L. Cancela
O vindeiro mércores, 17 de maio, estamos de celebración na nosa comunidade. É a 60.ª edición do Día das Letras Galegas, unha data que nesta ocasión rende homenaxe a Francisco Fernández del Riego, un home que, polas súas múltiples ocupacións, ten unha enorme relevancia na historia moderna da cultura galega. Queredes saber unha curiosidade? El foi, precisamente, un dos impulsores desta celebración, que nesta ocasión coincide co seu 110.º aniversario.
Desde 1963, a Real Academia Galega homenaxea cada ano a un home ou muller cuxa vida serviu para dignificar a nosa lingua, o galego. Acordouse fixar a data do 17 de maio porque foi o día no que saíu do prelo, en 1863, a primeira edición dos Cantares gallegos, o poemario de Rosalía de Castro co que renaceu a cultura galega.

Quen foi?
Foi escritor, articulista, activista cultural e político, experto en artes plásticas e profesor. Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) en 1913 e faleceu en Vigo no 2010. A súa figura é unha das máis importantes do panorama cultural e político galego desde a Segunda República ata comezos do século XXI, xa que formou parte da xeración de intelectuais que xurdiron ao redor do grupo Nós. Este grupo conseguiu devolver á cultura galega a importancia que ten no plano intelectual.

Que impacto deixou?
Foi un dos fundadores da editorial Galaxia, que encabezou a recuperación da nosa cultura despois da guerra (a partir de 1950), da revista de cultura Grial, e impulsor da Fundación Penzol, cuxa biblioteca é imprescindible para a nosa lingua. Tamén foi membro da Real Academia Galega, na que ingresou en 1960 e que presidiu a partir de 1997.

Recoñecementos
Foi galardoado coa Medalla Castelao e recoñecido con premios coma o da Xunta de Galicia de Creación Cultural, o das Artes e as Letras de Galicia e o Fernández Latorre, que outorga La Voz de Galicia.

Traballos destacados
Tiña predilección polo xornalismo, polo que a súa produción intelectual é moi variada. Con todo, destacan os seus dicionarios, libros de viaxes, antoloxías de poesía galega, biografías de persoas importantes para Galicia, así como ensaios memorísticos. Ao xénero narrativo chegou con O cego de Pumardedón, inspirada na súa vida durante a Guerra Civil.

A súa presenza na prensa
Escribiu en publicacións previas á Guerra Civil, coma Nós, así como nos xornais máis importantes da segunda metade do século XX, como La Voz de Galicia.

 

La Voz homenaxea cun libro ao intelectual

■ O galego non sempre viviu bos momentos. Houbo épocas nas que estaba prohibido empregalo en situacións cotiás. As institucións desprezábano e a xente pensaba que era un idioma carente de valor. Con todo, grazas ao labor dos premiados no Día das Letras Galegas durante estes 60 anos e a de moitos outros, hoxe recoñécese o seu valor.

■ La Voz de Galicia ofrece o 17 de maio un libro sobre o autor homenaxeado titulado «Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia», elaborado polo xornalista e escritor Xesús Fraga, onde trata todas as vertentes do intelectual. A obra tamén amosa unha cronoloxía con diversas fotos persoais, achega unha conversa inédita co escritor e recolle unha gran escolma de artigos que publicou en La Voz de Galicia. Trátase dunha oportunidade perfecta para coñecer ao premiado. Ademais, dende o 15 de maio ofrecerá unha exposición na praza da Princesa de Vigo que repasará a vida do autor.

ACTIVIDADE BÁSICA

Redes sociais

Cada un da clase debe escoller un autor recoñecido no Día das Letras Galegas e dicir como sería o seu perfil nas redes. Debedes incluír nome, nome de usuario e unha breve biografía.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Lista de figuras homenaxeadas

1963
Rosalía de Castro
■ Autora de obras como «Cantares gallegos» (1863) ou «Follas novas» (1880) e figura fundamental do renacemento literario do galego.

​1964
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao​

1965
Eduardo Pondal

1966
Francisco Añón
■ Foi poeta, xornalista e un dos precursores do Rexurdimento galego. Escribiu máis de 140 poemas.

1967
Manuel Curros Enríquez​

1968
Florentino López Cuevillas

1969
Antonio Noriega Varela​
■ Poeta, xornalista e un dos principais representantes das Irmandades da Fala, cuxo obxectivo era defender o galego.

1970
Marcial Valladares Núñez

1971
Gonzalo López Abente

1972
Valentín Lamas Carvajal
■ Poeta, foi un dos precursores do xornalismo en galego e participou na fundación da RAG.

1973
Manuel Lago González

1974
Xoán Vicente Viqueira
■ É considerado un dos grandes humanistas da nosa comunidade. Foi un pensador que se centrou no progreso da educación en galego.

1975
Xoán Manuel Pintos Villar

1976
Ramón Cabanillas

1977
Antón Villar Ponte
■ Xornalista de La Voz de Galicia. Importante galeguista que promoveu a fundación das Irmandades da Fala e dirixiu a revista «A Nosa Terra».

1978
Antonio López Ferreiro
■ Foi o arqueólogo máis notable que tivo Galicia. A súa investigación descubriu os restos do Apóstolo.

1979
Manuel Antonio

1980
Afonso X o Sabio

1981
Vicente Risco

1982
Luis Amado Carballo

1983
Manuel Leiras Pulpeiro
■ A súa obra de poesía recoñeceuse despois da súa morte. Foi un querido médico con fortes convicións republicanas e anticlericais.

1984
Armando Cotarelo Valledor
■ Tivo un papel destacado na fundación do Seminario de Estudos Galegos e foi membro da RAE.

1985
Antón Losada Diéguez

1986
Aquilino Iglesia Alvariño

1987
Francisca Herrera Garrido
■ Foi a primeira muller en asinar unha obra de narración extensa en galego «Néveda», e a primeira en participar na revista «Nós».

FRANCISCA HERRERA GARRIDO 

1988
Ramón Otero Pedrayo​

1989
Celso Emilio Ferreiro

1990
Luis Pimentel
■ Poeta e médico da xeración do 27 que completou a modernización da literatura galega comezada polo Grupo Nós.

1991
Álvaro Cunqueiro

1992
Fermín Bouza Brey
■ Foi historiador, escritor e un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos. Investigou a cultura xacobea.

1993
Eduardo Blanco Amor​

1994
Luis Seoane
■ Foi o artista galego polifacético por excelencia: pintor, editor, deseñador, gravador e promotor cultural. Desenvolveu parte da súa carreira creativa no exilio, onde difundiu a cultura galega.

1995
Rafael Dieste

1996
Xesús Ignacio Ferro Couselo
■ Investigou a historia de Galicia, centrándose en recuperar o pasado ourensán. Foi un dos que impulsaron o Día das Letras Galegas.

1997
Ánxel Fole

1998
Johan de Cangas, Martín Codax e Mendinho

1999
Roberto Blanco Torres​

2000
Manuel Murguía

2001
Eladio Rodríguez​

2002
Frei Martín Sarmiento
■ Pódese considerar o pai do galego, porque foi o primeiro filólogo e, ademais, iniciou a etapa do Rexurdimento do galego.

2003
Antón Avilés de Taramancos

2004
Xaquín Lorenzo, Xocas

2005
Lorenzo Varela

2006
Manuel Lugrís Freire​
■ Foi o director e fundador do primeiro xornal americano (en Cuba) redactado integramente en galego, «A Gaita Galega». Tamén presidiu a Real Academia Galega.

2007
María Mariño

2008
Xosé María Álvarez Blázquez​

2009
Ramón Piñeiro López
■ Político e ensaísta que dedicou a súa carreira a separar o galego da súa parte política para centralo na cultural, unha tendencia chamada piñeirismo.

2010
Uxío Novoneyra​

2011
Lois Pereiro

2012
Valentín Paz Andrade

2013
Roberto Vidal Bolaño​

2014
Xosé María Díaz Castro

2015
Xosé Filgueira Valverde

2016
Manuel María

2017
Carlos Casares Mouriño

2018
María Victoria Moreno Márquez
■ Foi unha das pioneiras da literatura infantil galega a partir da súa obra «Mar adiante». Sempre destacou polo seu compromiso social.

2019
Antón Fraguas

2020
Ricardo Carballo Calero

2021
Xela Arias
■ Escritora, poeta e tradutora que contribuíu a renovar a poesía galega con temas diferentes e un estilo persoal.

2022
Florencio Delgado Gurriarán

2023
Francisco Fernández del Riego
■ Un dos grandes intelectuais a partir da Segunda República. Tivo un papel fundamental no recoñecemento da cultura galega. Foi fundador da Editorial Galaxia e da revista «Grial».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies