C. MARTÍNEZ

Aínda que ás veces non nos decatamos, a minería está presente ata nos máis mínimos aspectos da vida. Como, por exemplo, na alimentación. Tanto na nosa, a través de suplementos alimenticios, coma na que se lles proporciona ao gando ou aos cultivos a través de fertilizantes vexetais.

Alimentación animal

O magnesio é un elemento básico para a agricultura, xa que é fundamental para a asimilación do potasio por parte das plantas. Pero ademais é vital para o gando, porque favorece as súas defensas, favorece a fertilidade e protexe do estrés. Por todo isto, resulta importante que as materias primas coas que se fabrican os pensos teñan unha boa achega de magnesio. E como chega ese mineral á comida destes animais? Pois a súa principal fonte é o óxido de magnesio, que en España se obtén pola calcinación da magnesita.

«O noso mineral ou rocha de partida é a magnesita con carbonato. O que temos que facer é transformar ese carbonato en óxido porque o primeiro non é tan biodispoñible. É dicir, unha vaca o que realmente dixire dunha forma fácil é o magnesio en forma de óxido, porque os enlaces do osíxeno co magnesio son moito más fáciles de romper polos ácidos do estómago, e así disólveno mellor», explica Víctor Pais, xeólogo e responsable de minería na empresa Magnesitas de Rubián. Desta forma, a magnesita é de vital importancia no caso dos pensos de vacún destinados á produción láctea. «É imprescindible na dieta do gando para prever unha enfermidade do sistema nervioso que se chama tetania».

A transformación dese mineral realízase «en fornos rotativos nos cales se mete o mineral e se quenta a 850 grados, e a despois extráese o óxido a partir do carbonato». Como curiosidade, en España só existen dous produtores deste mineral. Magnesitas de Rubián (O Incio, Lugo) e Magnesitas Navarras, que, tal como apunta Pais, «está cerca de Pamplona, aínda que tamén teñen unha explotación en Soria. Deste xeito, en Europa os únicos produtores somos España, Grecia, Austria e Turquía. É un mineral que ten moita demanda e somos moi poucos os que o producimos». Ás súas utilidades no campo da gandería tamén habería que sumar as que ten na agricultura e a nivel industrial.
Con todo, na alimentación animal tamén son necesarios outros minerais como o cobre, o cobalto ou o selenio.

Os minerais na agricultura

Os abonos inorgánicos teñen unha orixe mineral, producidos pola industria química ou pola explotación de xacementos naturais, é dicir, procesos mineiros. Entre os elementos principais que aparecen nos fertilizantes inorgánicos, os máis utilizados son o nitróxeno, o potasio ou o fósforo. Este último, aparece en minerais como a apatita, da que se extrae para o seu uso posterior, e a súa función é a de achegar resistencia ás plantas. Pola outra banda, o potasio vaise usar como fertilizante en forma de cloruros e nitratos co obxectivo de favorecer a floración e o bo crecemento dos froitos.

Tamén existen elementos secundarios e micronutrientes que se engaden ao fertilizante en caso de carencia, como o calcio, o xofre e o magnesio. E este último provén tamén da magnesita. «É de vital importancia para que os vexetais poidan realizar a fotosíntese. Se os solos teñen un baixo contido en magnesio, hai que engadilo a través dos fertilizantes, e a magnesita é un dos seus constituíntes».

Suplementos alimenticios

Os minerais son necesarios para que o noso organismo poida realizar todas as súas funcións. En función dos seus requirimentos diarios, estes minerais esenciais clasifícanse en macroelementos (sodio, potasio, cloro, calcio, fósforo e magnesio), microelementos (ferro, zinc, cobre, manganeso e flúor) e oligoelementos (arsénico, boro, cromo, iodo, selenio, silicio, níquel e vanadio). Cando existe algunha carencia destas sustancias, un profesional médico optará por receitar un preparado que o supla. Con todo, son situacións moi puntuais e o ideal é ter uns hábitos de vida saudables que nos proporcionen todas as vitaminas e minerais necesarios para o correcto funcionamento do noso organismo.

«O calcio extráese dun mineral chamado calcita. Soe obterse por procesos de micronizado, é dicir, de moenda milimétrica, a partir de xacementos de calcita ou de calcarias moi puras. Con este calcio fabrícanse suplementos alimenticios e tamén se enriquecen alimentos como as bebidas vexetais de soia ou améndoa», conclúe Pais.

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies