MARÍA BALLESTEROS

Un proverbio chinés moi citado cando se fala da axuda ao desenvolvemento de África di: «Dálle un peixe a un home e comerá hoxe, ensínalle a pescar e comerá o resto da súa vida». Se o continente africano, tan grande, tan rico e tan antigo, puidese falar, se cadra retrucaría que el e a súa xente sempre souberon pescar, pero que hai tempo que lles roubaron as canas —e os peixes— e a cambio lles deixaron catro chilindradas coas que só poden malvivir.

O intento de recuperar esas canas por parte das nacións africanas é o que conmemoramos esta semana, na que se fan 60 anos desde que ese xigante que está fisicamente tan preto de nós —a pouco máis de 14 quilómetros da península que habitamos— e tan lonxe case sempre dos nosos pensamentos creou a Organización para a Unidade Africana, xermolo do que hoxe é a Unión Africana, que integra a 55 Estados do continente. Foi o 25 de maio de 1963 e creouse co obxectivo de que o medio centenar de países que forman este enorme continente tomasen de vez as rendas do seu destino, que ata daquela tiñan ben amarrado os seus colonizadores, que non eran outros que nós, os europeos.

Desde o século XVI ata mediados do século XX uns cantos países de Europa, como Francia, o Reino Unido, Bélxica ou Portugal —España tamén, pero menos porque estaba máis ocupada en América—, mantiñan repartido ese territorio moi rico en recursos naturais e en minerais, como ouro, platino ou diamantes, e que durante séculos foi tamén o provedor dun recurso aínda máis valioso: as persoas.

Como xa sabedes, de África saíron homes, mulleres e nenos para converterse en escravos en América e en Europa. Segundo a ONU, durante 400 anos foron 15 millóns de persoas as que perderon a categoría humana para vivir sometidas ás ordes e os desexos doutras persoas que pagaron (e nin sequera a eles) por ser donas das súas vidas. África foi terra invadida e explotada durante esa época que coñecemos como colonización, á que seguiron a descolonización e as independencias, e que deixou ata hoxe unha chea de feridas mal curadas.

Se cadra, por esa visión europea e colonizadora, temos ás veces a sensación de que África comezou a existir cando un pé branco se fincou no seu chan —igual que chamamos descubrimento a chegada de Colón a América como se ese continente fose antes un ermo sen rastro de vida humana—, pero en realidade foi de África de onde saímos todos, onde se afunden as nosas raíces: o Homo sapiens, o ser humano, xurdiu hai uns 300.000 anos no que hoxe é o continente africano e logo estendeuse ao resto do planeta.

Malia a colonización, a descolonización, a explotación dos seus recursos e os intentos de manter a influencia sobre os seus destinos, o certo é que os países occidentais —sexa directamente ou a través de oenegués— destinan moitos millóns ao ano a axuda humanitaria a ese continente, do que soemos falar polas súas secas, grandes fames, guerras e miserias diversas. Iso é o que vemos nós de África, o que contan os occidentais que viaxan alí. Pero, que pensades que vos contaría un rapaz africano se puidese falarvos do seu país ou do seu continente?

O director holandés Joris Postema deixou que fotógrafos e cineastas do Congo lle mostrasen cal é a África que eles ven. O resultado é a película Stop Filming US
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies