C. MARTÍNEZ

Verónica Souto creceu entre flores. Dende hai tres décadas a súa familia transmitiulle a paixón polo cultivo destas. Pero hai catro anos ela mesma encargouse de ampliar eses horizontes. A fundadora de Floradeira volveu ás aulas do IES Francisco Aguiar, de Betanzos, centro onde ela mesma estudou, para dar aos rapaces as claves do seu emprendemento na arte floral. Fíxoo no marco do programa De cero a cen, que La Voz de Galicia leva a cabo en colaboración coa Consellería de Educación. O obxectivo é acercar aos rapaces diferentes iniciativas empresariais que se levan a cabo na comunidade da man dos seus protagonistas.

 

Da psicoloxía ás flores

Souto estudou o primeiro curso de Psicoloxía na Universidade de Santiago, pero non lle acabou de convencer. «Cambieime e fixen Terapia Ocupacional. Despois traballei en residencias de maiores e centros de discapacidade», relatou aos alumnos. Sempre compaxinándoo coa paixón polas flores que herdou dos seus pais. Durante o encontro contou que sempre axudou na casa co negocio familiar afincado en Paderne, na comarca de Betanzos. E co tempo decidiu formarse no ámbito. «Pasei un verán na escola de formación floral e aí aprendín moitas técnicas, pero tamén sendo moi autodidacta».

Pronto decidiu pór en marcha o aprendido e, en terreos nos que florecían especies moi coñecidas por todos, como rosas e caraveis, deu espazo a outras distintas. «Collín unha pequena parte deses invernadoiros que tiñan meus pais para dedicalos ao cultivo de flores diferentes, que non se vían tanto nas tendas».

 

De porta en porta

Co obxectivo de achegar os seus ramos a outras mans, coa mesma filosofía ca outras profesións, como as leiteiras ou as peixeiras, nace Floradeira. «A idea era levar esas creacións ás casas da xente. Unín o produto que xa tiña con ese servizo online, xunto coas redes sociais, que me serviron como escaparate. Na miña aldea non chegamos a cen habitantes, pero grazas a estas innovacións envío ramos a calquera punto de Galicia e España».

A emprendedora remarcou que na casa lle deron todas as facilidades para levar a cabo o proxecto. Xa que na parte do cultivo, aínda que ela selecciona as variedades, delega moito na súa nai, que é máis especialista en regos e abonos. «Ao principio chamáronme tola, pero despois viron que, co paso do tempo, o negocio medraba e funciona», contou tamén.

«Chamáronme tola, pero despois viron que o negocio funcionaba»

Un dos seus investimentos máis importantes foi na imaxe de marca: «Tanto no logotipo e paleta de cores coma en sesións de fotos, ao igual que na parte técnica da páxina web». Sobra dicir que ambas acabaron dando os seus froitos.

Houbo un tempo no que, ademais de realizar ramos, Floradeira estaba presente en vodas, comuñóns e outro tipo de cerimonias. Pero, en palabras da propia Souto, o tempo non daba para todo, xa que perdía moitos días na planificación, posta en marcha e recollida deste tipo de eventos.

Por iso deixou de lado ese parte e enfocou as enerxías nunha das súas paixóns: os obradoiros. Nunha palleira que lle cedeu seu avó é posible levar a cabo unha experiencia completa no mundo floral. Dende seleccionalas e cortalas no invernadoiro ata armar os propios ramos tendo en conta a composición e a harmonía. «Gusta moito vir á aldea e pasar unhas horas entre flores. A xente alucina», contou aos alumnos, que non dubidaron en preguntarlle si eles tamén poderían participar nun deles.

«Gusta moito vir á aldea e pasar unhas horas entre flores»

Floradeira lles dixo que a arte floral «está nun momento álxido e que hai que estar moi pendente das tendencias». E hai que procurar sempre fomentar «as especies tradicionais e de temporada que che dean as cores e formatos que queren os clientes». Neste senso, remarcou que o gusto polas flores é moi persoal, xa que estas nos inspiran emocións. Ademais, «é algo cíclico, non hai as mesmas sempre e o colorido dos ramos varía en función da estación».

«Ao principio só mandaba dous ou tres ramos á semana, e agora envío vinte ao día», destacou Souto. Por esa vía, xunto coa de seguir levando a cabo obradoiros, é por onde pretende seguir o seu camiño empresarial, que afronta con optimismo: «Ensinar o que eu fago e os meus coñecementos é por onde vai tirar Floradeira no futuro».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies