Facer unha reportaxe é moito máis que redactar textos. Parece unha conclusión lóxica, pero non o é tanto para uns rapaces de terceiro da ESO como os do colexio San Xosé, de Lugo, que acometeron a súa participación no concurso Xornalismo na Escola, que organizan La Voz de Galicia e Ence, pensando en publicar polo 8M, porque o tema elixido o pedía: o papel das mulleres na xestión deportiva.

O equipo que dirixe a profesora María del Mar Fernández quixo facer unha análise de como está a situación das mulleres en tanto directivas nos deportes. Non teñen moi lonxe un exemplo, o de Carmen Lence, que é a presidenta do Club de Baloncesto Río Breogán. Pero os estudantes non se conformaron con falar só cunha protagonista: querían saber tamén que tiña que dicir a academia sobre o asunto, e contactaron cunha profesora da Universidade da Coruña, María José Mosquera, para falar do asunto desde o punto de vista da investigación.

Deste xeito, os rapaces recoñeceron a esencia dunha reportaxe: testemuñas e expertos, o contrapunto para entender ben un tema concreto.

O problema que tiveron foi a falta de tempo. «Comezamos hai unhas semanas —explicaba María del Mar Fernández—, pero esquecémonos de que no medio estaba a semana branca, así que tivemos que apurar moito para facer a reportaxe». Contactar coa presidenta do Río Breogán foi relativamente fácil, pero atopar un oco para a entrevista resultou máis complexo; ao final, a boa vontade de Carmen Lence fixo posible unha charla cos alumnos.

Máis tempo tiveron para preparar e realizar a entrevista coa profesora María José Mosquera: «Ela reservou unha hora para a nosa entrevista», comentaba Fernández.

Proceso enriquecedor

Como este é o primeiro ano que participaban no concurso, pensaban que coas entrevistas o máis difícil estaba feito. Pero non. Darlle forma a unha reportaxe é algo máis complexo que transcribir. «Foi un proceso moi enriquecedor», sinala a mestra, o de ordenar as ideas e darlles forma.

Despois de moito traballo e máis dun apuro, a reportaxe estaba concluída en tempo e forma, e nela os alumnos puideron descubrir que a mesma esencia dos deportes —«un medio de pertenza dos homes», en palabras da experta da UDC— mantivo ás mulleres lonxe dos espazos e a xestión deportiva.

Prema aquí para ler a reportaxe

 

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies