JESÚS GARRIDO
Desde a Guía do Profesor do suplemento anterior de La Voz de la Escuela (26/04/2023) imos establecendo unha serie de datos que poden axudar non só ao coñecemento da noticia na aula proporcionándolles actualidade aos contidos e actitudes nas diversas áreas oficiais de aprendizaxe: matemáticas, sociais, lingua, idiomas, natureza, bioloxía… Pero, ademais deses contidos e actitudes do programa, xorde a idea específica de como promover a idea do sentido crítico, ao que poden colaborar todas as áreas de aprendizaxe oficial.
Novas propostas
1 | Segundo a teoría didáctica (TD), unha persoa que logrou unha educación efectiva é aquela que dispón fundamentalmente dunha ampla base de coñecementos, algo así coma un banco de datos ou unha enciclopedia que lle serven logo para comparar e aplicar ao estudo de novas situacións coas que ha de enfrontarse cando lle vaian xurdindo na vida.
En cambio, segundo a teoría crítica (TC), unha educación efectiva leva consigo e insiste non tanto en posuír un conxunto de datos e coñecementos illados, senón, máis ben, en posuír e dispor dun conxunto de estratexias, habilidades, conviccións persoais baseadas non só na propia experiencia, senón tamén, e principalmente, en dispor persoalmente de estratexias, habilidades, conviccións baseadas na propia experiencia e na capacidade de chegar a establecer procesos no propio pensamento ante as noticias que van xurdindo na vida.
2 | Na transmisión do coñecemento, por exemplo, a TD defende que o coñecemento, a verdade e o entendemento das cousas transmítese dunha persoa a outra fundamentalmente dunha forma oral, a base de información didáctica nas aulas, libros de texto e similares.
Un certo coñecemento das cousas, das noticias, por exemplo, transmítese dunha forma oral. Pero a súa comprensión e significado persoal (TC) require dun proceso interno de cada cal e isto leva consigo e resulta difícil de transmitir só pola voz ou por un escrito. Require, por exemplo, diálogo, discusión en grupo sobre a noticia e ver que coñece cada un e cal é o significado que a noticia ten para cada un.
Agora trátase de buscar noticias recentes que permitan desenvolver o sentido crítico de xeito espontáneo. Por exemplo, as que puidemos ler no periódico de onte referentes ao acoso escolar, un asunto que nos colle tan de cheo. Ou, outra tamén de onte, que fala da xaxaganda (en castelán, jajaganda): que hai tras este concepto?, como pode afectar ás nosas vidas?
Na imaxe recóllense os incendios de autobuses urbanos en Vigo, que semellan actos de sabotaxe: noticias locais para desenvolver o sentido crítico.