OLGA SUÁREZ

Este ano en La Voz de la Escuela queremos ver a realidade desde os vosos ollos, os dos adolescentes. Os alumnos de secundaria, FP e bacharelato estades nun momento importante das vosas vidas, de transición entre a infancia e a idade adulta, e resulta moi interesante coñecer o voso punto de vista para comprendervos mellor e poder axudarvos nestes momentos. Por iso, preparamos unha serie de concursos pensados exclusivamente para vós, para que teñades no xornal unha ferramenta de axuda e tamén que o vexades como o que é, un modo de comunicarnos e de obter información que nos interesa.

Para iso, este curso preparamos un total de nove concursos, un por mes; o primeiro xa está en marcha e ten a fotografía como protagonista. Queremos que nos contedes cal é o voso lugar favorito. Aproveitade a cámara do móbil para mostrarnos ese lugar especial. Pensade ben cal é o mellor foco ou cando a luz é perfecta. Acompañade a imaxe dun pequeno texto explicando onde se atopa e por que a escollestes. Podedes participar ata o 31 de outubro. Nós compartiremos nas nosas redes sociais —Instagram, X (Twitter) e Facebook— as que consideremos máis interesantes, e no suplemento de La Voz de la Escuela sairá o nome da persoa gañadora e o seu traballo. A fotografía publicarase neste suplemento do 4 de novembro. Ademais, os gañadores recibiredes un agasallo na entrega de premios que organiza en xuño La Voz de Galicia.

Para os profes

De seguro que os profesores poden tirar partido desta proposta de actividades e empregala como un elemento máis da avaliación de contidos: fotos, artigos de opinión, pódcasts, críticas, análises lingüísticas… Ou as familias animar aos rapaces, porque hai un pouco de todo para que calquera alumno de ESO, FP ou bacharelato poida amosar o seu talento.

 

Os outros concursos

As cen palabras

En novembro, saca o teu lado máis creativo cunha historia curta de non máis de cen palabras. O tema é libre, sempre que non ofenda a ninguén. O noso obxectivo é que practiques a expresión escrita, liberes o escritor que todos temos e goces no proceso!

A nova máis importante do ano

Para decembro pensamos nun concurso propio da época: que lembraremos do 2023? Cales serán as novidades máis importantes? Neste ano ocorreron (e de seguro quedan por suceder) moitos feitos interesantes, e algúns pasarán á historia, mesmo aos libros de texto. Pois ben, terás que elixir cal foi o máis importante para ti e explicarnos por que o cres.

Coa lupa posta

De seguro que nas vacacións de Nadal poderás gozar dun concerto, unha obra de teatro, unha película, de ler unha novela ou dun restaurante. Á volta das festas, en xaneiro, pon as lentes críticas e cóntanos como foi a actividade e se nola recomendas.

Poesía no reguetón

Que son as letras das cancións se non poemas? En febreiro, mes do amor por excelencia, escolle unha canción (non ten que ser reguetón) e explica que significa, como se estrutura e que recursos estilísticos usa.

Semana da prensa

Coñeces a sección Cartas ao director dos xornais? É o espazo destinado aos lectores. Para marzo vamos pedirche que escribas unha carta ao director para formar parte da nosa comunidade.

Vouche contar

Crea o teu propio pódcast de non máis de 5 minutos. Pode ser informativo ou entretido, pero debe ter un significado propio. Non tes que falar só ti, pero o que debes lembrar é que non se pase do tempo e, por suposto, que non sexa ofensivo. Este concurso será convocado en abril, para que o fagas co impulso da forza da primavera.

Cómo foi o curso?

Xa sabes que nos gusta que reflexiones sobre o que fas. Por iso, en xuño vamos pedirche unha opinión sobre o mellor e o peor do curso que estás a piques de rematar, e consellos para os que veñen detrás.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies