C. PORTEIRO

Se hoxe podes ler estas liñas e entendelas é grazas ao labor de moitos homes e mulleres que fixeron o indicible por salvagardar primeiro, dignificar despois e modernizar a nosa lingua, o galego.
Dende 1963 a Real Academia Galega homenaxea cada ano a un deles. E sabes por que se celebra o 17 de maio? Foi a data na que se publicou o primeiro exemplar de Cantares gallegos (1863), a obra coa que Rosalía de Castro marca o renacemento cultural do galego. Non foi un camiño de rosas. O galego sufriu moitas aldraxes, pasando dende o desprezo institucional ata o estigma social por falar unha lingua que a miúdo foi considerada de segunda.

Dende entón foron moitos os homenaxeados: desde figuras tan icónicas como a propia Rosalía, Castelao ou Eduardo Pondal ata autores máis recentes e menos coñecidos, como Lois Pereiro. A aposta dos académicos nos últimos anos é a de premiar a aqueles que quedaron durante moito tempo nas marxes dos libros de literatura.

Quen é ese home da foto con gravata bolboreta atada ao pescozo que semella escudriñar coa mirada os viandantes de Vilamartín? Un doutor? O avó dun grafiteiro? É Florencio Delgado Gurriarán! O noso querido poeta de Valdeorras. Os veciños da comarca ourensá levan dúas décadas pelexando para que se recoñeza o legado literario do que chaman Lorca de Córgomo —en referencia ao prestixioso poeta andaluz—. E por fin chegou ese día. O próximo martes, Galicia celebrará a 59.ª edición do Día das Letras Galegas, dedicado a este escritor tan arraigado a esas terras de vides e lousa.

De quen estamos a falar? O señor Florencio Delgado Gurriarán naceu en 1903 en Córgomo, unha aldea ourensá onde hoxe viven uns 200 veciños. Todos eles traballan estes días arreo para engalanar as súas casas e rúas de cara á que pode ser a cita máis importante da súa historia recente.

Os seus pais inculcáronlle a Delgado Gurriarán a obriga de respectar e salvagardar o patrimonio natural e cultural de Galicia. Esa foi a semente que fixo crecer o amor pola súa terra e o seu idioma. Mesmo cando foi un rapaz criado a cabalo entre Córgomo, Ourense e Palencia.

Era tal a morriña que tiña que, ao rematar a carreira de Dereito en Valladolid, retorna á aldea (1928). Non tarda en integrarse e participar de forma activa en actividades culturais e festas. O apego á terra que o viu nacer acompañará a Florencio toda a vida.

O seu compromiso transcende os lindes de Córgomo e leva ao poeta a vincularse ás Irmandades da Fala —organización nacionalista galega— e ao Partido Galeguista. Non tarda, iso si, en comprender que o progresismo e o galeguismo dificilmente poden coexistir coa ditadura (1939-1975). Despois de publicar o poemario Bebedeira (1934), onde enxalza a natureza de Valdeorras, o bo vivir e o amor xuvenil, a súa pluma toma conciencia da necesidade de tomar partido por Galicia e poñer o seu verbo ao servizo da República. Unha aposta que o obrigará a fuxir a fume de carozo en 1936 tras o golpe de Estado. Non ten máis remedio que exiliarse a México en 1939.

Dende alí trata de manter viva a batalla política. No ano 1943, o Partido Galeguista en México publica o Cancioneiro da loita galega, un poemario cun moito máis combativo. No poema Falan castelán critica a esa xente acomodada de Galicia que non renega da súa terra, mais reduce o galego a unha lingua de pobres e campesiños.

Sempre soñou con retornar a Córgomo. Despois de publicar Galicia infinda (1963) —poemario con influencia mexicana—, Cantarenas (1981) —homenaxe a Valdeorras— e O soño do guieiro (1986), morre en 1987 en Fair Oaks (California), lonxe da súa terra.

 

Fin do estigma do galego

É curioso: hoxe estudar a cultura e a lingua galegas é un dereito, mais empregámola menos no día a día. Os académicos advirten da morte doce do idioma. Hai menos xente nova que fala a lingua nai, aínda que a falen os seus proxenitores. É o teu caso? As cousas eran ben distintas a comezos do século XX. Os nosos avós, que falaban a cotío en galego, non puideron aprendelo na escola, porque no se ensinaba galego e amais estudar era un luxo. A pobreza obrigounos a traballar ou emigrar. A sociedade vinculaba o galego ao analfabetismo. A xente acomodada quería desvincularse e falaba castelán. Por iso é importante recuperar a memoria de quen loitaron contra ese estigma. Non hai maior acto de amor e dignidade para un pobo que falar o seu idioma e homenaxear a quen contribuíu a facer del unha lingua culta.


Fugas, o suplemento cultural de La Voz, ofrece o venres un especial dedicado por enteiro ao autor homenaxeado, Delgado Gurriarán.

ACTIVIDADE BÁSICA

O Facebook das nosas letras

A Rosalía ou a Castelao poñémoslles cara. Pero a Lois Pereiro ou a María Mariño? É importante poñerlles rostro a quen contribuíron á promoción das nosas letras. Facede unha colaxe con fotos de todos decorado con escritos de cada un deles. Facede un mural na vosa aula.

 


As actividades desta unidade están deseñadas polo profesor de secundaria e dinamizador cultural Alberto Pombo.

La Voz presenta unha biografía e antoloxía

Dos 83 anos que chegou a facer, o de Córgomo só viviu 14 entre as montañas, vides e a un paso do río Sil da súa Valdeorras natal.

Desa premisa parte a publicación da xornalista de La Voz de Galicia Sara Pérez Peral sobre o homenaxeado que o xornal, como cada ano, ofrecerá aos seus lectores o próximo martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, por 1,95 euros. Ao longo das 160 páxinas de Florencio Delgado Gurriarán. Sempre desexando Galicia, profúndase nas diferentes facetas de poeta, tradutor, axitador político e defensor da lingua que cultivou na casa, en Galicia, e fóra dela, en México, onde construíu o seu fogar.

ACTIVIDADE AVANZADA

A nosa cultura: Avante toda!

Facede a vosa «playlist» das Letras Galegas. Desde a música lixeira de orquestras históricas como Los Tamara até o «heavy metal» dos Nao, pasando polo pop de Manoele de Felisa ou a música de raíz de Uxía… Valoremos os nosos autores, a nosa lingua e a nosa música.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies