ALEJANDRO MÍNGUEZ 

A formación micolóxica está a chegar aos centros educativos máis sensibilizados co medio natural. Un exemplo é o colexio Padre Crespo de Xunqueira de Ambía (Ourense), onde todo o alumnado recibe anualmente dende 2018 unha formación teórica e práctica adaptada ás súas idades.

As crianzas aprenden cando e como saen os cogomelos, a importancia botánica destes como depuradores do monte, a súa relación con plantas do medio e a súa función como alimentos ou medicinas. Reciben formación sobre os inimigos dos cogomelos, como a recollida indiscriminada, os incendios ou a seca, e tamén sobre os amigos, coma eles mesmos pola súa condición de seguidores respectuosos.

Evitar intoxicacións

A formación botánica é o único instrumento eficaz para evitar as intoxicacións e incluso mortes que se producen todos os anos en Galicia. Existen cogomelos que son excelentes comestibles, pero tamén hai cogomelos tóxicos e os máis cativos saben xa desde moi novos desta circunstancia, fundamental ante o incremento da afección micolóxica dos últimos anos. Aprenden que non hai regras populares e que para saber de cogomelos teñen que estudar, igual que as materias de lingua ou as matemáticas, en particular os seus nomes en latín, que non sempre resultan doados.

Por medio de fotografías e debuxos, pero tamén con exemplares reais na saída que en Xunqueira de Ambía fan ao monte, os máis pequenos coñecen as formas, colores e tamaños que ten a diversidade fúnxica que hai nas inmediacións do propio centro educativo, cunha importante variedade de hábitats, como bosques de carballos, castiñeiros, piñeiros ou praderías.

O alumnado sae acompañado dos docentes e divulgadores con cestas, como marca a normativa, para a recollida de cogomelos, pero tamén con bolsas de plástico, neste caso para meter o lixo tirado no monte. Aprenden que non todo é comer cogomelos, que é importante coñecelos e gozar deles na cociña, facéndolles fotos, tratando de identificalos e coñecer cada vez máis, pero tamén resulta fundamental manter un medio natural limpo.

É este un exemplo a imitar para outros centros educativos, pois a experiencia vivencial das aprendizaxes resulta moito máis significativa na infancia, do mesmo xeito que o traballo cooperativo e a formación en moi diversas materias conectadas coa contorna, como é o caso dos cogomelos, que sen ser plantas, resultan fundamentais na vida actual, por iso debemos coidalos para perpetuar a riqueza natural que sen dúbida estará máis asegurada coa ilusión e alta participación que amosan cada ano estas crianzas!

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies