MARÍA BALLESTEROS

Na vida hai cousas esenciais como comer e beber, pero, aínda que ás veces o esquezamos, durmir é até máis importante. Nunha situación extrema, podemos pasar días sen comer nin beber. Pensade, por exemplo, nos recentes terremotos en Turquía e Siria, onde os equipos de emerxencias rescataron baixo os cascallos a persoas con vida logo de máis de dez días atrapadas. Sen durmir, en cambio, aguantamos moito menos: somos como móbiles sen batería, como bonecos de trapo sen ninguén que nos mova. Aínda así, vivimos nun mundo no que ás veces semella que durmir ben é cousa de preguiceiros, cando, en realidade, durmir ben é cousa de xente lista.

O corpo humano é unha máquina que funciona moi ben, pero que require mantemento, un mantemento que se fai cada noite no taller mecánico do sono, onde todas as nosas células se reparan a diario. E non vale con chegar ás présas e agardar que 14 ou 15 horas de desgaste se compensen con catro chambonadas dun mecánico apurado. Reparar un organismo tan complexo, con tantas funcionalidades como o noso, require o seu tempo. Necesitamos un cen por cen de actualización cada noite para que as cousas funcionen ben durante o día. Non hai atallos. Menos aínda en certos momentos da vida nos que afrontamos tarefas tan importantes como crecer ou estudar.

As cousas funcionan ben, por exemplo, cando o que aprendemos queda ben fixado no noso arquivo, colocado no lugar que lle corresponde, para que sexamos quen de atopalo cando nos faga falta. Por iso é un erro descomunal quitarlle horas ao sono para estudar. Se cadra, estúdase máis tempo, pero non mellor. É como encher o carriño do súper con produtos estupendos e logo chegar a casa e deixalos amoreados na mesa da cociña ou gardalos onde non é: os xeados no forno, os iogures no estante do baño e a pasta de dentes no caixón das verduras do frigorífico. Se estudamos moito e durmimos pouco, non nos vai prestar. Non hai ninguén que poña orde nos novos coñecementos.

Malia a importancia fundamental dese paso polo taller mecánico, o certo é que os seres humanos durmimos cada vez menos. Os estudosos do sono e da súa influencia na nosa vida din que nos últimos 150 anos perdemos de media entre unha hora e hora e media de sono ao día. Nun século e medio cambiamos moito, pero necesitamos seguir durmindo como entón, así que hai que poñerse firmes e tentar que as présas, as nosas variadas actividades e as pantallas non nos rouben nin un minuto máis de descanso. É o noso dereito e a nosa fórmula máxica para o benestar.

Dúas das cousas que máis nos alteraron o descanso ao longo de todas estas décadas foron a luz artificial —a nós, os humanos, pero tamén aos animais e vexetais que viven en contornas urbanas— e, máis recentemente, as pantallas, que, como pequenos soles, afectan tamén aos nosos ritmos do sono. Igual que agardamos o solpor e a escuridade para durmir, tamén temos que procurar que a posta deses soles pequenos que levamos no peto se faga a tempo, que nos dea marxe suficiente para que o bólido que deixamos no taller á noite vaia baixando as revolucións aos poucos. Só hai que ir desconectándose o antes posible do móbil, da tableta, da tele, dos videoxogos… Prepararse para a actualización.

Este venres 17, una semana antes de que adiantemos os reloxos para o horario de verán e reseteemos outra vez o noso tempo de descanso, os expertos en sono no mundo nos piden que non esquezamos o importante que é para a saúde. Facémoslles caso?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies