L. CANCELA

Aitana Ocaña é unha das cantantes españolas máis escoitadas do momento. Seguro que algunha vez puxestes unha das súas cancións. Están por todos lados: na radio, na tele e en TikTok. A semana pasada falouse moito dela e, por desgraza, non foi sobre a súa música.

Que sucedeu?
A cantante, de 24 anos, foi obxecto de burlas nas redes sociais. Todo comezou cando Vogue España publicou un vídeo da artista no que lle facían unha entrevista mentres estaba nunha sesión de maquillaxe e salón de peiteado. Como é lóxico, Aitana mostrábase sen maquillaxe e co floco retirado da cara. E é que este é un dos seus trazos máis característicos.

Cando chegaron as burlas?
Precisamente, unha captura do vídeo na que se vía a cantante coa cara despexada empezou a correr polas redes sociais. Moitos internautas dicían que saía guapísima, e outros opinaban o contrario.

Iso é todo?
Non. Primeiro, empezouse a viralizar un dos momentos do vídeo, sacado de contexto, no que a artista saía cunha expresión pouco favorecedora, porque neste vídeo estaba falando. Non obstante, a xente tivo pouca empatía e comezaron as burlas por como saía. Despois, alguén decidiu ir máis aló.

Por que?
Un usuario compartiu outro fotograma do vídeo no que Aitana saía sen floco, pero esta vez, editado. O tamaño da súa fronte era maior do que é na vida real. Víase esaxerado e facía que o rostro da cantante estivese desproporcionado. Ademais, a posición das cellas tamén estaba alterada. Moitos usuarios de redes sociais caeron nesta trampa e fixeron desta imaxe críticas aínda máis feridoras.

Como reaccionou Aitana?
A catalá non adoita meterse en polémicas. Pero nesta ocasión tivo que escribir unha mensaxe na aplicación X (a que antes era Twitter). «Estase pasando unha imaxe miña que está editada. Recoméndovos que, se ides xulgar algo, sexa real. Tamén dicirvos que me fixeron bullying no colexio por iso e a partir de aí creóuseme unha inseguridade grande. Síntome segura a día de hoxe, pero non manipuledes imaxes», aclarou a artista. Cres que ten razón, que non todo vale?
Pero non todos os usuarios das redes se comportaron igual. Para nada. Os seus fans alertaran, horas antes, de que a foto que se estaba facendo viral estaba manipulada. De feito, os seus seguidores utilizaron o cancelo de «Aitana sen floco» para compartir imaxes reais da cantante coa cara despexada. Nelas saía de vacacións, sen floco e igual de radiante que con el. Pero, ademais, pensa: é importante o floco para emocionar como ela o fai?

 

Destapar a mentira que parece realidade

É inxusto que se critique a unha persoa polo seu físico, xa que á fin e ao cabo non se pode cambiar iso ou, polo menos, non moito. Pero máis inxusto é que se critique utilizando unha imaxe manipulada, que é falsa. Como vimos, é moi fácil caer neste tipo de trampas, porque a tecnoloxía facilita a edición de fotografías e fai que parezan tan reais e verosímiles coma a orixinal. Nos últimos anos, popularizouse o termo de fake news, ou noticia falsa en galego. Trátase dunha información manipulada e, mesmo, irreal, que busca a desinformación (contaminar a información real) da xente; poden tratar datos de distinta índole (políticos, económicos, bélicos…) e teñen unha intención clara: enganar ao lector. Moitas veces, apóianse nunha imaxe (tamén falsa ou manipulada) para facer máis crible o que din.
Xa sabedes o refrán: unha imaxe vale máis que mil palabras. Neste terreo entran as deepfakes, que é un forma de desinformación máis sofisticada. Emprégase a intelixencia artificial para alterar ou substituír a cara ou a voz dunha persoa a partir de algo que xa existía. O caso recente máis coñecido é o dunhas rapazas de Almendralejo (Badajoz). Un grupo de rapaces crearon, con intelixencia artificial, imaxes falsas nas que 21 mozas, compañeiras de clase, saían espidas. Despois, difundíronse en redes sociais e conversacións privadas. A policía investiga a 26 persoas por diferentes accións: por crealas, por gardalas e por difundilas a terceiros. As mozas e as súas familias descubrírono nos primeiros días de curso, con todo o que iso supuxo: verse espidas nunhas imaxes que parecían reais, pero que só elas sabían que non o eran, os rumores e os murmurios no patio. Foron moitas as voces que pedían que estes delitos cometidos con intelixencia artificial pasasen a considerarse violencia machista.

A defensa, o xornalismo
Esta situación supón un gran reto nun mundo plenamente dixital, e lévanos a preguntarnos como podemos fiarnos do que vemos e escoitamos. O primeiro é saber que non todo o que sucede nas redes sociais é real. De feito, os boatos sempre se viralizan nelas, xa que son moi rechamantes. Cando un xornalista utiliza unha información para unha noticia, tivo que pasar por distintas fontes de verificación: o protagonista, fontes oficiais, os datos ou punto de vista de todos os implicados. Esta é a base do seu traballo, e resulta fundamental para que a crónica sexa fiable e veraz. Por iso ler un xornal, coñecer a actualidade a través de xente que sabe tratala e é responsable do que publica, axudaravos a ter unha visión máis crítica, ampla e real do que vos conten nas redes sociais.

ACTIVIDADE BÁSICA

A carón de nós

Por parellas, debes dicirlle ao teu compañeiro unha calidade boa que penses del. Despois podedes crear un mural coas opinións de todos.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Acoso escolar: poñerse no lado da vítima

L. Cancela
Un de cada cinco mozos galegos, alumnos da ESO e bacharelato, sofre ou sufriu acoso escolar nalgún momento da vida, segundo un estudo publicado a finais do 2022. Unha porcentaxe preocupante e nada desprezable, especialmente se temos en conta que o informe non incluíu aos alumnos de primaria e que o acoso é un problema que moitas veces se leva en silencio, sobre todo, cando se exerce nas redes sociais.
Para falar de bullying é necesario saber exactamente en que consiste. Defínese como un problema de convivencia entre escolares no que un mozo sofre agresións doutro o dun grupo. A intención é facer dano, que pode ser físico ou mental, e repítese no tempo ata o punto de que a vítima queda nunha posición de indefensión.
O acoso non é unha discusión no patio que se arranxe co simple paso do tempo. Visto así, seguro que todos pensamos que é unha inxustiza e un acto sen sentido. Entón, por que credes que segue ocorrendo?, fostes testemuñas algunha vez dun episodio así?, como reaccionastes? Cabe lembrar que o apoio á vítima é fundamental. El ou ela pode estar asustado, ter medo ás represalias, e non querer contalo.
O acoso ten moitas formas: agresións verbais como insultar, poñer alcumes ou crear rumores. Tamén se considera bullying excluír, con intención de facer dano, a un compañeiro. E, por suposto, as agresións físicas, as ameazas, a chantaxe ou o acoso sexual. Os expertos explican que antes de que se popularizasen as redes sociais o acoso escolar limitábase ao centro educativo. Agora chega a todas partes. O ciberacoso é un tipo de agresión, moitas veces anónima, que pode manifestarse de diversas formas: co envío de mensaxes ameazantes ou desagradables, suplantando a identidade ou publicando fotos da vítima en situacións comprometidas.
De feito, se as imaxes son de índole sexual, tomadas na intimidade e se difunden sen o consentimento do seu protagonista, pasa a considerarse pornovinganza. Por iso, cabe preguntar: debemos protexernos? Todo o que se sobe a internet queda na internet.

 

O físico, unha presión de xénero que sofren máis as mulleres

Un dos motivos máis frecuentes que se esconden detrás do acoso é a imaxe. Insultar a alguén porque é gordo, leva lentes ou ten moitos grans. Vímolo co caso de Aitana e o seu floco. Ela pode ter a fronte máis grande ou máis pequena. E que máis dá?, resta iso valía á súa forma de ser ou como cantante? Pois o mesmo sucede coa xente que che rodea. Cando os psicólogos tratan de representar o perfil dunha vítima de acoso, é habitual que inclúan unha autoestima moi baixa e que os insultos dos seus compañeiros non fagan máis que reducila.
En plena adolescencia, é lóxico que busques establecer relacións con outras persoas a través do teu físico, por iso a presión pola nosa imaxe ten moito calado no noso benestar. Con todo, o que sucede a esta idade deixa secuelas no futuro: meterse coa aparencia de alguén pode menoscabar a súa confianza nunha etapa adulta. Esta é unha das razóns polas cales o bullying é tan daniño. Diversos estudos mostraron que as mozas senten máis presión pola súa imaxe. Un feito que, en parte, se debe a unha estrutura social que puxo sobre elas a responsabilidade de atraer a súa parella e estar sempre perfectas. Hoxe lóitase cada vez máis contra esta mensaxe, pero segue existindo. Só é necesario ver que a poboación feminina é o obxectivo de calquera publicidade relacionada coa roupa, coa maquillaxe ou co coidado do peso.

ACTIVIDADE MEDIA

Unha campaña contra o acoso

Entre toda a clase, debedes idear unha campaña contra o acoso escolar no voso centro educativo, propoñela á dirección do centro e ver de que forma podedes levala a cabo. Cando estea claro, poñédea en marcha e contádenos como vos foi.

ENTENDER

Onde debe situarse o límite do humor?

■ Onde está o límite das críticas e do humor? Seguro que moitos dos comentarios por mor do floco de Aitana non tiñan a intención de facerlle dano, senón de facer rir. E, con todo, puideron doerlle. Debería ser a dignidade doutra persoa a que marque o límite?

■ Hai uns días, o exvicepresidente de España Alfonso Guerra dixo en «El hormiguero» que lle dan pena os humoristas, porque «non poden falar de nada». «Antes falaban de homosexuais, de ananos, de todo… Agora non poden», explicou.

■ Non todo vale en materia de humor, especialmente se o protagonista da broma se sente atacado. A sociedade española cambiou moito nos últimos 20 anos. Está máis comprometida co feminismo, coa liberdade sexual e o respecto á individualidade. Antes ser homosexual podía causar risas, hoxe en día xa non. Se o pensamento avanzou, non debería facelo tamén o humor?

ACTIVIDADE AVANZADA

Un meme para o día a día

As redes sociais popularizaron un novo tipo de humor: os memes. En que se diferencian das bromas que pode facer un cómico?, que tipo de contido consumides máis? Pensade nun meme respectuoso e en que situación o aplicariades.

PROFUNDAR

Un mal uso das redes sociais pode converterse nun delito con responsabilidade penal

■ Hai unha semana, unha noticia de La Voz titulaba: «Investigan dous chats de máis de mil alumnos de colexios de San Sebastián con contido sexual e vexatorio». Neles había desde pornografía ata insultos, sexistas ou homófobos.

■ A cousa non quedou aí, porque un par de días despois a Garda Civil detectaba outro chat de pornografía infantil e violencia con nenos de 11 e 12 anos, neste caso, en Madrid. Os menores recibiron mensaxes directas e privadas con actitudes machistas, racistas e homófobas.

■ Se algunha vez estades involucrados nun chat deste tipo, o primeiro que debedes facer é dicirllo a un adulto para que tome as medidas oportunas. De igual forma, é moi importante que non difundades o contido, porque non só faredes máis dano aos protagonistas, senón que tamén podedes estar a cometer un delito.

■ Acosar a outras persoas, expresar unha burla ou publicar contidos sensibles en internet ten consecuencias. Por exemplo, subir unha fotografía doutra persoa de carácter sexual supón unha infracción da normativa de protección de datos, o que está penado cunha multa. As dos menores pagarana os pais.

■ Se sodes maiores de 14 anos tamén responderedes con distintas medidas: tarefas socio-educativas, servizos en beneficio da comunidade e mesmo (en función da gravidade dos actos) cun internamento en centros.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies