S. Pérez

Vermello, laranxa, amarelo, verde, índigo, azul e violeta. Esas son as sete cores do arco da vella que pode captar o ollo humano, pero segundo apuntan varios estudos son máis as tonalidades que o conforman. Hoxe, 3 de abril, celébrase o Día Mundial do Arco da Vella, un fenómeno meteorolóxico que nos deixa a todos coa boca aberta mirando para o ceo e que ten a súa propia xornada co obxectivo de dar a coñecer máis información sobre el e para fomentar os valores da tolerancia e o respecto.

Sabedes por que se forman os arcos da vella? Ben, hai que dicir que son imprescindibles as gotas da chuvia e a luz solar. E que coincidan, claro, ambos factores. A luz solar, que é branca, sepárase formando varios raios de diferentes cores que atravesan as pingas de auga cun ángulo determinado, pois estas fan a función de prisma. Foi Aristóteles quen fixo os primeiros estudos sobre o fenómeno.

E a forma circular? En realidade, o arco da vella é un círculo completo, só que non se pode apreciar porque se impón o horizonte. Para velo íntegro, teriamos que estar nalgún lugar moi alto. Tampouco se pode medir o seu tamaño, pois depende de dende onde se estea vendo.

Ás veces fórmanse arcos dobres, e incluso triplos, porque a luz, nalgunhas pingas, se reflicte dúas veces no seu interior. O secundario rodea o arco da vella principal e as súas cores son máis febles. As do terceiro case que nin se perciben. Como curiosidade, as cores deste segundo aparecen á inversa, é dicir, o vermello abaixo e o violeta arriba. Outro dato que chama a atención deste fenómeno é que tamén se deixan ver durante a noite: imaxina que bonito con lúa chea

Ademais de ser un espectáculo, tamén é símbolo de movementos que buscan a tolerancia, como o colectivo LGTBI, onde cada cor garda un significado: vermello (vida), laranxa (saúde), amarelo (luz solar), verde (natureza), azul (serenidade) e violeta (espírito).

 

Para saber máis...

Podedes crear o voso propio arco da vella: só tedes que meter un espello pequeno nun vaso de auga, apagar a luz e iluminalo cunha lanterna. Se poñedes unha folla branca sobre o vaso, verédelo mellor.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies