M. VARELA
Recoñece Xan Rodríguez Silvar (Ferrol, 1953) que non sabe dicir que non. Ao mellor por iso segue a exercer a docencia malia xubilarse hai nove anos, cando fixo os 60 e entendeu que a súa carreira no instituto Sofía Casanova de Ferrol, onde era director, rematara. Pero aquilo foi só a fin dunha etapa. Avó, naturalista, ornitólogo e gaiteiro, foi un dos fundadores da Sociedade Galega de Historia Natural con só 23 anos e hoxe traballa arreo dende o Museo de Historia Natural de Ferrol —«unha pequena xoia que temos»—, entre outras cousas, impartindo titorías a alumnos de FP, aos dos mestrados da Universidade da Coruña e pronto tamén aos das facultades de Santiago e Salamanca.
—Facer tantas cousas distintas sempre me axudou moitísimo no oficio de ensinar. Enriqueceume para formar aos meus alumnos.
—Mesmo como gaiteiro?
—Dende os 15 anos empecei no mundo da gaita con Raparigos. Fixemos 50 anos no 2018 e fomos un grupo moi adiantado na época. Era unha responsabilidade facelo ben nas festas aos 15 anos, así que ao chegar aos 18 tiña unha rodaxe humana moi grande. Deime conta, ao empezar coas clases, de que a ensinanza era unha especialidade do show-business. É comunicación: ter ao público atento, dinamizalo.
—O de ter táboas foi literal, logo.
—Si, foi intuitivo. Estudei en Santiago dende 1972 ata o 77. Collín unha época de moitísimo activismo, máis que de tipo político, no ambiental, que tamén é parte da política. No verán de 1978 cheguei a Ferrol e tiña esas experiencias acumuladas. Todo iso, cara á docencia, foi como un máster.
—Sendo novo, como encaixa no instituto cando chega?
—Foi divertido, tiven a experiencia no 78 de poder facer unha substitución nun centro privado. Vin a privada por dentro, un centro que só era masculino. Pareceume atroz [ri]. Ao ano seguinte aprobei a oposición e entrei no Sofía Casanova, que daquela era coñecido como o feminino de Ferrol. Cando cheguei, vin a dotación que había, que viña de épocas anteriores. Eran centros antigos, pero ben dotados. A miña sensación foi que había ferramentas coas que funcionar. Entramos moita xente distinta, da miña quinta (tiña 26) e outra que entrara con mesmo 60 anos. Os claustros eran un pouco á antiga, estruturado todo o ensino dunha forma que eu vivira como alumno de bacharelato antigo.
—Había moito que mudar.
—Case todo eran clases maxistrais, unha estrutura moi estática. Iso fómolo cambiando, rompendo pouco a pouco. Foi un dos últimos femininos que quedaban en Galicia e fomos o único que pediu cambialo voluntariamente. É significativo por que tipo de claustro caemos aí. Pedimos a mixtificación e o cambio de nome. Foron anos moi potentes, de moitísima actividade e controversia dentro dos claustros, con xente dispar, pero sempre houbo bo trato e colaboración dentro das discrepancias.
—Que debate había nos claustros nesa época de cambios?
—Nese primeiro estadio, a controversia se reducía a seguir como estabamos, que para moitos era o máis cómodo: continuar co ensino que recibiches, replicalo. Outra parte do colectivo docente, non sabendo moi ben que alternativas eran as boas, tiñamos claro que había que cambiar.
—Onde atopaban eses espellos a imitar para mudar?
—Non había o acceso á información que hai hoxe, pero o que quería tiña respostas en cadernos de pedagoxía, por exemplo. No 79, por exemplo, houbo en Sevilla as primeiras xornadas en España sobre educación ambiental. Metémonos nun Citroën GS prestado e conducimos dende Santiago. Nese momento, tanto no ensino medio como en primaria, había moito activismo que se traducía en cousas como xornadas de pedagoxía. En Ferrolterra foron moi activas as celebradas en Mugardos. Eran encontros nos que se buscaban expertos ou xente doutras zonas de España para asesorar aos que empezabamos aquí.
—Di que nese momento houbo certo rupturismo.
—Si, intentabamos facer as cousas de xeito educadamente rompedor. Fomos un dos centros que experimentou a reforma. Antes da Logse tivemos un bacharelato experimental rompedor porque non había libros. Traballamos moito nos centros porque, por ben intencionado que estivese, como moitas cousas no ensino, estaba baseado no esforzo do profesorado. A preparación dos docentes foi escasa. Moitos quedaron queimados por ese esforzo. A Logse foi un antes e un despois. Para moita xente foi traumático porque non se axudou a facer o tránsito.
—En que sentido?
—Traballas con rapaces nunha idade crucial e houbo moito profesor desbordado. Alumnos que querían abandonar e que agora tiñan que estar ata os 16 anos. Iso levou anos de axuste, de ir dotando aos centros de persoal, incorporando mestres de colexios de referencia, profesores de pedagoxía terapéutica ou orientadores. Pero non había coidadores ou persoal para alumnos con problemas de atención.
—Para vostede foi positivo?
—Para min si. Coa Logse, a xente que non sacaba antes o graduado tiña obrigatorio permanecer ata os 16 anos. Pero aquel cambio debeu facerse con máis medios, non facendo que o profesorado asumira toda a carga.
—Con que reflexión queda?
—A que fixen dende o principio: como gaiteiro podes tocar para un público durante un tempo, pero o curso é unha performance de nove meses, con persoal cativo, e iso é moi duro [sorrí].