OLGA SUÁREZ

A ciencia estúdanse nas aulas, pero onde mellor se aprende é fóra. Esta é unha das razóns polas que en materias como Bioloxía, Física ou Química os alumnos visitan os laboratorios. Outra forma é participar en actividades como o Club de Ciencia, iniciativa outorgada pola Consellería de Educación aos centros que a solicitan. É o que fixo este curso o IES As Mariñas, de Betanzos, e decidiu dedicalo á astronomía, «a ciencia primixenia da que parten o resto das ramas do saber científico», segundo explica o profesor coordinador, Tomás de la Fuente Maganto.

A actividade desenvolveuse ao longo do curso en horario extraescolar, os venres pola tarde ou os xoves ao mediodía. Participaron nel un grupo de nove alumnos de terceiro e cuarto da ESO, xunto con seis profesores de diverso ámbito, pero cun nexo común: a paixón pola astronomía.

Os alumnos aprenderon a manexar Stellariumn, un programa gratuíto que mostra o ceo en calquera data e lugar do planeta, o que permite ver como se comportan os distintos astros. Ademais, construíron ferramentas de medida astronómica con impresoras 3D e planisferios de man en cartolina.

Unha das accións que lles fixo saír da aula foi a medición da calidade do ceo nocturno de Betanzos e a comarca das Mariñas, que están a realizarse cun SQM (sky quality meter, ou medidor da calidade do ceo), que é o mesmo tipo de aparello usado polo organismo que certifica a calidade do ceo nos destinos Starlight. «Nestes tempos é moi importante que o alumnado tome conciencia da contaminación lumínica e se dea conta de que contribuíu, de forma directa cos datos obtidos, a facer ciencia», subliña De la Fuente.

En xeral, tanto os alumnos coma os profesores están moi satisfeitos co traballo que se está desenvolvendo. «Está claro que estamos a espertar inquietude e conciencia científica entre o alumnado», afirma o docente, e engade que «sería todo un orgullo ver no futuro unha ou varias persoas do grupo cunha carreira científica plena».

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies