3. ACTIVIDADES

Na web do Instituto Cervantes hai unha páxina sobre Álvaro Cunqueiro que contén unha biografía do autor, unha escolma de textos de todo tipo e de todos os xéneros e outros recursos.

Empregaremos algunhas partes deste sitio web como base para desenvolver esta actividade e a seguinte. Na páxina principal, as ligazóns aparecen dispostas nunha especie de onda que inclúe a Biografía, o Quehacer literario, Varia cunqueirana (con textos orixinais) e outros que invitamos a coñecer. Ao picar nestas ligazóns, accédese á páxina principal de cada epígrafe e despois só é necesario ir avanzando polos apartados mediante unha frecha orientada á dereita.

3.1. ACHEGAMENTO A CUNQUEIRO. BIOGRAFÍA

3.1.0. Descrición da actividade

Con esta actividade ínstase os alumnos a coñecer a biografía de Cunqueiro relatada na web do Instituto Cervantes. Ao acceder ao apartado Biografía (desde a ligazón ou desde esta dirección) podedes ver que, amais dunha breve introdución, contén os seguintes apartados: «Mondoñedo es la melancolía y el silencio» (1), «Tan profundamente sentida, Lugo» (2), «A Compostela se acerca uno como quien se acerca al milagro» (3), Desde Ortigueira a Madrid (4) e Galicia (5), o que nos acae ben para facer a actividade por grupos. Un deles collerá a introdución e os dous primeiros (que son moi curtos) e os outros tres apartados repartiranse entre outros tantos grupos (se o carto parece moi longo, pódese dividir para dous grupos).

A actividade consiste en extraer da web a información relevante para coñecer a Cunqueiro, para o cal o grupo pódese axudar das preguntas guía que propomos a continuación. Despois da lectura e organización da información, cada grupo exporá o resto da clase as súas conclusións nunha posta en común do que atopara cada un deles. A actividade pretende:

a) aprender aos alumnos a localizar información relevante

b) desenvolver técnicas de traballo en pequeno grupo

c) desenvolver capacidades de traballo na posta en común en gran grupo nun dobre sentido: expor con claridade e obter información da exposición dos compañeiros.

AS PREGUNTAS GUÍA

3.1.1. Introdución e apartados 1 e 2 da Biografía

1.Data e lugar de nacemento de Álvaro Cunqueiro. ¿Como era a súa casa?

2.¿Como se chamaba a nai de Cunqueiro? ¿Que tres cousas lle gustaba facer?

3.¿Como se chamaba o seu pai? ¿De onde era? ¿En que traballaba? ¿Que facía no seu lugar de traballo? ¿Que cargo político tivo? ¿Que tres cousas lle gustaban e transmitiu o seu fillo?

4.¿Quen máis influíu na educación de Cunqueiro? ¿Que aprendeu del?

5.Sinala outras cousas que lembra da súa infancia. ¿Cal valora especialmente?

6.¿Cando comeza a estudar o bacharelato? ¿Onde (colexio, cidade)?

7.¿A quen coñece nesta época?

8.¿Que tres cousas descubre? ¿Cal é a máis importante delas?

3.1.2. Apartado 3 («A Compostela»)

1.¿Que carreira comeza estudar Cunqueiro? ¿Onde? ¿En que ano? ¿Onde reside e con quen? ¿Que impresión lle produce a cidade?

2.¿Que dúas consecuencias ten para Cunqueiro a participación nos falodoiros (a quen coñece e que conclusión tira de cambiar impresións con eles?

3. ¿En que revista publica e cal dirixe a partir de 1930, e cal é a temática de ambas? ¿A que partido se afilia e a que persoeiro coñece nel? ¿Por que este persoeiro é decisivo? ¿Con que revista colaboran ambos?

4.¿Cal é o seu primeiro libro (en que ano se editou)? Sinala algúns dos seus trazos (xénero, estrutura, fontes literarias, material que o acompaña). Cita a outra obra que preparou ese ano e que non se publicaría ata 1935.

5.Cunqueiro colabora noutras publicacións periódicas: cítaas. Ao redor dunha delas, Yunque, desenvolve unha actividade poética continua, na cal destaca a Cantiga nova que se chama ribeira: ¿Que corrente inaugura Cunqueiro con ela e que premio gañou? Neste eido editou outro poemario: ¿cal?, ¿que vangarda introduce en Galicia?, pero ¿que é o que o autor considera máis importante da publicación? Conviría citar algún dos colaboradores de Yunque, aínda que só sexa por comprender a súa importancia.

6.Sinala as iniciativas de Cunqueiro a través da Oficiña Lírica do Leste Galego e as publicacións periódicas (nacionais) nas que colabora tamén nos seus anos universitarios.

7.El Pueblo Gallego: cal é o talante dos seus colaboradores. Ademais de literatura, ¿de que outras cousas escribe o autor nesta publicación? En relación con estes outros temas, ¿a que cidade é invitado o autor para pronunciar unha conferencia? ¿Sobre quen? ¿En que revista catalá publica?

8.¿Como termina a etapa compostelá cunqueirana?

3.1.3. Apartado 4 (Desde Ortigueira a Madrid)

1.¿Onde reside e traballa a comezos da guerra civil? ¿En que semanario colabora? Nesa etapa, ¿que pasa coa lingua do poeta?

2.Entre 1937 e 1939 traballa en tres xornais diferentes. Enuméraos. Tamén colabora noutras publicacións: ¿que teñen en común entre si?

3.Hai dous motivos polos que Cunqueiro case abandona o cultivo da poesía tras a guerra civil: ¿cales son? ¿A que se limitan as súas composicións poéticas?

4.¿Que outro tipo de obras publica entre 1941 e 1945?

5.No 43 ocorren dous feitos que determinan o seu regreso a Galicia: ¿cales son?

3.1.4. Apartado 5 (Galicia)

1.Enumera as publicacións periódicas nas que traballa Cunqueiro ao seu regreso a Galicia.

2.Recolle a súa traxectoria no Faro de Vigo. ¿Que tipo de literatura escribía neste xornal? Non esquezas que as traducións formarán parte logo dun poemario: ¿de cal?

3.Recolle os títulos nos que foron recompilados algúns dos artigos escritos en castelán e en galego. ¿Que caracteriza estes artigos como xénero literario?

4.Hai dous trazos do contido dos artigos periodísticos: sinálaos. ¿A que outras actividades comunicativas leva estes trazos?

5.¿Escribiu libros de viaxes? Cítaos.

6.Enumera as grandes novelas de Cunqueiro, indicando o ano de publicación de cada unha e distinguindo cales foron en castelán o cales en galego orixinalmente. Sinala as tres características comúns a todas elas.

7.Os libros de relatos de Cunqueiro: títulos e datas.

8.Neste contexto, fálase das fontes temáticas de Cunqueiro. Coléctaas e sinala que obra dramática do autor é representativa disto.

9.Engade á lista de obras do autor os premios literarios que se lle concederon.

10.Outros nomeamentos dos que foi obxecto o autor, antes da data da súa morte.

3.2. PRIMEIRO ACHEGAMENTO AO ESTILO

3.2.0. Descrición da actividade

Esta actividade pretende servir para introducir no coñecemento do estilo e o sentido da literatura de Cunqueiro. Aproveitamos novamente as excelentes páxinas publicadas no Centro Virtual Cervantes, ás que accedemos desde a páxina principal (na ligazón Quehacer literario) ou desde aquí. Neste epígrafe, no que tamén podemos avanzar de capítulo facendo clic co rato na frecha que mira cara á dereita, inclúese a Narrativa, Poesía, Teatro e Periodismo, pero ver todos pode resultar excesivo, e mais innecesario, mesmo para alumnos de bacharelato. Sinalamos os que interesa ler e os contidos que convén extraer deles.

A actividade pódese facer individualmente ou en gran grupo (lectura individual en voz alta por parte dun alumno) e completarse coas preguntas guiadas do profesor para a posta en común.

3.2.1. Álvaro Cunqueiro novelista (o en qué se parece una novela a un huevo)

-O estilo, o humor, a preocupación polo home e o mundo rural.

-Invención fantástica, como fórmula de busca da verdade.

-A historia do protagonista fronte aos pequenos relatos marxinais.

-A capacidade de soñar e a felicidade humana: indagación no sentido da vida do soñador. A reinvención dos mitos atlánticos primeiro e mediterráneos despois. Os heroes cunqueiráns.

-Cunqueiro, precursor do realismo máxico. A importancia da historia.

3.2.2. Álvaro Cunqueiro, poeta

-A situación xeracional de Cunqueiro: as vangardas.

-Tres trazos da poética de Cunqueiro: brevidade, discontinuidade, unidade.

-As obras (anos e lingua orixinaria de publicación).

-Temática.

-Sincretismo: neopopularismo e culturalismo.

-Modernidade da poesía de Cunqueiro.

3.3. CLAVES DA LITERATURA CUNQUEIRANA

A terceira actividade consiste na proxección do vídeo (ou dalgunha das súas partes) da entrevista que Joaquín Soler Serrano fixo a Álvaro Cunqueiro, emitida no programa A fondo de TVE no ano 1978. É difícil atopar este vídeo completo na web, pero si podemos facilitar ligazóns (véxase o epígrafe Recursos) a partes que permiten velo case completo. Tamén ofrecemos unha transcrición a quen nola queira solicitar (carlos.ocampo@lavoz.es). A continuación facilitamos as partes que puidemos localizar na web (case toda a entrevista) e os seus contidos máis relevantes:

Parte primeira 14.25 min. O máis interesante son as opinións de Cunqueiro sobre Galicia e os galegos, polo que teñen de clarificadoras para entender a obra do autor.

Parte segunda: 14.37 min. Fala o autor da liberdade que lle dá escribir en galego, fronte á rixidez da normativa castelá. A paisaxe galega na súa obra, a saudade, a gastronomía (e os coñecementos inútiles) e a súa infancia son outros temas da conversa.

Parte terceira: 14.23 min. Na adolescencia e na xuventude (Lugo e Santiago) o autor xa dera os seus primeiros pasos literarios (poesía, colaboracións periodísticas). Fala tamén do papel da fantasía na súa prosa e do papel desta na rexeneración da prosa galega.

Parte cuarta: 11.59 min. O teatro (a influencia de Shakespeare), as novelas castelás e os libros de relatos centran este tramo final da entrevista, da que falta algúns minutos, pero non os más interesantes: os que tratan dalgúns estudos sobre o autor e outras cuestións da súa biografía menos interesantes.

-Da parte cuarta falta o remate da entrevista, que contén algún dato interesante. Non obstante, pódese recuperar os minutos finais no vídeo titulado Cunqueiro e os xudeus galegos (3.05 min) que recolle a derradeira pregunta e a despedida. Trata sobre o libro Ceniza en la manga dun viejo, do que autor fala como se existira, aínda que nunca saíu nin sairía do prelo. Recollemos, ao respecto, unhas palabras publicadas por Carlos G. Reigosa en Culturas, o suplemento de La Voz de Galicia, o sábado 17 de decembro do 2011 (De Rogelia al viejo de la ceniza):

«No obstante, quizá el caso más extremoso y llamativo se produciría con Ceniza en la manga de un viejo, su «novela más larga».

Respecto de esta obra, es inolvidable el momento en que, en 1978, el periodista Joaquín Soler Serrano, al término de una entrevista en el programa A fondo de TVE, le preguntó: «Y la última noticia, ¿qué hace ahora Álvaro Cunqueiro?». El escritor de Mondoñedo respondió sin asomo de duda: «He terminado una novela larga, la más larga de todos los libros que he escrito, que se titula Ceniza en la manga de un viejo. Saldrá para la primavera, supongo.

Sobre el contenido de este libro fue algo más claro en otro programa televisivo en el que afirmó que se trataba de un «libro de memorias».

Quizá, como en su Hamlet, Cunqueiro trataba de contar los hechos no cuando ocurren, sino cuando se recuerdan. Es decir, sueños frente a realidades en el último confín de la vida. Eso parecía querer ser la obra ya terminada, la que, en vano, todos desearíamos poder leer».

3.4. ANÁLISE LITERARIA DUN RELATO

Os relatos de Cunqueiro presentan características estruturais e estilísticas ás que propomos aproximarnos cunhas pautas de análise que podemos concretar no texto que axuntamos a continuación para que se poida traballar con el na clase, o titulado A cachola de Bouso.

O relato breve cunqueirán comeza cun pretexto ou cunha anécdota, case sempre algo extraordinario, contados rapidamente, en poucas liñas.

Continúa a narración coa presentación do personaxe principal, co que o narrador ten sempre algunha proximidade, se non é que o coñece persoalmente. Detémonos, na análise, neste personaxe: entre os seus atributos, o seu nome de pía ou o seu alcume seguidos dun topónimo ou dun xentilicio, como é propio da Galicia rural. Poden aparecen a continuación trazos físicos, pero poucos e moi caracterizadores. E nunca falta o retrato moral, centrado no oficio ou nas actividades habituais, de onde se deduce que é un paisano corrente, talvez con algunha teima, a quen lle acontece algo extraordinario ou que ten algunha habelencia especial. Non son indiferentes as localizacións (a de procedencia e polas que se move), lugares precisados da xeografía galega.

O desenvolvemento da historia consiste na pormenorización diso extraordinario, que pode ser a capacidade do personaxe de falar ou entenderse cos animais ou cos mortos (con eses mortos que en Galicia continúan a carón dos vivos en espírito), as propiedades animadas dalgún obxecto que posúe, algunha habelencia milagreira ou algo que, simplemente, o fai diferente aos demais. O extraordinario adoita situar o personaxe na necesidade de arranxar algún asunto, quer porque llo pide o morto ou o animal co que fala, quer por un uso indebido do obxecto ou da habilidade milagreira, quer pola propia anormalidade da situación. E na solución do problema intervén un personaxe secundario, que ás veces queda en mero interlocutor.

Non sempre o desenlace é favorable ao protagonista. Chega con rapidez (en poucas liñas). E consiste nunha conclusión que ten cabida (é verosímil) na lóxica (fantástica) o relato, aínda que non ten por que ser completamente coherente co desenvolvemento previo da historia. No canto diso, Cunqueiro dálle outra reviravolta á realidade, agasalla cun novo factor de sorpresa o lector e termina o conto chanceando con el nun final que adoita ficar aberto.

En canto ao estilo, o trazo máis característico da lingua dos relatos de Cunqueiro é a súa oralidade, que se concreta en recursos como as digresións e a emancipación da linealidade; o emprego da conxunción copulativa <e> e do relativo <que> para avanzar mediante a acumulación de oracións; as expresións lexicalizadas e o recurso ás frase feitas. No léxico descubrimos unha lingua de base popular, arcaizante, e, non obstante, literaria, coidada. A sinxeleza permite o rápido avance da acción.

Moitos recursos serven para reforzar a verosimilitude. Así, a proximidade do autor á historia e a concreción de tempos e espazos (relativa) e o emprego do diálogo, ás veces dunha soa intervención, que tamén ten outras funcións: alixeirar a narración e dar contraste á naturalidade coa que se asiste ao extraordinario. Ás veces contribúe ao avance da acción, pero outras quédase nun simple contrapunto con outra función adicional: a humorística.

E o humor, por último, é o trazo que tingue todo o relato. Un humor amable, que busca o sorriso, non sarcástico.

As seguintes preguntas tratan de guiar ao alumno na análise do conto antes citado seguindo as pautas deste epígrafe:

1.¿Quen é o personaxe principal? ¿De que o coñece o narrador ?

2.Di como se chama e sinala os trazos que o definen como persoa normal.

3.¿Que é que lle acontece de extraordinario ao personaxe principal?

4.Busca signos de que a xente convive co extraordinario como se fose normal.

5.¿Cal é o problema que hai que arranxar? ¿Aparece aquí algún personaxe secundario? ¿Cantos e quen son? ¿Como interveñen?

6.¿Cal é a solución do problema? ¿É coherente? ¿É verosímil? ¿Hai algún novo factor de sorpresa? ¿Paréceche unha solución tráxica ou amable?

7.¿Pensas que podería continuar a historia dalgún xeito? ¿Como?

8.O estilo oral: comenta a rapidez coa que avanza o relato. (Un xeito de facelo é contabilizar os fragmentos descritivos ou argumentativos que non contribúen ao progreso da acción: ¿hai moitos?). As digresións, a progresión acumulativa da narración e as frases feitas.

9.¿Quen dialogan neste relato? ¿Hai moitas ou poucas intervencións? ¿Que funcións ten o diálogo?

10.O humor: sinala escenas ou anécdotas que fagan agromar o sorriso.

3.5. NORMALIZACIÓN ORTOGRÁFICA

A transcrición do conto A cachola de Bouso respecta a ortografía da edición que manexamos, de 1971, coas peculiaridades do propio Cunqueiro e mais as dunha lingua aínda sen normativizar. Un exercicio relacionado coa lingua pode ser a transcrición do texto segundo a norma actual.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies