B. CASAL
A Pablo Sueiro (Pontevedra, 1999) os satélites cruzáronselle na vida hai cousa de medio ano. Despois de acabar o grao en Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense da Universidade de Vigo, tivo unha oferta que non puido rexeitar: a de Serco GmbH, unha empresa que facilita os controladores e enxeñeiros á Axencia Espacial Europea e á Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos. «Era unha oportunidade única para gañar experiencia nun sitio onde logo igual non tiña posibilidades de estar», sinala.
—Antes de nada, que é iso da Enxeñaría Aeroespacial?
—A diferenza entre Aeroespacial e Aeronáutica xa non existe en España. Esta última era a que se estudaba antes do Plan Bolonia, pero realmente o colexio profesional, por exemplo, é o mesmo. Os dous primeiros anos tes moita física e matemáticas, ao igual que outras enxeñarías, como poden ser a Industrial ou a Mecánica. Digamos que aí te introduces na enxeñaría e logo en 3.º e 4.º xa colles unha especialidade.
—Por que escolliches a carreira?
—A maior diferenza respecto a outras é que esta é moi ampla. Ás veces traballamos coas mesmas cousas que un enxeñeiro mecánico, pero para certos traballos usamos tecnoloxías moi específicas. No sector da automoción está todo moi automatizado para fabricar o maior número de coches posible, pero no da aeronáutica hai moita xente traballando manualmente con resinas e os operarios están moi especializados. Nunha fábrica igual fan 600.000 coches ao ano, pero unha empresa que faga pezas aeronáuticas igual produce só unha nese tempo, porque todo ten que ir ao detalle e co respaldo da tecnoloxía. Creo que todas as enxeñarías teñen o seu, son polivalentes e permítenche traballar en moitos sitios, pero esta é moi tecnolóxica e gustoume bastante. A verdade é que é un campo versátil. Cando fas a selectividade é difícil decidir a carreira porque non temos moi claras as diferenzas, pero eu recomendaría mirar cales son as aplicacións reais no mundo laboral e logo decidir. Esta pode ser unha boa opción para quen lle gusten a tecnoloxía, as matemáticas e a física.
—Parece unha titulación con moitos camiños laborais diferentes.
—En total hai unhas cinco especialidades distintas. Por exemplo, está a de aeroportos, porque os enxeñeiros aeroespaciais traballan cos civís e os arquitectos cando se constrúe un. Logo hai unha de aeronaves, que foi a que fixen, e que está enfocada ao deseño de avións, helicópteros ou foguetes. E tamén hai outras centradas na navegación e sistemas, os materiais ou a propulsión.
—En que consiste o teu traballo?
—Levo uns sete meses nesta empresa, que está no sur de Frankfurt (Alemaña), pero os cinco primeiros foron de training. Para traballar tes que pasar uns exames e ter unha certificación. A misión na que estou é a MSG, que é a segunda xeración dos satélites Meteosat. O que facemos é captar imaxes da Terra en 12 frecuencias de luz. Por exemplo, a luz visible, a frecuencia infravermella ou outra onde se poden ver masas de vapor de auga terrestre. Todo iso, cunha cámara que dá voltas a 100 revolucións por minuto e que escanea a Terra de abaixo a arriba para logo enviar datos á sala de control. Logo facemos unhas rectificacións para corrixir as imprecisións do satélite e mandamos unha imaxe con datos a un montón de axencias meteorolóxicas. Ao final, toda esa información é a que se utiliza para facer as predicións do tempo en países de Europa e África.
—E pensabas traballar no control de satélites despois do grao?
—A min o que máis me gustaba eran os estudos de dinámica de fluídos. Sempre me gustara traballar na parte espacial e aínda que o de agora non é exactamente a miña especialización, estou moi contento. Cando rematei a carreira tiña pensado facer o mestrado habilitante para exercer no resto das ramas, e seguramente será algo que faga máis adiante, porque sempre pode facer falta chegado o día, pero esta era unha oportunidade única para gañar experiencia laboral nun sitio onde logo igual non tiña posibilidades de estar.
—Como é o teu día a día como enxeñeiro aeroespacial?
—A maioría do tempo non hai problemas, pero cando si os hai tes que andar con coidado. Hai días con máis presión, pero en xeral ben. Ademais teño a sorte de compartir traballo con xente que leva 25 anos de experiencia. Cando che toca traballar con eles, nótase, é un verdadeiro luxo.