As vacacións están a caer. Falta apenas unha semana para que soe o último timbre deste curso escolar e todos poidades coller un merecido tempo de descanso. Seguro que moitos de vos iredes de vacacións. Talvez algúns visitedes un país estranxeiro, outros quizais algunha illa como Gran Canaria ou pode ser que algúns quededes en Galicia e vos acheguedes, coa vosa familia, a outra zona da comunidade. En todo caso, debemos ser responsables.
Que é o turismo?
Por definición é viaxar a un lugar e percorrelo por pracer. Trátase dunha actividade recreativa e un dos motores económicos de España e Galicia. Desde os anos sesenta, o noso país converteuse nun destino para cidadáns de Alemaña ou Inglaterra que chegaban buscando sol, praias e sitios moi baratos. Os propios españois tamén empezaron a viaxar máis. Así foron medrando algúns puntos do noso territorio, como Benidorm ou Torremolinos.
Cal é o problema?
A medida que o noso país medraba e progresaba, o turismo íase asentando máis, e empezaban a destacar certas cidades, como Barcelona. Hoxe, veciños de moitos municipios denuncian un turismo masivo e pouco respectuoso cos seus espazos. Pois, aínda que moita xente non provoca ningún problema, ás veces aparecen visitantes que non teñen un bo comportamento. Noutras ocasións é simplemente porque hai tanta xente xunta que é en si mesmo o problema.
Hai exemplos?
Si. En España, podemos falar de Mallorca. A illa atravesa unha sobreexplotación de recursos causada polos negocios turísticos.
Que significa?
A construción de edificios amontóase en primeira liña de praia; hai marca de voos e cruceiros, o que contribúe ao cambio climático; os transportes públicos, que serven para usar menos o privado, están desbordados; os barcos recreativos arrastran e destrúen a posidonia coas áncora, e ademais a construción de piscinas aumenta, o que provoca que se malgaste a auga potable.
Que é o turismo sostible?
Así as cousas, cun turismo sen freos, cabe preguntarse se todos debemos ser máis responsables e promover un turismo sostible. Isto é, unha forma de viaxar respectando á poboación local, así como o seu patrimonio cultural e o medio ambiente. O obxectivo ten que ser seguir gozando dos sitios que visitamos, pero sen causar molestias.
Como o podemos facer?
Podedes comprar en comercio de barrio dos sitios que visitedes, non botedes lixo ao chan, reciclade cando esteades alí e coidade espazos naturais como o das praias. Tamén podedes utilizar o transporte público ou, se o lugar o permite, alugar unha bicicleta para ir dun sitio a outro; non deixedes a billa aberta mentres vos duchades ou vos lavades os dentes, e utilizade o aire acondicionado con moderación. Tamén é importante respectar aos habitantes. Por exemplo, deixándoos descansar, pois aínda que vos esteades de vacacións, eles teñen que traballar.
Francia prohibe os voos nacionais curtos e obriga a usar o tren
Cada vez son máis as persoas que se conciencian de que é necesario cambiar os medios de transporte que máis contaminan por outros máis limpos. Nesta loita involucrouse Francia. En maio, entrou en vigor a prohibición dos voos nacionais entre destinos que xa estean conectados por un traxecto en tren de menos de dúas horas e media. Este decreto (é dicir, que se aprobou por decisión do Goberno sen necesidade de someterse á votación do seu Congreso, a Asamblea) só supuxo a eliminación de dous rutas aéreas: entre París e Nantes, e entre Bordeus e Lyon. Existen outras tres liñas que cumpren con este requisito, pero a cobertura ferroviaria non é de calidade e non se lles aplicou. Pareceríache ben se España fai o mesmo? Pensa onde podería facerse.
Un avión emite de Londres a Nova York 0,62 toneladas de CO2 por persoa
Cando o avión queima combustible para viaxar, prodúcense gases de efecto invernadoiro, sobre todo dióxido de carbono (CO2), os cales contribúen ao quentamento global cando se liberan na atmosfera. Segundo a Organización de Aviación Civil Internacional, un voo desde Londres a Nova York emite unhas 0,67 toneladas de CO2 por pasaxeiro. Está claro que estas cifras dependen de moitas cousas, como o tipo de voo, pero nos permiten facernos unha idea do seu impacto. Especialmente, se temos en conta que se prevé que para o 2037 haxa 8.200 millóns de pasaxeiros aéreos.
E un cruceiro? Segundo os datos do Parlamento Europeo, a cantidade de contaminación de avións e cruceiros internacionais (mercancías e persoas) en Europa e similar: un 3,5 % do total.
ACTIVIDADE BÁSICA
As vacacións
Cando viaxamos, tamén podemos aprender de xeografía ou historia. Comparte cos teus compañeiros cal sería o lugar ao que viaxarías se puideses visitar calquera. Por que?, onde está?
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Unha experiencia europea
Imaxinades que podedes viaxar por toda Europa en tren, unir España con Italia, Hungría, Polonia, Alemaña ou Croacia durante tres semanas e ir acompañados dos vosos amigos? É algo posible que moitos mozos fan grazas ao Interrail, unha experiencia que sempre se describe como inesquecible. Trátase dun billete de tren europeo co que se pode chegar a 33 países de todo o continente, nun número determinado de días e de viaxes. Non son ilimitados. Existen dous tipos de pases, un que é global e permite visitar máis dun país e outro que só se pode utilizar no mesmo territorio nacional, que só che permite viaxar dentro das súas fronteiras. O prezo varía en función de moitas variables, como o tipo de pase, o tempo ou as conexións.
A orixe do Interrail remóntase a 1972, cando foi concibido como un billete de tren para que os mozos de ata 21 anos puidesen viaxar libremente durante un período de un mes como máximo polos países europeos. Tratábase dunha experiencia única que ampliaba as fronteiras ata chegar a 20 rexións europeas. Aínda que mantivo a súa esencia ata a actualidade, tivo lixeiros cambios. En 1998 eliminouse o límite de idade para viaxar e, ademais, permitiu incluír gratis a nenos de entre 4 e 11 anos. Deste xeito, a experiencia conseguiu asentarse en todos os grupos de idade, que axustan a viaxe aos seus gustos.
Esta experiencia ten varios detalles especiais. En primeiro lugar, só inclúe viaxes en tren, co que as estacións se converten na segunda casa. Lonxe de parecer desagradable, ten o seu encanto. Ademais, ao ter que ir dun sitio a outro coa súa equipaxe, a xente adoita optar por unha mochila, como a típica que utilizan os que fan o Camiño de Santiago. En verdade, esta experiencia aseméllase bastante á peregrinación. Quen a fai di que é das mellores da súa vida. A viaxe en tren pode ser especial: algúns atravesan montañas, vilas de postal ou ladeiras, o que permite que os seus viaxeiros queden encandeados pola beleza. As persoas de corta idade tamén adoitan durmir en albergues ou hostais, o que permite coñecer a outra xente e, sobre todo, outras culturas.
As conexións nacionais permiten coñecer un paraíso oculto
Moitos mozos compran o Interrail xusto despois de acabar bacharelato, coa maioría de idade recentemente adquirida, ou durante a carreira. Isto fai que, en moitas ocasións, sexa a primeira vez que viaxan sen a súa familia e durante tantos días. Descóbrese como unha experiencia de aprendizaxe e autonomía.
Durante este verán do 2023, desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, os mozos españois pódense beneficiar dun 50 % de desconto en Interrail, xa sexa por Europa ou por España. Por esa razón, o Goberno tamén bonificará o 50 % do prezo dos billetes de alta velocidade e o 90 % dos trens e autobuses que son competencia da Administración Xeral do Estado. Só se poderán beneficiar as persoas que teñan entre 18 e 30 anos.
Con esta decisión, o Goberno (que agora está en funcións debido ás eleccións xerais convocadas para o 23 de xullo) quere que a xente nova coñeza todas as rexións e municipios do noso país. Non é para menos. A amplitude do noso territorio ofrece unha variedade de paisaxes, opcións e formas de turismo que, en moitas ocasións, non reciben a nosa atención. Por exemplo, o Gran Canón do Colorado ou as terras volcánicas de Nova Zelandia non teñen nada que envexarlle ás Bardenas Reais de Navarra ou ás paisaxes de Lanzarote, respectivamente.
ACTIVIDADE MEDIA
O teu plan de interrail
Que mellor forma de coñecer un tema que aplicalo a túa propia vida! Abre a páxina de Interrail, investiga as posibilidades e elabora unha ruta. Que sitios che gustaría visitar? Elabora un orzamento. Corresponderíase co prezo real?
Que se agocha detrás da turismofobia
■ Tras o parón da pandemia, o turismo volveu con forza. Hai cidades nas que a masificación se incrementou, o que fai aflorar un sentimento de turismofobia: os veciños protestan pola presenza masiva de visitantes.
■ Venecia está a ver como a súa poboación decrece a medida que o turismo crece. As asociacións de veciños din que se reducen as actividades sociais, que cada vez hai máis pisos turísticos e a venda de produtos se centra nos visitantes. Pero queda unha dúbida: os veciños de Venecia irían a Venecia se vivisen noutros lugares? Ou o que é o mesmo, non é lóxico querer ver sitios marabillosos?
■ A poboación de Compostela protestou en contra das actitudes incívicas dalgúns turistas. Din que é habitual ver a grupos gritando polas rúas do centro a calquera hora, que as zonas están masificadas ou que hai menos pisos de alugueiro. Está claro que é difícil compaxinar ambas cousas. Tes algunha idea?
ACTIVIDADE AVANZADA
O visitante na porta da casa
O tipo de turismo que vén de vacacións a Galicia non é o típico de sol e praia. Caracterízase por ser máis cultural, motivado, en parte, polo Camiño de Santiago. A túa zona recibe moito turismo no verán?, cal é a principal atracción?, apoia a economía?
O dilema do turismo en España: pasar páxina dos espazos masificados e apostar pola calidade
■ Está claro que o sector dos servizos, no que se inclúe o turismo, é unha das principais actividades económicas de España. E, como é lóxico, a maioría dos turistas respectan as cidades que visitan. Con todo, non se pode negar que existe certa sobrecarga en cidades como Madrid, Barcelona ou Mallorca.
■ O tipo de turismo imperante segue sendo o de sol e praia, que tras o conflito de Ucraína, está mirando a ver como cambia o seu público obxectivo. Por exemplo, redúcense os visitantes de Rusia ou de China, e chegan máis estadounidenses.
■ Existen costas, como a de Málaga ou a de Benidorm, que se caracterizan por grandes infraestruturas e zonas moi cheas de xente. Fronte a isto, está a costa de Granada, por exemplo, na que o turismo de luxo foi asentando nos últimos anos. Precisamente, os expertos din que o turismo de luxo é unha oportunidade para o noso país. Non só nas zonas de costa, senón tamén nas rurais, e aí Galicia pode ter moito que dicir, porque o que ofrece é de moita calidade
■ Hai axencias de viaxes inglesas que venden paquetes moi baratos de voo, aloxamento e comidas para os seus cidadáns en zonas da Costa Branca (Alacante e Murcia). Así é como se masifica esta zona.
■ Ti que prefires? Moitos turistas que deixan pouco diñeiro o ao revés? Coñeces a alguén que viva do turismo? Pregúntalle!