CINTHYA MARTÍNEZ

Se alguén preguntase sobre a orixe do voso móbil seguramente responderiades que dunha páxina web ou unha tenda do vosa localidade. Pero en realidade procede dunha mina. Si, si, como les. Ese dispositivo electrónico co que envías mensaxes aos amigos, xogas e falas con teus pais non é máis que a combinación de diferentes elementos da táboa periódica. Concretamente, dun total de 75, dos que 62 son metais e se extraen de diferentes minas.

A maior parte dos compoñentes que forman parte do móbil créanse grazas a unha variedade de elementos químicos que se obteñen por medio da minería. O aluminio, o silicio, o litio, o carbono ou o níquel son algúns exemplos. Todos eles atópanse nos distintos minerais que se extraen das minas. Queres saber en qué parte do móbil se encontra cada un?

A pantalla non é só cristal

Si, é certo, a simple vista a pantalla do noso móbil parece que só está feita con cristal. Non obstante, está composta por unha serie de minerais que lle achegan as características que posúe.

Por exemplo, a resistencia. Pasouche en algunha ocasión que che caera o móbil ao chan e non rompera a pantalla? Iso é porque o cristal exterior está formado de silicato de aluminio, unha mestura de óxido de aluminio e óxido de silicio. «Isto crea unha capa compresiva sobre o cristal que incrementa a súa forza e resistencia a posibles danos na pantalla ou no teléfono», explica Carlos Martínez, enxeñeiro de minas e director de Minería en Vivía.

Ademais, a pantalla debe funcionar como condutor eléctrico. Para iso créase unha capa fina e condutiva de óxidos de indio e estaño que, depositada sobre o cristal, permite a condución da electricidade por el.

E non podemos esquecer as cores que emite a pantalla. Efectivamente, os vermellos, os azuis ou os verdes podemos velos na pantalla grazas aos elementos de terras raras. E pensarás: que quere dicir ese termo? Pois é o nome co que se engloban un total de 17 elementos químicos entre os que se atopa o coltán. «A única mina de terras raras que hai en Europa témola en Galicia, en Penouta, en Ourense», destaca Carlos Martínez.

O esqueleto do teléfono

A maioría dos smartphones utilizan baterías de litio. Trátase do metal máis lixeiro da Terra. É brando e, pola súa densidade, frota na auga. «É coñecido como ouro branco, aínda que na batería tamén atoparemos cobalto e níquel», comenta Martínez. Así, o litio permite un importante almacenamento de enerxía para subministrar tanto á pantalla táctil como ao procesador. Este último, tamén coñecido como o chip do teléfono, está composto por silicio e obtense a través do cuarzo. Un mineral do que Galicia é líder mundial en produción.

Toda a microelectrónica e cables interiores están compostos principalmente de paladio, cobre, ouro, prata e estaño. Os micrófonos, os altofalantes e o sistema de vibración, de neodimio e zinc.

A carcasa, aínda que non o parece a simple vista, tamén está feita de minerais. Dependendo de se é de plástico, metal ou unha combinación de ambos, utilizarase unha mestura diferente de elementos. Así pois, se é de metal está composta por unha aliaxe de aluminio e magnesio, mentres que se é de plástico, a súa base terá como principal elemento o carbón.

O meu móbil vén de Galicia?

Claro, chegados a este punto, é normal que te preguntes isto. E a resposta é que si. Dos elementos que compoñen un móbil, en Galicia dispoñemos principalmente de cuarzo, cobre, terras raras, litio, estaño e ouro. Porén, a día de hoxe extráense só tres: cuarzo, as terras raras (unha delas é o coltán) e o ouro.


Información elaborada en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies