Jesús Garrido
En botánica, un froito é o órgano que se forma a partir da flor e se encarga de protexer a semente mentres madura. Como alimento, a froita é baixa en graxas e sodio, achéganos unha boa cantidade de calorías, potasio, fibra, vitamina C e ácido fólico.
As verduras e hortalizas son ricas en vitamina A, vitamina C e ácido fólico, e axudan ao corpo a formar glóbulos vermellos.
E que facemos con isto e cos periódicos na aula? Propomos dúas investigacións para alumnos audaces. As froitas e as verduras soan ben, saben ben, gustan, alimentan. Na primeira investigación, aproveitando o bo prato que nos serve a ONU con esta declaración tan gustosa, propomos o traballo de facer unha primeira lectura intelixente. E, na segunda, se conseguimos unha boa e agradable mesa, teremos… un excelente e gustoso bocadillo e faremos algo para quen non a teña…. Mírao aquí.
INVESTIGACIÓN 1
Como ler tecnicamente un documento básico das Nacións Unidas
En xeral, chégannos sempre á clase directamente este tipo de noticias —neste caso, agradables e que abren o apetito—, pero non sabemos por que se dan, a quen se lle ocorre, en que consisten exactamente.
■ 1.1. Linguaxe especial. Hoxe pedímonos un esforzo e seguramente imos convencernos de que este tipo oficial de noticias —aínda que utilizan unha linguaxe especial— ensínannos moitas cousas. E veremos que é bastante fácil decatarnos de que vai, por exemplo, un documento da Organización das Nacións Unidas… neste caso, tan apetitoso e nutritivo.
■ 1.2. As sete palabras clave… E en xerundio: polo menos, soa ben e son importantes para a redacción oficial dun documento: anímate un pouco e verás que ben soan! Buscamos entre cinco equipos de compañeiros que significa cada unha? Pois aí van!: reafirmando, considerando, lembrando, recoñecendo, exhortando, tomando nota, preocupada, decide, invita, destaca, solicita. Resumo básico de que contén cada unha?
■ 1.3. Empezamos. O Sistema de Arquivo de Documentos é unha base de datos en liña dos documentos das Nacións Unidas que se inaugurou en 1993 e se actualizou no 2016. A base de datos tamén inclúe documentos 1946 a 1993 que foron escaneados. Lemos o documento amodo. Non hai présa!
INVESTIGACIÓN 2
As razóns desta declaración
■ 2.1 Documento básico. Que entendemos sobre o tema? Cal é o porqué do Ano Internacional das Froitas e Verduras (2021)? Consulta a resolución da ONU. Nesta web busca na casa Número de trabajo «N1943812» e descarga o documento
■ 2.2. Stops. No primeiro parágrafo, que comeza «A Asemblea Xeral, reafirmando a súa resolución de 25 de setembro do 2015, titulada Transformar o noso mundo», di que «a erradicación da pobreza en todas as súas formas e dimensións é o maior desafío a que se enfronta o mundo». Consulta este outro documento. Constitúe un requisito indispensable para o desenvolvemento sostible, dos que falamos nas páxinas 7 e 8 de La Voz de la Escuela da pasada semana (13/1/2021) e tes aquí.
■ 2.3. Dietas saudables. Considera a urxente necesidade de aumentar a conciencia sobre os beneficios que implica o consumo de froitas para a nutrición e a saúde e a promoción de dietas saudables nas nosas vidas. Que significa iso de dietas saudables? Queres saber algo máis para entender mellor o obxectivo deste ano Internacional das froitas e as verduras?
ACTIVIDADES
Como complemento, na web da Universidade Nacional Autónoma de México tes unhas actividades relacionadas con este ano internacional. E boa e participativa dixestión… para todos.