L. Cancela

Claudia Gómez (Pontevedra, 1997) tiña unha cousa moi clara desde que comezou o bacharelato: non quería as matemáticas na súa vida. Sabía que a súa profesión nunca tería algo que ver con elas, polo menos de forma directa. Entre dúbidas, elixiu unha carreira que lle permitise explorar a súa afección máis querida: a fotografía.

—Estudaches Xornalismo, por que?

—Eu fixen o bacharelato de ciencias sociais, pero o certo é que non tiña nada claro o que quería facer coa miña vida. O único que sabía era que non ía ter as matemáticas presentes, nin nada relacionado coa ciencia. Pero nunca souben que quería ser. Pensei en meterme en moitas cousas, como por exemplo maxisterio.

—É dicir, non foi vocacional.

—Non, para nada. Xamais pensei que podería ser xornalista de rúa, de estar nunha redacción. Pero ao final escollín este grao porque me gustaba a comunicación, a fotografía, e todo o que tiña que ver coa edición de imaxe ou de vídeo. Sempre foi unha das miñas paixóns, por iso, cando vin que este grao tiña unha materia relacionada, apunteime.

—A carreira cumpriu as túas expectativas?

—A medias. A miña experiencia do grao de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela valóroa positivamente, sobre todo polas experiencias que me deu. Con todo, penso que o programa de estudos non vai cos tempos actuais.

—Tes o corazón dividido.

—Claro. É dicir, os coñecementos e materias están ben, pero creo que o enfoque non é o que se lle tería que dar ao xornalismo de hoxe en día, porque as moitas ferramentas que estudamos non se empregan no mundo laboral.

—Que botaches en falta?

—Falábase moito de redacción, pero non tanto de redes sociais, que hoxe en día teñen un valor moi importante. É certo que as traballamos no curso final da carreira, pero penso que ao ter tanta relevancia no noso mundo e ser unha nova maneira de facer xornalismo, deberíanse empregar e estudar desde o principio.

—Cando rematas a carreira, volven as dúbidas?

—Si, rematei a carreira no 2019 e non tiña nin idea do que quería facer. Falei coas miñas compañeiras para ver que farían elas, e descubrir se iso me podería axudar. Ao final, foi grazas ás primeiras practicas que fixen no grao, que me decidín polo marketing e comunicación dixital, e fixen un mestrado para especializarme.

—Foron as únicas prácticas que fixeches?

—Non. Tamén fixen outras, seguindo a miña paixón pola fotografía, en La Voz de Galicia. Foi unha experiencia que recordo con moito cariño porque aprendín a organizarme como unha profesional máis.

—Agora a que te dedicas?

—A día de hoxe, dedícome ao marketing dixital e ás redes sociais. É dicir, traballo no sector da comunicación pero cun especial énfase na mensaxe publicitaria. Pero todo isto en París, claro.

—Por que estás en Francia?

—Por amor, aínda que soe moi clixé. Vin a Francia porque coñecín a miña parella durante o Erasmus. Estivemos dous anos a distancia e xa chegou un punto no que estabamos pensando como facer. Finalmente, atopei unhas prácticas en París, e foi grazas a iso que fixen as maletas e aquí sigo ata o día de hoxe.

—Que foi o máis difícil deste proceso?

—Mudarme a Francia marcou un antes e despois na miña vida, tanto a nivel persoal como profesional. Eu saín de España como unha rapaza que acababa de graduarse, e cheguei a un país sen apenas falar o seu idioma. Isto foi o máis complicado, especialmente dedicándome ao sector da comunicación. Por iso, sempre recomendo á xente que se forme en diferentes linguas.

—E como relacionas a carreira co teu traballo en París?

—A base é a mesma: a comunicación. É dicir, aplico cousas que aprendín en Xornalismo como establecer relacións interprofesionais, a ter estratexias óptimas para comunicar, e tamén a utilizar ferramentas de traballo. Aínda que na carreira non as ensinasen, pola miña conta estiven aprendendo a utilizar editores de vídeo ou de fotografía. Iso é algo moi importante.

—É como o esperabas?

—Si. Esperaba que a comunicación publicitaria estivese moi baseada en números, promocións e vendas, pero ao mesmo tempo ten un lado moi creativo. Esa é a parte que máis me gusta, é toda unha arte.

—Vives en tensión? Parece un traballo que require moitos resultados.

—Non. Síntome moi cómoda neste sector. Creo que atopei o lugar que me corresponde, aínda que non dera coa profesión ideal. Síntome segura, creativa e que podo explotar o meu potencial no marketing.

—Que consello lle darías a unha persoa que está a piques de elixir unha carreira?

—Que non se deixe influenciar polo que digan outras persoas. Un nunca sabe onde vai acabar, polo que hai que manter unha mente moi aberta. A vida dá moitas voltas, polo que ninguén debe deixar que lle corten as alas.

Iniciativa propia, moita curiosidade e creatividade

Para traballar no mundo da publicidade e marketing precísase dun perfil de humanidades e ciencias sociais, no que destaca a boa capacidade para a ideación, planificación e execución de proxectos informativos, ademais de habilidades para traballar baixo presión e adaptabilidade ás novas tecnoloxías.

Coñecementos previos
Coñecementos de lingua estranxeira.
Coñecemento de taquigrafía.

Habilidades e aptitudes
Boas habilidades de comunicación oral e escrita, sabendo aproveitar os recursos lingüísticos e literarios que sexan máis adecuados aos distintos medios de comunicación
Capacidades para recuperar, organizar, analizar e procesar información e comunicación coa finalidade de ser difundida.
Iniciativa propia, creatividade, participación activa e predilección polo traballo colaborativo.
Capacidade de autocrítica.
Honestidade, integridade e transparencia.
Ter curiosidade e decisión.

Intereses
Vocación pola lectura.

Esta información foi realizada polo equipo de expertos de viaedu.es

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies