O pasado xoves reuníronse na sede de La Voz de Galicia en Sabón os membros do xurado do concurso xornalístico Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, organizado por La Voz e a empresa Viaqua. Noventa minutos despois do inicio xa estaban os resultados, nos que houbo 16 premios que van dende a categoría infantil ata bacharelato.

O xurado estivo formado polos xornalistas de La Voz César Casal (subdirector), Sofía Vázquez (xefa de Opinión e Organización), Sandra Faginas (xefa de Suplementos), Ana Abelenda (coordinadora do suplemento cultural Fugas) e Carlos Ocampo (editor de La Voz de la Escuela); Rafael Sanguino, director de Márketing do xornal; ademais de Sonia Delpont, directora de Márketing de Viaqua.

O xurado analizou os traballos finalistas seleccionados por La Voz de la Escuela de entre os máis de 2.000 que se recibiron para este certame. Segundo a categoría —en función do número de propostas recibidas— había máis ou menos traballos finalistas. O membros do xurado tiñan que cualificar tres de cada categoría con 1, 3 ou 5 puntos. Isto permite certa flexibilidade no resultado final, e nalgúns casos moita igualdade no resultado.

Catro categorías por idade

Neste concurso hai catro categorías, segundo o curso dos rapaces: Infantil 1, para nenos de 3 anos ata 2.º de primaria, incluído, que tiñan que debuxar unha nova do xornal; Infantil 2, para estudantes de 3.º a 6.º de primaria, ambos incluídos, e neste caso os alumnos tiñan que debuxar unha nova, titulala e facer un pequeno resumo nunha maqueta que tiñan que descargar da web de Prensa-Escuela. Xa na categoría xuvenil hai tamén unha subdivisión: Xuvenil 1, para rapaces da ESO, que tiñan que facer unha entrevista; e Xuvenil 2, para os maiores, os de bacharelato, aos que se lles pide un artigo de opinión. Estas categorías teñen á súa vez dúas modalidades, xerais e Viaqua (de temática medioambiental). En cada unha ademais hai primeiro e segundo premio.

Os premios se recollerán nunha gala que terá lugar o vindeiro mércores día 15, as doce de mañá, no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, nas instalacións centrais de La Voz de Galicia en Sabón (Arteixo).

INFANTIL 1 MODALIDADE XERAL

Luca García Fernández

26 puntos, primeiro premio. Luca ten 7 anos e estuda 2.º de primaria no CEIP Plurilingüe de Foz número 1, e a súa titora é María Lourdes Rego. O xurado destacou deste traballo a súa pericia técnica, pero tamén a elección do tema, tan importante para nosa comunidade e para La Voz de Galicia.

INFANTIL 2 MODALIDADE XERAL

Mariña Toucedo

18 puntos, primeiro premio. Dende o titular e o resumo da noticia ata o debuxo, o traballo de Mariña foi aplaudido no xurado. Con 11 anos, estuda en 6.º no CEIP Anxo da Garda, da Coruña, e o seu profesor é Alfonso González. O asunto dos estorniños foi portada en La Voz de la Escuela.

INFANTIL 1 MODALIDADE XERAL

Ziyad Achtouk Bendriham

19 puntos, segundo premio. Ziyad ten sete anos e estuda na mesma clase que Luca, e por tanto a mesma titora, María Lourdes Rego. Do traballo presentado por Ziyad, o xurado destacou a súa capacidade para reflectir a dor e a rabia, así como o realismo do debuxo nun rapaz tan pequeno.

INFANTIL 2 MODALIDADE XERAL

Dylan Simoes Rua

14 puntos, segundo premio. Dylan estuda 5.º de primaria e ten 10 anos. Está no CEIP O Pombal, de Vigo, e a súa profesora é Camino Vázquez. Deste traballo o xurado destacou a temática —tecnoloxía co medio ambiente—, a pulcritude do debuxo, ademais de tratarse dunha investigación galega.

INFANTIL 1 MODALIDADE VIAQUA

Xulio Pernas Mera

25 puntos, primer premio. Xulio ten 7 anos e estuda 2.º primaria no CEIP de Cervo, baixo a dirección de Eva Martínez Baltar. Gañou con este debuxo tan realista dun incendio. O xurado valouro o uso das cores, o dominio das formas e obviamente o tema, que tantas páxinas do xornal ten ocupado.

INFANTIL 2 MODALIDADE VIAQUA

Sara Valentina Álvarez Olim

23 puntos, primeiro premio. Este traballo ten un debuxo de gran forza mesmo a súa simpleza, como o xeito de marcar o plástico na boca da tartaruga, ademais da súa caligrafía e redacción. Sara Valentina ten oito anos e estuda 3.º nas Carmelitas de Ourense; a súa titora é Consuelo Quintana.

INFANTIL 1 MODALIDADE VIAQUA

Julia Méndez Fernández

23 puntos, segundo premio. O galardón estivo moi rifado entre Xulio e Julia. Esta quedou segunda. O seu traballo ten moito mérito porque ten cinco anos. Estuda no CPR Montespiño, de Culleredo, e a súa profesora é Pily Tenreiro. O xurado destacou o valor de cada un dos elementos do debuxo.

INFANTIL 2 MODALIDADE VIAQUA

Darío Fernández Pardo

21 puntos, segundo premio. O traballo feito por Darío Fernández estivo moi preto de conseguir os máximos puntos. A temática é interesante, porque valora as solucións galegas, e o debuxo ten limpeza e enerxía. Darío ten 11 anos, estuda 5.º no CEIP Barrié de la Maza (Sada) con Lucía Vila como titora.

CATEGORÍA XUVENIL 1

A testemuña dunha muller maltratada, premio case unánime

Neste sistema de puntos, o máximo que pode recibir un traballo son 35 puntos, se os sete membros do xurado lle dan a máxima puntuación. Pero entre catro entrevistas a elixir, é difícil que iso ocorra. Aínda así, Rosa Quintás, alumna de 4.º do IES Lamas de Abade de Santiago (a súa titora é Maricarme Arias), conseguiu 28 puntos; a dureza da testemuña de Manuela sobrecolle a quen a le, un recordo do que foi e aínda é a violencia machista e da falta de apoio que sofren as vítimas.

O segundo premio da categoría xeral foi para Bruno Vázquez, de 15 anos, que estuda 4.º de ESO no colexio Carmelitas de Ourense, que dirixido pola súa profesora Yolanda Álvarez entrevistou a Javier Vázquez, un project manager. O xurado destacou a novidade deste traballo e o interese dun adolescente no futuro laboral.

En xeral houbo bastante acordo no xurado e só tiveron que destacar unha incidencia importante. No apartado de entrevistas da modalidade Viaqua, a gañadora resultou Alba Bergantiño, do colexio Franciscanas de Ourense, que fixo unha entrevista a Patricia Ramos, considerada a Greta Thunberg española; sen embargo, a entrevista tiña sete preguntas, cando as bases indican que como mínimo debe haber oito. Alba, pois, queda sen o premio, aínda que co recoñecemento dun traballo ben feito.

No seu lugar conseguiu o primeiro posto con 17 puntos Marta Puga, alumna de 16 anos que fai 4.º de ESO no CPR San José de la Guía de Vigo, e ten como profesora a María del Pilar Carrera. Ela entrevistou a Marta Bautista, educadora social que fala do que se chama sexta extinción masiva.

De segundo quedou finalmente Aaron Lagos, que tivo 16 puntos. Aaron ten 14 anos e estuda 3.º de ESO no CPR Franciscanas de Ourense, e o seu profesor é Gonzalo Sánchez Busons. Neste caso, Aaron falou con Susana Bayo, presentadora do tempo nunha cadea de televisión local e investigadora, que falou da crise climática.

O número de preguntas que constaba nas bases tamén afectou a outra das entrevista que disputaron os premios, a de Cristina Cotos, que falou coa súa avoa María del Carmen Yáñez, mestra xubilada. O interese da entrevista veu dado por que ela mais o seu home viviron oito anos ao Sáhara cando era español, un choque vital que ela recorda ben. No caso de Cristina Cotos, que por certo estuda terceiro de ESO no IES As Lagoas de Ourense, non perdeu ningún premio, posto que o seu traballo tiña só 8 puntos.

CATEGORÍA XUVENIL 2

A fenda dixital e o consumo excesivo, premios no bacharelato

Na categoría de opinión houbo un menor volume de textos presentados, xa que convoca a rapaces de bacharelato. Aínda así, houbo traballos destacables, como o de Noelia Gutiérrez Zuluaga, alumna de 17 anos que cursa segundo de bacharelato no CPR Calasanz da Coruña, tendo como profesora a Guadalupe Martínez. Noelia adicou o seu artigo á fenda dixital, un asunto que preocupa moito aos galegos porque divide a sociedade entre que pode e quen no acceder aos servizos que se prestan por internet. Noelia tivo 26 votos do xurado, que destacou o ben escrito que estaba o seu traballo. Da súa mesma clase é o segundo clasificado, Miguel Fernández Sáinz, que fixo unha reflexión sobre o patrimonio cultural e a sociedade, facendo fincapé na importancia do patrimonio (neste caso fala do Camiño) como identidade e orixe dun pobo. O xurado destacou o esforzo da profesora por ser quen de implicar a rapaces de segundo de bacharelato nunha actividade como este certame xornalístico.

Na categoría Viaqua o primeiro posto, con 25 puntos, foi para Iván Abad Álvarez, tamén de 2.º de bacharelato; no seu caso, estuda no Franciscanas de Ourense e o seu profesor é Gonzalo Sánchez Busons. No traballo fala de consumir de maneira axeitada. O segundo posto foi para Paula Lamas Mourelos, que estuda primeiro de bacharelato IES Xoán Montes, de Lugo, que ten como profesora a Lara Oliveira, que fixo un chamamento en favor das tres erres: reducir, reciclar e reutilizar.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies