ÁLEX MARTÍN
Do tempo pasado na Facultade de Dereito gardo bos amigos, os libros nos que estudei, unha orla con toda a promoción fotografada e un CD con cancións do romanceiro sefardí interpretadas polo musicólogo castelán Joaquín Díaz, que aínda hoxe non sei como acabou nas miñas mans en metade dunha clase do cuarto curso.

Os sefardís son os xudeus que os Reis Católicos desterraron dos reinos de Castela e de Aragón en 1492. A súa expulsión requiriu da promulgación dun decreto, coñecido como o decreto da Alhambra ou edicto de Granada, un acto xurídico acorde co dereito que rexía as dúas coroas e que proviña directamente da vontade dos soberanos, os reis. Algo como iso resulta case impensable e imposible no noso tempo. Impensable porque a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a Constitución protexen o noso dereito a non ser discriminados nin represaliados de xeito ningún pola nosa ideoloxía, relixión ou crenzas. E imposible porque as normas xurídicas xa non emanan da vontade de reis ou señores, senón do pobo. E somos nós, os cidadáns, quen as ditamos a través dos nosos representantes.

Moitos daqueles xudeus colleron o camiño do sur e ficaron no que agora é Marrocos e no norte de África; outros, cara ao levante, acadaron os dominios do Imperio otomán e asentaron en territorios das actuais Turquía, Grecia, Bulgaria ou Serbia. Conservaron a súa lingua durante tantas xeracións que algúns dos romances recompilados naquel disco, coa súa letra en castelán arcaico, recolléronse varios séculos despois en cidades como Istambul, Saraxevo ou Marrakech.

Ao tratar da sociedade medieval e das súas institucións, a historia do dereito reserva un epígrafe ao edicto de Granada, que ninguén desfixo ata 1969 e que, aquén máis, no 2015, deu motivo a unha reforma da lei que regula os modos de adquirir a nacionalidade española, para que a poidan obter máis axiña os sefardís, que hoxe son os descendentes de quen foron expatriados da Península hai más de cincocentos anos.

A música sefardí resulta unha boa lección práctica. Unha coa que ilustrar como as relacións entre a sociedade e o dereito e entre o dereito e a sociedade van articulando a historia; ou como, por efecto dunha orde real dada en Granada no século XV, en barrios de Esmirna ou de Tesalónica, no século XX, seguíase a escoitar o antigo castelán.

A historia do dereito tamén está feita de historias.


Álex Martín é avogado.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies