S. PÉREZ

Unha cata de viños un día calquera cambiou as vidas de Dori Rodríguez (Doiras, Cervantes, 1982) e Jorge Alonso (Vilalba, 1980). Enxeñeiros de profesión ambos os dous, apostaron por emprender cunha adega ecolóxica na zona do Ribeiro que se basea nunha constante innovación. Seu é o proxecto de Adegas Celme.

Pregunta. Apostastes polo mundo da enxeñaría, por que?

Dori Rodríguez. Rematado o bacharelato, decidinme a estudar Enxeñaría de Deseño Industrial na Universidade da Coruña no campus de Ferrol. Daquela falabamos de letras e ciencias, e aínda que se me daban ben as ciencias tamén me gustaba a parte artística, de debuxo e de creatividade… E esta enxeñaría unía a parte creativa coa técnica.

Jorge Alonso. Estudei Enxeñaría Industrial na Universidade de Vigo. Nunca foi nada supervocacional, eu tiña preferencia por temas técnicos, matemáticos e físicos.

P. Como esperabades as saídas profesionais ao rematar?

D. R. Cando empecei non tiña nada claro, pero logo o meu soño foi deseñar xoguetes. Resolver esa parte técnica de como se fabricaban, a súa ergonomía, e facer algo creativo. A realidade é que nunca me faltou traballo e sempre foi de enxeñaría de deseño, no sector da automoción deseñando cascos para motos ou de mobles para museos… Tamén traballei con dispositivos de enerxía mariña renovable. Todo iso ata que coñecín a Jorge e comezamos a artellar outras formas de vida, outros traballos.

J. A. A min pasoume algo parecido. Tiña a sensación de que con 18 anos non pensas moito a longo prazo. Non tiña nin idea de en que ía traballar despois. Segundo avancei na carreira, comezaron a interesarme outras cousas e especialiceime en robótica e automatización, que era un pouco o que me gustaba. Pero nunca cheguei a traballar niso.

P. Que foi o que vos fixo dar ese xiro e cambiar totalmente de campo de traballo?

J. A. Mentres traballabamos en Lugo nunha empresa de enerxías renovables comezamos un curso de cata de viños. Foi porque nos interesaba e nos apetecía saber máis, pero só como puro ocio. Acabounos enganchando ao ser un estilo de vida moi interesante e apaixonante. Coñecemos a moitas persoas que falaban dos seus proxectos cunha paixón que non vivimos nese mundo industrial. Tamén coincidiu nun momento ao rematar o mestrado en Administración e Dirección de Empresas no que quería iniciar un proxecto. E ese mundo chamábanos a atención.

P. Como foi o proceso de emprender coa adega?

D. R. Emprender nunca é sinxelo, pero si que é certo que, cando o fas, falo con toda a ilusión do mundo. Todo está ao favor, pero tamén están os medos, nun sector que non era o noso e no que non tiñamos moita formación… Non foi un camiño doado ao principio, pero a ilusión e as ganas puideron con todo.

P. Hai relación entre a enxeñaría e a viticultura?

D. R. Hai pequenas aplicacións directas, porque nós facemos cousas diferentes. Non é traballar só a viña. Na primeira parte do proxecto, a formación de Jorge do mestrado axudounos a facer un plan de empresa, os primeiros números. Logo, para montar a adega, como deseñadora industrial soubemos como distribuír os elementos. Tamén na parte de automatización e do equipo de frío, dos depósitos de viño. E se hai algunha pequena avaría temos os coñecementos para saber que facer.

J. A. Aínda que a nosa formación non sexa específica no tema da viticultura, as nosas carreiras son bastante xeralistas, con conceptos moi amplos. O importante é que nos axudan a ter unha mentalidade para solucionar problemas e formular estratexias, de forma xenérica e para todo na vida.

Perfil que se busca para un posto así

Gran capacidade de análise

Como emprendedor da túa propia empresa de viticultura terás que realizar tarefas a nivel de coidado do viñedo e elaboración de viños, pero tamén outras relacionadas coa xestión e a parte máis administrativa. Estes son os coñecementos previos e as habilidades e aptitudes que se precisan para un perfil así:

Coñecementos previos

Coñecemento dos diferentes estilos e variedades de viño.

Alto nivel de coñecementos multidisciplinares: física, química, microbioloxía, botánica, matemáticas, estatística e análise.

Padal ben desenvolto.

Habilidades e aptitudes

Magnífico sentido do gusto e do olfacto.

Capacidade de facer observacións precisas, analizar e resolver problemas.

Actitude proactiva.

Boas habilidades de comunicación e interpersoais.

Capacidade de mando e liderado.

Flexibilidade para adaptarse a novas situacións.

Gran capacidade de análise.

Excelentes habilidades de comunicación escrita e oral.

Intereses

Paixón polo viño e pola viticultura.

Esta información foi elaborada polo equipo de expertos de viaedu.es

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies