineda de Emilia Pardo Bazán.

2 | Sabes facer un cubo de papel… pequeno? Pois iso: dálle dimensión (ao pequeno e ao grande, se podes) e enche de información a túa clase, o corredor ou os patios de recreo ao are libre.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies