CINTHYA MARTÍNEZ

As terras raras están compostas por un total de 17 elementos químicos. O escandio, itrio e os 15 restantes do grupo dos lantánidos son eses que están abaixo de todo na táboa periódica. Sitúalos? Inicialmente chamáronlles terras raras porque aparecían en forma de óxido. «No século XVII, cando empezaron a descubrirse, é a maneira que tiñan de denominar a este tipo de elementos. Pero nin so terras, nin tampouco son tan raras», comenta Pablo Núñez, delegado do Colexio de Xeólogos en Galicia e membro da Federación Europea de Xeólogos.

O experto matiza que algunhas si que teñen pouca presenza na codia terrestre, pero outras, no.

O que si é innegable é que estes elementos volvéronse indispensables no século XXI, xa que se utilizan en case todos os dispositivos electrónicos que temos para o noso día a día. Por un lado, nos dispositivos electrónicos. «Por exemplo, un teléfono móbil está composto por 62 metais. Entre eles, terras raras. A elas se lles deben os cores vivos da pantalla, os altofalantes, os auriculares, a vibración que nos avisa de notificacións ou os circuítos electrónicos», sinala Núñez.

Como podes imaxinar, non só están presentes nos smartphones, tamén noutros aparellos electrónicos como os ordenadores, as tabletas, pantallas led e incluso algúns electrodomésticos.

Reis da transición ecolóxica

Seguro que che soan os termos «transición ecolóxica» e «transición enerxética». A día de hoxe, son moi utilizados polos políticos e os técnicos. Tanto a nivel autonómico, como nacional ou europeo. O mundo necesita que mudemos un pouco a nosa forma de vivir para que non o acabemos destruíndo. E que ten un papel protagonista nese cambio? Efectivamente, as terras raras.

«Principalmente, teñen aplicacións magnéticas, son quizais as más importantes e polas que máis están en boca de todos. As terras raras involucran electróns de maneira que funcionan como imáns. Isto permite que os grandes aeroxeneradores de enerxía eléctrica poidan funcionar», apunta o xeólogo. Para que te fagas unha idea, un aeroxenerador —de seguro tes algún preto da túa casa—, contén arredor de 260 quilos de terras raras. Entre elas, Núñez sinala dous en concreto:

«Como o disprosio, que se utiliza para as turbinas eléctricas, ou o praseodimio. Ambos conseguen altísimas frecuencias en espazos moi pequenos». Desta forma, son elementos básicos para conseguir enerxía eléctrica e seguir avanzando cara unha economía verde na que non dependamos tanto de combustibles fósiles.

Tesla entrando en acción

Moito se fala estes días da compañía de automóbiles Tesla. E sobre todo do seu dono, Elon Musk. Máis aló de polémicas varias das que é protagonista, o certo é que no ámbito dos negocios podería dicirse que é bastante astuto. Estás perdido? Explícoche.

As terras raras tamén son fundamentais na fabricación de coches. Por exemplo, un híbrido contén aproximadamente 10 quilos destes elementos. Así o explica Núñez: «Os novos automóbiles que van a substituír aos de motor térmico, os eléctricos, teñen máis de cen imáns na súa estrutura. Dende o axuste dos asentos, pasando polos limpas, apertura e peche de ventás, portas, retrovisores, airbags, miles de sensores…». Case nada. Por iso, algúns dos principais produtores modernos, como Tesla ou Toyota, «forman parte da extracción de varias minas para conseguir que os seus automóbiles dispoñan de estes materiais».

China domina o mercado

«O gran problema que temos é que o mercado de terras raras está controlado por China», adianta o experto. En concreto, el estima que o 96 % das terras raras que circulan polo mundo, dependen do país asiático. E como consecuencia, somos moi dependentes da súa industria.

Galicia conta con varios xacementos identificados. «É unha das zonas con más potencial de Europa para posibles exploracións, pero aínda non estamos nese punto. Só temos indicios. Algúns casos están algo estudados, pero non o suficientes para ter unha mina», conclúe Núñez.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies