A empatía é a capacidade das persoas para poñerse na pel do outro e é unha calidade que se traballou dun xeito especial no instituto Alexandre Bóveda de Vigo este ano, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Aínda que esta efeméride está centrada o 3 de decembro, o centro educativo programou unha serie de actividades que se desenvolveron entre os días 2 e 13 do pasado mes e que tiñan esta finalidade: que o alumnado se poña na pel das persoas con discapacidade. «O obxectivo é visibilizar que todos somos diferentes e polo valor das características e posibilidades de cada un», subliña Lourdes Hermida, profesora de Pedagoxía Terapéutica.

Na entrada do centro organizouse unha exposición na que o alumnado puido ver diferentes materiais de rehabilitación, educativos ou recreativos, cos que as asociacións traballan para mellorar as capacidades visuais, auditivas, motrices ou intelectuais. Este material foi doado por unha serie de entidades, como a ONCE, Apamp, Igualarte, Menela, Discamino, Entresignos ou Down Vigo. Tamén participaron o concello de Nigrán, os colexios Seis do Nadal e Escultor Acuña; e a parroquia do Cristo da Victoria.

Ademais, elaboráronse actividades específicas para cada curso: o alumnado de primeiro da ESO recibiu unha charla sobre o alumnado de TEA impartida pola Fundación Menela e outra pola Fundación ONCE na que puideron ver como camiñar cos ollos tapados e axudados por un bastón branco. Os de segundo coñeceron o funcionamento dunha das ferramentas que máis chamaron a atención do alumnado: as mochilas vibratorias que facilitan a comprensión das persoas xordas e que foron cedidas para a ocasión pola Asociación de Entresignos e o Concello de Nigrán. En terceiro puideron gozar dunha exhibición de boccia e slalom a cargo de deportistas da Asociación Apamp e en cuarto viron a actuación do dúo acrobático da Fundación Igualarte. Os máis maiores, de bacharelato, realizaron unha videoconferencia cun grupo de estudantes de Down Vigo que están a realizar un curso na Universidade de Vigo e tamén puideron poñer a proba as súas habilidades nunha cadeira de rodas para ver as dificultades que supón cando se presentan os obstáculos na estrada.

O gran número de colaboradores nesta actividade e a variedade de actuacións é un exemplo da implicación do centro educativo vigués na transmisión de valores de igualdade de oportunidades entre todo o alumnado. Aínda que é a primeira vez que se realiza, Lourdes Hermida confía en que se poida repetir nos próximos anos, posto que ve importante que os adolescentes coñezan e respecten outras realidades.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies