JOEL GÓMEZ

Adelino Pose (Santiago, 1954) finalizou Matemáticas na USC e comezou a ensinar: no colexio Peleteiro de Santiago, no municipal homologado de Negreira; no instituto de Santa Comba; nos Xelmírez II, Xelmírez I e Rosalía de Castro de Santiago; desde 1991 no Félix Muriel de Rianxo, que dirixiu os 6 cursos seguintes; para finalizar no Xulián Magariños de Negreira, desde o 2002, que dirixiu 14 cursos, até que se xubilou en 2018. Do 2013 ao 2017 presidiu a Asociación de directores, e foi vicepresidente os 4 anos anteriores. «Por agora non paso páxina do ensino. Sigo na Federación española de directores e estou disposto para axudar no que me pidan. Aínda que levo unha vida máis tranquila e relaxada», afirma.

—Viviu todas as leis educativas, menos a Lomloe, como as valora?

—As leis producen bastante inquietude. É bo que haxa estabilidade, aínda que entendo que na educación hai unha parte ideolóxica e que os partidos políticos queiran intervir nela. Penso que a comunidade escolar debía elaborar esa parte ideolóxica das leis educativas, pois entre docentes, familias e restantes sectores estaríamos de acordo en máis cousas que os partidos políticos.

—Houbo moitas leis estatais, debería haber unha galega?

—As leis orgánicas só as pode facer o Estado. O goberno galego só as desenvolve e, segundo a cor política, unhas veces fixo a adaptación con axilidade, e outras tentou entorpecer todo o que puido a idea da lei. Penso que, máis que polas leis, os centros educativos funcionan cando o fai o equipo directivo, o claustro, hai boa convivencia coas familias e responde ben o alumnado.

—Dirixiu centros con secundaria e FP, é iso un problema?

—A FP é unha fortuna para un instituto, no aspecto orzamentario e noutros. É certo que pode haber moita diferenza de idade entre estudantes dos primeiros cursos da ESO e da FP. Porén, a FP é enriquecedora, e máis nos concellos rurais, onde ofrece oportunidades e vantaxes de formación, sen se ter que se trasladar o seu alumnado ás cidades.

—Como é a relación das direccións coas familias do alumnado?

—Enfrontei algunhas situacións conflitivas, aínda que sempre acabei tendo boa relación. O perfil do alumnado é diferente nos concellos da Galicia interior dos da costa e iso tamén inflúe. A adolescencia é un período moi complicado, hai familias con problemas moi diversos, e para unha boa solución cómpre participación e moito diálogo.

—Chega o acoso escolar ás direccións?

—Na miña etapa en Negreira fixemos un grupo de traballo estable para promover a convivencia positiva, mesmo nos implicamos nunha rede de centros con boas prácticas para a prevención dos conflitos. Tamén impulsamos mediadores para resolver problemas. Hai que apartar os acosadores e todo o que os rodea, facer que se convenzan de que está mal o que fan; e saber apoiar a vítima. É mellor a prevención que non ter que sancionar e corrixir.

—Supón moita presión ter que preparar a ABAU?

—Non, aprobar a ABAU é do máis importante dun instituto, pois é a consecuencia dun bo rendemento académico. É importante que vaia moita xente ben preparada, en Negreira ían entre o 80 e o 90 % do alumnado de segundo de bacharelato e era normal que aprobasen todos; e iso que tamén tiñamos moitas actividades extraescolares e complementarias, e tivemos moitos premios literarios do alumnado, participamos en iniciativas científicas, e outras. Iso é importante para que tamén aprendan mellor.

—Porén, hai fracaso escolar, non?

—No fracaso escolar inflúen moitos factores. É preciso un maior orzamento en Educación e unha mellor formación do profesorado, para que saiba conectar mellor co alumnado, favorecer que adquira as competencias que se esixen con mellor didáctica na aula, facer probas sensatas ou ter criterios de avaliación claros. Para iso cómpren máis grupos de traballo, e promover tamén outro tipo de actividades.

—Que actividades?

—Hai dous anos participei na validación dun programa formativo que implicaba a docentes, alumnado e tamén ás familias, era importante que participasen todos os sectores. Quedou en suspenso pola pandemia, e penso que era un camiño interesante.

—Coa súa experiencia, que recomenda para ser un bo director?

—O director debe ser un líder pedagóxico e ter coñecementos de case todo, e hoxe sobre todo tecnolóxicos e lexislativos. E tamén ser dialogante e ter moita man esquerda.

—Entre as iniciativas que chamaron a atención nos seus últimos anos estivo a de retirar os teléfonos móbiles da aula, como foi iso?

—Iso foi en Negreira. Tivemos un grupo de traballo que durou 10 anos e foi moi estable para mellorar a convivencia no centro. Un profesor mesmo foi a Marrocos, porque tíñamos moito alumnado inmigrante e comezamos cun protocolo de inmigración. O dos móbiles foi outro protocolo: fixemos unhas caixas, onde o alumnado colocaba os seus teléfonos cando entraban e explicábamos que na aula o importante era atender; e se había necesidade de que os chamasen, podían contactar a través do telefono no centro. E se algún profesor o queria usar na aula, si que podía, tiña que o facer constar na programación, ser aprobado polo consello escolar, e asumir a responsabilidade do seu bo uso na aula. Eu tamén utilicei a veces o teléfono móbil para ensinar Estatística. Despois do noso protocolo, Educación publicou unha normativa para que non se utilizase na aula, para evitar a interferencia do uso das redes e de Internet no ensino

—A maiores da Consellería de Educación, como foi a relación cos concellos?

—Foron relacións excelentes. En Negreira convivín con alcaldes de diferentes partidos e con todos asinamos convenios para actividades deportivas, sempre tivemos o centro aberto das 8.00 ás 22.00 horas; mesmo en sábados e domingos, para facilitar que utilizasen o pavillón. Eles tamen adecentaban o exterior do centro. Participamos en moitos proxectos, un deles para sacar o alumnado da rúa promovendo actividades. Cos concellos da Baña e Negreira colaboramos no 2017 na elaboración dun libro que fixo o alumnado, dirixido por Amancio Liñares, que eravicedirector comigo. Nas aulas de apoio tamén axudaron para que pudésemos ter asignación económica suficiente. Lembro que mesmo asistín a algún pleno municipal para pedir apoio para que nos implantasen algún ciclo de FP no centro.
Tamén estou orgulloso de ter conseguido a sección da Escola Oficial de Idiomas de Santiago en Negreira, pola que aspiraban outros centros, de Bertamiráns e Santa Comba. Esa oferta de idiomas é importante para toda a comarca da Barcala.

—Foi profesor de Matemáticas, por que é unha materia tan antipática para moito alumnado?

—Tal vez se precise mellorar a formación do profesorado de Matemáticas. Certamente, cando entraba na aula, tiña que gañar o alumnado, explicar ben as cousas, utilicei mesmo tecnoloxía informática para que lles resultase atractiva a materia. As Matemáticas en si poden ser complicadas, aínda que tamén depende de quen as explique e como o faga. Se se explican ben e se entenden, a maioría poden aprobar e saír para adiante sen problemas.

—Por que participou na Rede Dixital Descartes?

—Esa é unha asociación sen ánimo de lucro, dedicada a facer materiais educativos, que penduramos na rede para que se podan utilizar na sala de aula. Constituimos un grupo de docentes moi amplo, de España e Lationoamérica, e elaboramos unidades didácticas para primeiro e segundo da ESO, mesmo traducidas para o galego e para outras linguas, que cheguei a utilizar nas miñas aulas como apoio. Eran materiais semellantes aos que agora existen na Edixgal, a plataforma do libro dixital da Consellería de Educación. Aínda sigo colaborando na elaboración de mateirais para esa rede.

—Por certo, por que non pediu o seu centro participar no libro dixital?

—Cando comezou o libro dixital en Galicia, tiñamos un proxecto propio do centro, en Negreira, onde estaba implicado o equipo directivo, docentes do departamento de informática e outro profesorado; fixemos unha plataforma e un sistema operativo propio, que presentamos en Madrid cando nos deron o premio nacional de bibliotecas. Sempre fun moi crítico co Proxecto Abalar da Consellería de Educación, porque penso que non se pode iniciar a casa polo tellado.

—Como é iso?

—Comezaron a comprar ordenadores para todos; e cando eu era presidente da asociación de directores vía como en moitos centros estaban embalados, porque non había profesorado formado, e non os utilizaban. Agora a situación mudou, aínda que ao principio había escolares que case dominaban máis a informática que moito profesorado.

—Que lembranza destacaría da súa traxectoria no ensino?

—Do que máis gocei, foi falando e dialogando co alumnado, por máis que sempre me levei ben co profesorado e coa maioría dos pais e nais. Con quen tiven menos complicidade, a pesar de convivir moito cos seus representantes nas xuntas de directores, foi coa Administración educativa. Por mais que debo admitir que coñecín a todos os conselleiros de Educación e todos responderon ben ás demandas do noso centro.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies