Dous novos centros presentan a súa candidatura o concurso Xornalismo na Escola, un certame que organizan La Voz de Galicia e Norvento. Estas son as súas reportaxes

Coñecer o mundo seguindo a actualidade

«Moi positiva», ese é o resumo que a profesora María Duro, do IES Pedra da Aguia, en Camariñas, fai da experiencia que viviron os seus alumnos de 3.º da ESO na súa participación no premio Xornalismo na Escola, que organizan La Voz de Galicia e Norvento.

E precisamente iso, coñecer de primeira man a actualidade máis próxima e como esta marca o seu propio futuro e o dos que os rodean, é unha das cousas que máis interesantes cre que foron María Duro, a profesora encargada de capitanear o proxecto. «Aprenderon a contactar coa súa contorna. E estar ao día dun tema tan de actualidade como este sobre todo analizando a realidade máis inmediata. E todo isto permitiulles ser moito máis conscientes co que teñen ao seu arredor», resume esta docente.


Duro destaca que grazas a este traballo os quince alumnos que realizaron a reportaxe melloraron outras capacidades importantísimas para a súa aprendizaxe e que non sempre son sinxelas de obter co traballo máis habitual: «Aprenderon a buscar información, a saír das fontes máis típicas, como a Wikipedia, tamén a seleccionar datos, a contrastar todo o que lían e lles contaban. E despois a non quedar co primeiro que atopaban. Ademais de ver como se buscaban fontes e como había que contactar coa xente que ían entrevistar».

Todo isto, afirma a profesora do IES Pedra da Aguia, tamén serviu para que os alumnos traballaran en prol da súa cohesión como grupo, que estreitaran os vínculos e que foran capaces de ver que o esforzo conxunto leva a conseguir grandes cousas.
Tamén xurdiron dificultades no camiño. Explica Duro que unha das principais foi adaptarse á tipoloxía de texto que require unha reportaxe, xa que os alumnos están afeitos a facer textos máis ben expositivos e non tan xornalísticos.

Son moitas as competencias que traballaron estes pequenos xornalistas nestas semanas. Duro destaca só algunha delas: «Por descontado que a competencia lingüística, pero tamén desenvolveron o espírito emprendedor e a iniciativa».
O traballo deste grupo bebe de moi diferentes fontes. Entrevistaron a varios veciños que están a favor da instalación dos eólicos, pero tamén a outros que se opoñen por completo. E contaron coa opinión de profesionais do sector, que lles mostraron as posibilidades económicas que teñen os muíños e a cantidade de postos de traballo que crean.

 

PODES LER A SÚA REPORTAXE PREMENDO NESTE ENLACE

Un amplo repaso pola Galicia máis cultural

Os alumnos do IES Muralla Romana, de Lugo, preséntanse ao concurso Xornalismo na Escola que organizan La Voz de Galicia e Norvento cunha particular viaxe a través do tempo da man da cultura. E fano repasando como ao longo dos anos a súa comunidade logrou converterse nun dos maiores berces de intérpretes. Pero tamén de romarías e verbenas.

E pouco a pouco, este grupo foi tirando do fío para percorrer a historia da cultura galega até chegar aos nosos días, onde demostran que intérpretes como Andrés Suárez ou mesmo as Tanxugueiras foron quen de poñer o nome de Galicia nas portadas dos xornais de boa parte de España e de Europa.

Foi unha viaxe moi enriquecedora para eles, explica María Xesús Adán, profesora encargada de dirixir o traballo destes xornalistas. «Aprenderon moito sobre a propia busca da información. Eles tiran de internet e de fontes que todos coñecemos, como a Wikipedia. Pero non están afeitos a traballar con outro tipo de documentación. Polo que esta foi unha boa forma de demostrarlles que hai libros nas bibliotecas que poden consultar para sacar moitos máis datos», resume esta docente.
Para eles, sen dúbida, atopar as fontes e poñerse en contacto con elas foi todo un reto. Pero ao final conseguírono, e na súa reportaxe contan con voces como a de Andrés Suárez ou a de Jorge Casal.

Di Adán que un dos traballos máis dificultosos para os seus alumnos foi o de sintetizar: «Están afeitos aos traballos de clase e moitas veces non foron conscientes de que nunha reportaxe teñen que meter a información máis importante é desbotar o que é máis superfluo», resume.

Pero a experiencia foi moi enriquecedora. A todos os niveis. Aprenderon a unir forzas para lograr información, a poñerse de acordo e a remar todos na mesma dirección. E asegura Adán que xogar a ser xornalistas é algo que gozaron moito. «A eles gústalles a idea de ter un xornal nas mans. Traballamos comentando as noticias, e iso axúdalles a mellorar a expresión oral. Para eles é unha ferramenta divertida e dinamizadora, que rompe coa rutina diaria da clase e lles permite aprender dun xeito moito máis divertido», resume esta docente.

E despois de divertirse lendo o xornal, a experiencia cobra un cariz moito máis interesante cando en vez de estar como lectores, están ao outro lado, como os encargados de facer as noticias.

Os alumnos de 4.º da ESO do IES Muralla, de Lugo, fan un repaso pola estela cultural de Galicia, que pode presumir de ser un dos territorios máis ricos en canto a historia musical. E centran o tiro sobre todo na actualidade, cando artistas nados aquí están facéndose un importante oco na industria musical de España. Analizan as diferentes correntes que hai hoxe, como a música latina ou a parodia, e entrevistan a dous músicos moi coñecidos: Andrés Suárez e Jorge Casal.

PODES LER A SÚA REPORTAXE PREMENDO NESTE ENLANCE

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies