O xurado do concurso de Prensa-Escuela Caderno de Campo-Xornalistas Naturais saíu da reunión do pasado luns, cando elixiron aos gañadores das diferentes categorías do certame, cun sentimento agridoce. Valoraron a vintena de traballos presentados, pero tiveron que descualificar varios deles, algúns verdadeiramente bos, por incumprir unha das normas máis importantes do concurso: non se pode intervir no espazo natural, nin tocar nada nin tomar mostras de ningún tipo.

Nas bases do curso queda claro que as aulas teñen que facer un caderno de campo e «os materiais consistirán no resultado da mera observación e interpretación do observado, e nunca dunha manipulación, acción ou intervención nesa flora e fauna e nesas contornas. Cada aula, coordinada polo seu profesor, traballará así como un equipo de xornalistas naturais que vaia rexistrando periodicamente as novidades naturais do entorno, sen intervir nel (sen tocar nada), pero de maneiras diversas».

 

O xurado estivo formado por Antonio Sandoval, ornitólogo, escritor naturalista e divulgador, que fixo de portavoz; Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), con sede en Santa Cruz (Oleiros); Xacobo de Toro, coñecido divulgador e profesor de Bioloxía no CPI O Cruce, de Cerceda; e Nicolás Ron, técnico da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. María García de Dios foi a representante de Prensa-Escuela. O xurado valorou cada un dos traballos presentados nestes parámetros: número de entradas ou apuntes; espírito naturalista; redacción dos textos; imaxes utilizadas; e presentación. Gañaron os centros con máis votos totais, coa suma dos de todo o xurado nos cinco aspectos analizados.

Antonio Sandoval, escritor naturalista e divulgador, ademais de responsable da sección A escola salvaxe deste suplemento, e que actuou como portavoz do xurado, explicou tras a reunión a importancia de non intervir: «Queremos transmitirlles aos alumnos a necesidade de analizar o seu entorno, pero como espectadores, como xornalistas. É perigoso intervir nun espazo, e máis coller mostras. De feito, e aínda que moita xente non o sabe, a lei mesmo prohibe coller a pluma de certas aves». E cita como exemplo a recollida de algas: podería parecer unha cousa menor, e ata positiva, pero un xornalista natural non debe intervir, porque imaxina que nese barullo de algas pode haber animais vivindo ou outros protexéndose dos seus depredadores. «Nós —engade o naturalista— non podemos fomentar nun premio coma este condutas contrarias ao máximo respecto á natureza».

O xurado espera que «estas descualificacións non desanimen aos profesores a volver na vindeira edición, porque fixeron un traballo moi bo e só teñen que profundar no espírito do caderno», en palabras de Sandoval.

Educación Especial

Por categorías, a aula gañadora de Educación Especial foi a aula Azul do colexio Sagrado Corazón de Placeres, en Pontevedra. A profesora Patricia Davila é a súa responsable e, segundo o xurado, fixo cos seus alumnos un traballo magnífico. Xacobo de Toro destacou a variedade de perspectivas coas que analizaron o entorno, e as conclusións que obtiveron. Antonio Sandoval engadiu: «Foi un traballo extraordinario, pois demostra tanto unha curiosidade naturalista de primeiro nivel como un cariño moi especial polas plantas e animais veciños ao centro escolar».

Educación Primaria

Na categoría de Educación Primaria, o caderno gañador foi o de segundo curso de primaria do CPR Santa Apolonia, en Santiago. Silvia García é a súa profesora. Deste grupo o xurado destacou a curta idade dos alumnos e o seu xeito de escribir.

Pero da competición caeron algúns cadernos moi interesantes, como o da aula de quinto do CEIP Manuel Fraga, de Cariño. Os estudantes e a súa mestra, María Aurora Vilar, presentaron un traballo moi interesante, con fotos, debuxos e collages. Nicolás Ron sinalou como a clase tocou «temáticas relacionadas cos puntos elixidos, dende as rocas metamórficas, as algas, a area, herbario…) e traballou de xeito moi ordenado». Pero, precisamente foi a manipulación de plantas, a retirada das algas ou mesmo das areas o que botou fóra do concurso este traballo.

Tamén no colexio Lope de Vega, de Vigo, os rapaces de quinto, baixo a dirección de Cristina Posada, fixeron un traballo moi interesante. Optaron por variar de temática ao longo do curso, pero unha vez máis houbo unha intervención no entorno.

Categoría ESO

Na categoría de ESO, o gañador volve a ser o CPR Placeres. A aula de terceiro, da que é titora Ana Pascual, fixo un traballo exemplar: «Todo un caderno de campo. Con rexistros de diferentes variables e fotografías», apuntou Carlos Vales.

Sandoval indicou que neste caso os rapaces recolleron lixo do entorno. Aínda que os plásticos «non son flora ou fauna», dende o xurado se recomenda limitar este tipo de intervencións no caderno, é mellor dentro doutras iniciativas do colexio, e os expertos aconsellan contar con medidas hixiénicas axeitadas para protexer aos rapaces.

No caderno gañador hai un erro, porque se confunde a garzota nival coa garzota común, o que impediu que o caderno obtivese a máxima puntuación posible, aínda que acadou 90 dos 100 puntos máximos. Por detrás de Placeres quedou o Nosa Señora do Carmo-Grande Obra de Atocha, de Betanzos. Neste caso o equipo de cuarto curso, dirixido por Maricarmen Romeu, conseguiu 60 puntos. O xurado valorou o número de entradas, as imaxes e a presentación.

Nesta etapa de secundaria quedaron fóra dos premios traballos como o do IES Muralla Romana, de Lugo. Os alumnos de Delia Polo desenvolveron un traballo moi orixinal con vídeos explicando obxectivos e metodoloxía, como destacou Ron, pero «hai recollida de plantas e mesmo un alumno colleu na súa man unha lombriga, e iso vai contra o espírito (e as bases) do concurso».

Formación Profesional

Finalmente, o premio á categoría de FP quedou deserto porque os traballos presentados tiñan manipulación de especies naturais. No caso da aula da EFA A Cancela, nas Neves, o traballo tiña unha boa presentación, estaba claro e ordenado, con boas imaxes e redacción de textos.

Educación Primaria. Os rapaces de segundo do CPR Santa Apolonia (Santiago) fixeron un traballo moi persoal.

ESO. O caderno de campo de 3.º de ESO do CPR Placeres presentou moitos rexistros e moi diferentes, que o xurado valorou.

Educación Especial. Gañou a aula Azul do CPR Placeres (Pontevedra) grazas a un traballo que foi moi aplaudido polo xurado.

Os cadernos poderanse consultar na web prensaescuela.es

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies