Actividades deseñadas por Ana T. Jack, orientadora educativa.

Competencias clave

A) Competencia lingüística B) Competencia matemática C) Competencias básicas en ciencia e tecnoloxía D) Competencia dixital E) Competencia para aprender a aprender F) Sentido da iniciativa e espírito emprendedor G) Competencia en conciencia e expresións culturais H) Competencia social

 

ACTIVIDADES BÁSICAS

1.-  É o mesmo golfiño que arroaz?        

(Competencia A, C, E, F, G)

Aínda que en moitas ocasións falamos do golfiño Manoliño, en realidade este individuo é un arroaz (en castelán delfín mular; en latín Tursiops truncatus). Os golfiños (en castelán delfín común; en latín Delphinus delphis) son algo máis pequenos e presentan diferentes características anatómicas que permiten diferencialos. Se un día tiveras a sorte de ver un deles… saberías distinguir un de outro? En que detalles te fixarías? E se resulta que o que avistas é unha toniña (en castelán marsopa; en latín Phocoena phocoena)? Como che darías conta? Busca en Internet as características e imaxes de estas tres especies e plasma a través de debuxos e esquemas ditas diferencias.

 

2.-  Debater con argumentos?        

(Competencia A, C, E, G)

Facede unha pequena enquisa na clase: algún de vós avistou cetáceos no mar?, cal foi a vosa reacción?, cantos de vós presenciou en directo un espectáculo de delfíns nun delfinario, mesmo na televisión?, que emocións vos provocou?, pensades que os delfíns en catividade son un espectáculo fermoso ou triste?
Dividide en dous grupos a aula e defendede dúas posturas antagónicas (a favor ou en contra deste tipo de espectáculos) con argumentos ben elaborados e intentade chegar a unhas conclusións.

 

 

ACTIVIDADES MEDIAS

3.- Estudo e conservación dos cetáceos en Galicia         

(Competencia A, C, D, E, G)

Imaxina que sodes un equipo de documentalistas que queredes investigar a situación dos cetáceos en Galicia: Que especies son as máis abundantes? Como se identifican? Cal é o seu comportamento? E cales as ameazas que fan perigar a súa supervivencia? A súa poboación está en crecemento ou diminuíu nos últimos anos? Algunha delas está en perigo de extinción?

Facede catro ou cinco grupos na aula e escollede unha desas especies para elaborar unha presentación e expoñela ao resto da clase. Na páxina web da Cemma, Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, atoparedes moitos recursos divulgativos para levar a cabo este traballo.

 

4.- Tan intelixentes coma nós?          

(Competencia A, C, D, E, G)

Visionade toda a clase o seguinte vídeo de vinte minutos do programa Redes «Entender a los delfines». Nel, a psicóloga experta en cognición destes animais Diana Reiss repasa co escritor e divulgador científico Eduard Punset as habilidades dun dos mamíferos considerados máis intelixentes.

Unha vez rematado o vídeo, respondede ás seguintes cuestións:

  • Por que caen ben os delfíns?
  • Como fan as «fotografías sonoras» do entorno? Para que lles serve?
  • Cita cinco destrezas cognitivas dos delfíns que non teñen a maioría de mamíferos
  • Que significa a teoría da mente? Cres que esta capacidade é importante para a supervivencia dos seres humanos?, E para mellorar a convivencia, por exemplo, nun colexio ou instituto?
  • Por que a psicóloga di que «temos que tratar mellor aos delfíns»? Estades de acordo?

 

 

ACTIVIDADES AVANZADAS 

5.- Un proxecto de turismo sostible          

(Competencia A, B, C, D, E, G)

Nesta actividade trátase de facer un xogo de rol: dividides a aula en grupos e cada un ten que propoñer cinco ou seis ideas para presentar un proxecto de turismo sostible a un concello galego situado na costa e con moitas posibilidades de cara á explotación do turismo nacional e estranxeiro. Debedes incluír o presuposto aproximado para inverter en cada unha das iniciativas. Un representante de cada grupo encárgase de expoñela de forma oral e de acompañala con material audiovisual de apoio se así o considera. Que propostas acadan maior aceptación?, cales son rexeitadas?, están os presupostos elaborados con rigor?, que sector pode mostrar rexeitamento a estas accións?, e cal vai apoiar esas iniciativas con maior entusiasmo?

Gaña o grupo que consiga máis votos por parte do resto.

 

6.- Normas de comportamento           

(Competencia A, C, D, E, G)

O turismo dirixido ao avistamento de cetáceos é unha elección turística en alza. Se se xestiona correctamente, este tipo de actividade é unha extraordinaria ferramenta para a educación ambiental, a mellora das poboacións locais e un impulso crucial na promoción e investigación científica de mamíferos mariños. Debido ao interese crecente por esta actividade, existen numerosas asociacións que asinaron acordos que desenvolven guías e códigos de boas prácticas. Busca esta normativa e as referencias lexislativas sobre as que se ampara así como información acerca das asociacións a nivel rexional, nacional e internacional que adican os seus esforzos á conservación dos cetáceos, concretando as áreas de traballo nas que se centran cada unha delas.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies