4. RECURSOS

Desde o cadro de Busca da páxina principal de La Voz de Galicia, poderemos acceder á noticia da que parte esta unidade didáctica, ou a outras relacionadas co autor. Ou, se se prefire, pódese acceder directamente á noticia «Rescatan sete relatos inéditos de Álvaro Cunqueiro».

No suplemento Culturas, que se entrega os sábados xunto con La Voz, hai varios estudos interesantes sobre o autor, entre outros:

-O 5 de febreiro do 2011: Libros para paladear, sobre o Cunqueiro gastrónomo.

-24 de setembro do 2011: Todas as caras do autor da fantasía, sobre o congreso Mil e un Cunqueiros.

-17 de decembro do 2011: La novela que Cunqueiro soñó.

A súa biografía e outra información interesante do Instituto Cervantes.

-Esta páxina, amais de ser base das dúas primeiras actividades deste e-studio, contén información que o profesor pode empregar para ampliar, pero que pola súa complexidade ou densidade non resultaría adecuada para a lectura dos escolares.

-Tamén contén unha escolma representativa de todos os xéneros nos que picou o autor: son fragmentos breves.

Edicións do relato A cachola de Bouso:

-A edición de Xente de aquí e de acolá que manexamos para este e-studio é a de Galaxia (1981, 3.ª). A primeira foi de 1971.

-O relato tamén está recollido na escolma que publicou La Voz de Galicia (2010) na colección O Mellor de (n.º 15), que forma parte de A historia da literatura galega (coordinada por José Antonio Ponte Far).

O estudo As miradas infindas do fabulador, de María Xesús Nogueira, atópalo aquí.

O vídeo para a terceira actividade atópase, como dixemos, por partes:

Parte primeira.

Parte segunda.

Parte terceira.

Parte cuarta (incompleta).

Final da entrevista.

A transcrición do vídeo. Lembramos o ofrecemento de remitir por correo electrónico unha transcrición do vídeo completo, no que se podería ler mesmo os minutos que faltan, pedíndolla directamente ao autor desta unidade didáctica: carlos.ocampo@lavoz.es.

Tamén se pode proxectar o vídeo doutro documental, Imprescindibles: Álvaro Cunqueiro, que, este si, atópase completo aquí.

O CONTO

A CACHOLA DE BOUSO

No «Time» de Nova York lin que a un home de Chicago, por máis señas fillo de italiáns, operárono na cachola e atopáronlle un óso raro e suplementario. Isto xa lle pasara na miña provincia de Mondoñedo a Bouso de Prado. O óso do de Chicago era unha especie de faba, fixada entre os parietáis. O de Bouso non se non sabía de onde procedía, porque o botóu polo nariz. Pro hai que contar a historia dende o comezo. «Voici des détails exacts». Bouso estaba en Villalba, no feirón, comendo pulpo, e non tivo máis remedio que discutir cun veciño de mesa, que non era do país, alto, fraque, moreno. Despóis sóupose que era un valenciano que viña a mercar unhas mulas, que tivera xa outras do país que lle saíran mui pacíficas. Discutiron Bouso e o outro fulano a calidade do pulpo, e aí o valenciano e dixo que os galegos comían merda, dispensando, e tiróu o seu prato e cuspíu no de Bouso. Iste erguéuse e requiríu a cachaba, pro o valenciano foi máis rápido, botóulle as mans ao pescozo e sacudíulle a cabeza. Bouso sentíu que drento se lle soltaban todos os ósos, que ao desprenderse cantaron coma pequenas culleres que fixeran festa drento dun vaso de vidro. A Bouso nublóuselle a vista, e caíu ao chan. Volvéu en sí, e puido andar ate a casa. Pro tiña os ósos soltos drento da cachola. Ben os ouvía. Sacudía a cabeza, e tamén os ouvían os veciños. A muller levóuno a Primo de Baltar. Tivo que ir a muller con il, porque ás veces algún dos ósos soltos poñíanselle nun ollo e estorbábanlle a visión. Abondaba, eso sí, con que sacudiran ben a cabeza para que o óso cambiara de sitio, pro tamén podían virse outros deica adiante e deixalo cego ate que se daba cunha sacudida propicia.

Primo de Baltar, que era un compoñedor mui estimado, díxolle a Bouso que o primeiro era sacudirlle a cabeza para atrás, que sendo alí mui ancha, os ósos estarían máis cómodos. Sacudíuna como dixo. Seguidamente, e durante dous días seguidos, estando delambos sin comer, o científico e o doente, e sin beber, e descalzos, Primo púxolle na traseira da cachola parches de cera quente, co cal, pasando a cera ao interior, pegóu os ósos uns con outros e todos á que Primo chamóu «a bóveda da campana», que hai nalgúns suxeitos, e Bouso era distes. Os que soñando dormidos escoitan correr o vento é que a teñen. Rematado o pegamento, Bousa e Primo comeron un cabrito e beberon media cántara de viño. Primo cobróu cento vintesete pesetas, as vintesete da cera. Bouso, ademáis, puxo o cabrito, o viño, o pan, os cafés e mais o coñac. Tamén agasallóu a Primo cunha corbata co retrato de Machado, que lle mandara un sobriño que tiña na Habana.

Bouso quedóu ben. A súa muller todos os sábados de Deus poñíalle un parche de cera na cabeza para asegurarlle máis os ósos. Pro un soltóuse. Era coma un pitillo, alongado e redondo. Bouso ben o sentía. Cáseque pódese decir que o vía. Estaba podando distraído, e sentía o óso vir dende atrás a golpearlle na fronte. ¡Tac! Tivo que volver a Baltar, a que o estudase Primo.

-Tal óso é que che sobra, dixo o compoñedor.

-Que vai sobrar, hom!, ademirábase Bouso.

-Trátase do óso do azougue, Bousiño. Ise sóbralles a todos os que o teñen.

E vai Primo e nun bortel pequeño cerníu tabaco de picadura, e fíxolle sorber o rapé a Bouso. Viñéronlle uns espirros fortes e mui darriba, e ao terceiro saíu o óso. Parecía de ala de polo, e estaba mui limpo, branquiño.

-Paréceme que non é un óso de home!, comentóu Bouso.

-Por eso che sobra!, asentíu Primo.

Primo dixo que o millor era enterrar o óso, non fora a haber epidemia, que os ósos do azougue son contaxiosos. Bouso quedóu curado. Pésalle a cabeza, que se lle vai para atrás. Pro é natural, que ten alí pegados os ósos todos.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies