SARA CARREIRA
Un alumno pode coñecer a historia e a pegada da Editorial Galaxia como parte do programa da materia de Lingua Galega e Literatura, aprendendo as datas máis importantes (como a súa constitución o 25 de xullo de 1950) e repasando a longa listaxe de autores que puideron publicar con este selo fundamental para a historia recente de Galicia. Pero tamén pode aprendelo todo facendo unha reportaxe. E precisamente esa foi a opción de dúas profesoras do colexio San Xosé de Cluny, de Santiago. Esther Balboa, docente de Lingua, e Rosa Cacheda, de Xeografía e Historia, sumaron as súas forzas para que os rapaces aprenderan dun xeito significativo lingua, literatura e historia galegas.
O aniversario redondo, recorda Balboa, foi o ano pasado, pero para entonces o Cluny xa estaba no programa Xornalismo na Escola, de La Voz de la Escuela. A pandemia só retrasou a súa realización e publicación.
Dous meses de traballo
Esther Balboa explica que despois dun inicio de curso complicado, como en todos os centros, comezaron o traballo en abril: «Os alumnos de 4.º de ESO estaban a estudar a posguerra e pareceunos o momento axeitado». Contactaron co ex director da editorial Víctor Freixanes, que é ademais presidente da Real Academia Galega (RAG), e estivo con eles nas letras galegas.
«Para os rapaces —explica Balboa— falar co presidente da Real Academia parecíalles complicado, porque é unha personalidade que ven moi lonxe, está moi arriba». Pero Freixanes axudounos moito: «Foi moi sinxelo, moi próximo con eles, e falou cunha linguaxe fácil, buscando cousas en común, coma que el fora profesor». Pouco a pouco, e despois de varios contactos preliminares, os rapaces foron tendo máis confianza e cando celebraron a entrevista resultou moi fluída. Balboa e Cacheda recoñecen que o comportamento e o traballo dos seus alumnos sorprendéronlles para ben: «Se lles dás responsabilidade, son capaces de facer máis cousas das que pensas. Iso aprendémolo neste programa».