C. MARTÍNEZ

A palabra ferrocarril vén do latín ferrum, que significa ferro, e de carril. Se a buscamos no dicionario, a Real Academia Galega indica que se trata «da vía de comunicación formada por dúas barras paralelas de ferro ou carrís sobre as cales circulan os trens». Pero tamén recolle que é «o sistema de transporte que constitúen os trens polo ferrocarril». Resulta preciso recordar o termo, xa que a día de hoxe o noso vocabulario xa conta con outros máis actuais, como AVE, alta velocidade e incluso levitación magnética.

Viaxe ao pasado

Pero para falar do presente e do futuro nunca está de máis botar unha ollada ao pasado. Ata finais do século XVIII, o transporte sobre raís reducíase exclusivamente ao transporte de vagonetas polas minas. Pero a aplicación que a máquina de vapor provocou durante revolución industrial marcou un antes e un despois na historia. «Os raís empezaron sendo de madeira recuberta de chapa e coas travesas [que se utilizan para que a vía garde o mesmo ancho] tamén de madeira. Coa chegada da máquina de vapor, e como cada vez os trens eran máis pesados, comezaron a construírse de ferro», comenta Uxío Batán, responsable de produción da canteira Richinol-Arenal.

A primeira liña ferroviaria do mundo entre dúas cidades data do ano 1830. Unía Liverpool e Manchester e foi percorrida por unha locomotora de vapor. Esta viaxe marcou o nacemento deste medio de transporte.

O tren do presente

A día de hoxe o tren tamén está composto de ferro, pero a el únense outros materiais que proporcionan lixeireza e sostibilidade para conseguir que sexa un medio de transporte limpo e rápido, como o manganeso, o molibdeno, o chumbo, o magnesio —que é o metal máis lixeiro do mundo—, o aluminio e o cobre. Este último non sorprende tendo en conta que é un compoñente imprescindible para calquera medio de transporte debido á súa alta condutividade.

De feito, tamén se utiliza nas catenarias, que son os cables aéreos de alimentación que transmiten a enerxía eléctrica que necesitan as locomotoras. Así como tampouco nos colle por sorpresa a utilización do aluminio, xa que, aínda que a día de hoxe se dan moi poucos accidentes nos trens, este material é capaz de aguantar calquera impacto, aínda que sexa pequeno. «Os trens son cada vez máis rápidos, cómodos, eficientes e respectuosos co medio ambiente», remarca Batán.

Áridos: básicos para o AVE

E que hai das vías? De que materiais se compoñen a día de hoxe? «Na actualidade os raís son de ferro, con travesas de formigón e todo sobre unha capa de basalto, pedras de entre tres e seis centímetros, que se utiliza para a distribución de cargas, evitar vibracións excesivas e como drenaxe», responde o experto.

Os áridos teñen un papel protagonista nas viaxes que facemos neste tipo de transporte. E dirás ti: por qué? Pois porque son os que soportan, grazas ás súas propiedades físicas, velocidades de ata 350 quilómetros por hora. Sen eles, non sería posible conectar as cidades galegas nin os 400 quilómetros que unen a estación de Chamartín (Madrid) con Ourense. Para que te fagas unha idea, para percorrer un quilómetro de vía de AVE necesítanse arredor de 10.000 toneladas de este material. Dentro deles, o de maior valor e o que sustenta as vías é o basalto, un tipo de árido cunha granulometría especial que ten como misión dar estabilidade á vía ferroviaria: «A velocidade dalgúns trens pode levantar as pedras da vía e, por iso, a partir de certa velocidade esta ten que ser en placa de formigón».

A día de hoxe en Galicia existen catro canteiras homologadas que subministran esta rocha e que fan posible as nosas viaxes en tren —entre elas, Canteiras de Richinol-Arenal, onde Batán se encarga da liña de produción—. Os materiais que proporcionan estas empresas «teñen que cumprir cunhas determinadas cualidades de firmeza e dureza para que as vibracións provocadas polo paso dos trens non produzan un desgaste excesivo. E tamén se fabrican as travesas, que necesitan uns exhaustivos controis de calidade para que non sufran fisuras coas vibracións dos trens de alta velocidade», recalca o experto.

Viaxe ao futuro

A tecnoloxía segue avanzando e a día de hoxe incluso poderíamos falar de trens que levitan, aínda que se trata dun medio de transporte que se encontra en proceso de desenvolvemento. Este tipo de tren utiliza o principio de atracción e repulsión que se crea entre dous campos magnéticos. Así o explica Batán: «Tanto o tren coma as vías atópanse dotados de potentes electroimáns, polo que a súa repulsión permite que se eleve uns centímetros sobre as vías. Á súa vez, tamén o atrae, para que non saia despedido e para que poida deslizarse con suavidade».

Este tipo de transporte ten a vantaxe de ser moito máis rápido, silencioso e suave. Grazas á tecnoloxía de levitación magnética, o tren pode superar os 644 quilómetros por hora nun túnel ao baleiro.

Pero, como todo, tamén ten desvantaxes. Entre elas, o alto custo que teñen este tipo de liñas, que derivan tanto do cara que resulta a infraestrutura necesaria para a vía e o sistema eléctrico coma do seu alto consumo de enerxía. Chegaremos a viaxar nun destos trens? Cómpre esperar un tempo para sabelo.


Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies