0. PREPARACIÓN

No 2011 celebrouse o centenario do escritor Álvaro Cunqueiro, nado un 11 de decembro na cidade de Modoñedo, unha das sete capitais do antigo Reino de Galicia, fillo de Pepita Mora Moirón (dunha importante familia da comarca) e de Xoaquín Cunqueiro Montenegro, que tiña unha botica na que se organizaba un faladoiro ao que asistían médicos, cóengos, cazadores, e o neno Álvaro. Amais do seu proxenitor (do que aprendeu todo sobre herbas, árbores e paxaros, e o gusto pola gastronomía), tamén influíu na súa formación o barbeiro Manuel Ledo Bermúdez, o Pallarego, pois a cotío visitaba o seu local, onde lles lía os parroquiáns as noticias do periódico («inventando la mitad de ellas»), e foi el quen lle aprendeu filosofía, música, literatura e xeografía.

Sen entrarmos noutros detalles da súa biografía, digamos nesta presentación que xa de mozo publicaba no xornal do seu instituto (o Xeral Técnico de Lugo, onde coñeceu a Ánxel Fole e descubriu o galego). E que, matriculado en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, xa daquela comezara a colaborar con varios xornais e revistas, sobre todo con achegas sobre literatura, e dende entón proseguiu cunha carreira xornalística que culminou na dirección de El Faro de Vigo e as súas colaboracións en La Voz.

Nesta unidade didáctica propomos unha viaxe á biografía do autor, ás claves literarias a través dunha entrevista televisiva e, aínda que Cunqueiro cultivou todos os xéneros literarios, como é no relato curto onde, ao noso parecer, máis brillou, unha lectura e posterior análise de A cachola de Bouso, extraído de Xente de aquí e de acolá.

1. LA NOTICIA

Non é fácil saber se a noticia de La Voz (22 de marzo do 2012) falaba de Cunqueiro a propósito do libro De santos y milagros ou se, máis ben ao revés, o pretexto era Cunqueiro para falar da publicación desta antoloxía coordinada polo profesor Xosé Antón López Silva, que recolle artigos e textos do autor de Mondoñedo, entre eles sete relatos inéditos publicados entre 1945 e 1946 na revista Catolicismo. Reprodúcese a noticia (que tamén se pode atopar na páxina web de La Voz, escribindo o título no cadro de busca: aínda que ben puidemos elixir outra máis recente, pois o mindoniense resístese a abandonar a actualidade. É o relato curto unha boa escusa para volver a el.

Rescatan sete relatos inéditos de Álvaro Cunqueiro

«De santos y milagros» recupera sete textos que só apareceran nos corenta na revista «Catolicismo»

Pacho Rodríguez| Madrid

22/04/2012

O pasado setembro La Voz adiantaba o achado, por parte do profesor Xosé Antón López Silva, de sete relatos inéditos de Álvaro Cunqueiro que, tras a súa publicación na revista Catolicismo nos anos 1945 e 1946 non volveran a saír á luz. Ata onte, coa presentación en Madrid de De santos y milagros, antoloxía coordinada por López Silva que rescata 138 textos e artigos, entre eles os sete relatos ata agora descoñecidos, e que unha vez publicados só pasaran á recámara das hemerotecas.

Este é un Cunqueiro na súa salsa, é dicir «haxiográfico e milagroso», tal e como apuntou onte na presentación López Silva, polo que esta publicación cobra, máis aló do inédito, o valor do esencial e recoñecible que fixo soado ao seu autor.

De santos y milagros, do que é prologuista César Antonio Molina, pertence á Colección Obra Fundamental da Fundación Banco de Santander. E en Madrid, nun acto presentado por Borja Baselga, director da Fundación Banco de Santander, xunto a López Silva e o propio Molina, incidiuse na importancia do autor de Merlín e familia como creador, impulsor e renovador das letras galegas, pero tamén na súa transcendencia como un dos máis importantes escritores españois da segunda metade do século XX.

O escritor e exministro de Cultura César Antonio Molina advertiu, non sen certa ironía, que as súas charlas con Cunqueiro «foron reais, a diferenza das de outros», para deixar patente a súa relación con Cunqueiro desde o sentimental ao literario, os lazos familiares de amizade do seu pai e o seu tío co escritor, e o seu labor de investigación da obra do creador de Escola de menciñeiros.

Molina, que sendo un neno coñeceu a Cunqueiro, resumiu así o contido do volume: «Esta recompilación temática é como as que el quería. Eu fíxeno así e Xosé Antón tamén», remarcou. López Silva, que tamén incorpora a esta atractiva obra un estudo literario, apuntou: «Cunqueiro é temático, pero non son tantos temas, porque era un escritor de mundos».

Xosé Antón López Silva tamén subliñou que «esta obra serve de referencia da súa obra por eses sete relatos que contén e que estaban na revista Catolicismo», ademais de destacar o valor que terá De santos y milagros para entender o período anterior a 1955 e coñecer a obra ficcional dese período.

Artigos de La Voz

Na selección de 138 artigos e textos de Cunqueiro incluíronse colaboracións do escritor mindoniense con diferentes cabeceiras, entre as que figuran varios artigos publicados en diferentes etapas da súa carreira en La Voz de Galicia.

«O lector que se achegue a estes textos atopará ao Cunqueiro que nos gusta aos que o lemos, o do recoñecemento ao seu estilo. O lector séntese encantado porque se nota en territorio coñecido, porque saborea a linguaxe do propio autor», relatou López Silva.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies