OLGA SUÁREZ

Galicia recibe peregrinos de todo o mundo, pero dende un pequeno colexio da provincia de Pontevedra comeza unha peregrinación inversa moi particular: as que percorren os quilómetros non son persoas, senón as cunchas que un grupo de oito nenos de educación infantil regalan aos viaxeiros que ven pasar desde a fiestra do seu colexio, a escola unitaria de Carracedo, adscrita ao CRA de Caldas.

Esas cunchas de vieira acompañan aos camiñantes nos quilómetros que quedan por percorrer ata Santiago, e continúan na mochila de regreso aos seus lugares de orixe, a modo de recordo daqueles pequenos aos que máis tarde lles envían fotos nas que as amosan polos lugares máis emblemáticos do mundo.

O artífice desta idea é Joaquín Freire, profesor desta escola unitaria desde 1993, aínda que con varias interrupcións que coinciden coas súas estadías en Estados Unidos: primeiro en Houston, no ano 2005, e despois en Luisiana. «Esta é unha aldea moi pequena, pero dende aquí temos unha visión do mundo moi ampla», di para explicar a grande riqueza e diversidade de persoas que cada día pasan pola porta do centro educativo, en pleno Camiño Portugués.

O proxecto das cunchas ten un precedente, iniciado polo propio Joaquín entre o 2013 e o 2017. Daquela quixo aproveitar a localización do colexio para mostrar aos seus pequenos alumnos a gran cantidade de linguas e culturas dos viaxeiros que pasaban por alá. «Falaban con eles dos diferentes idiomas e as nosas fiestras estaban cheas de carteis escritos en diferentes alfabetos», lembra. Os peregrinos paraban na escola, ensinábanlles cancións e contábanlles tradicións das súas orixes. O proxecto, denominado «Unha ventá aberta o mundo», foi recoñecido no 2018 co premio xacobeo ao mellor proxecto educativo, pero pechouse co regreso de Joaquín de novo aos Estados Unidos.

Agora, de volta en Galicia, segue decidido a aproveitar ao máximo a riqueza cultural que deixan os peregrinos ao seu paso pola vila. Neste caso, ocorréuselle facelo coas vieiras, e o primeiro que fixeron foi ir á praia a recollelas: «Cada neno ten unha cor e repártenas con cintas desa cor, coa promesa de que despois lles manden unha fotografía». E a viaxe dese símbolo tan característico do xacobeo estase plasmando con alfinetes de cores —os de cada un dos oito nenos— nun gran mapa do mundo que teñen na aula. «Estes nenos saben moito de xeografía, pero iso é o de menos, o mellor é o que aprenden de cada cultura e da diversidade do mundo», reflexiona. E ten o propósito de sensibilizar aos cativos de 3 a 5 anos respecto ao diferente.

Ademais de acompañalo na súa traxectoria profesional, o certo é que este proxecto tamén marcou a vida persoal deste entusiasta profesor do Camiño de Santiago. Hai anos, dúas peregrinas letoas pasaron pola escola. Charlaron cos nenos, ensináronlles cancións e, cun delas, Joaquín fixo unha conexión especial. Mantiveron o contacto durante meses e hoxe é a súa muller, nai dos seus dous fillos, que, por certo, son dous dos alumnos que reparten vieiras entre os peregrinos.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies