L. Cancela
No 2016, os cidadáns británicos votaron a favor de que o Reino Unido saíse da Unión Europea, un proceso coñecido como brexit que se fixo efectivo catro anos despois, no 2020. Con todo, e a pesar de que foron pechando distintos acordos con Europa, aínda queda un pendente: Xibraltar, sobre o que España ten moito que dicir.

Que é Xibraltar?
É unha colonia británica, situada nunha estreita península ao sur de España, en Andalucía, fronte a Marrocos. No 2022 tiña 32.649 cidadáns. Ao pertencer ao Reino Unido os seus habitantes son británicos e non españois.

Que é unha colonia?
É un territorio que se atopa baixo o goberno ou administración doutro país, e que polo tanto non ten independencia. Co tempo foi adquirindo certo nivel de autonomía. Xibraltar conta cun gobernador, que é designado pola Coroa británica (representa ao monarca) e é quen se encarga das relacións entre o territorio e o Goberno anglosaxón. Ademais, cada catro anos, os cidadáns votan para elixir os 17 membros que compoñen o Goberno de Xibraltar. Estes traballan no Parlamento, como en España, e elixen o xefe do Goberno (algo así como o seu presidente). Na actualidade é Fabian Picardo.

Por que España ten moito que dicir?
España leva anos reclamando un acordo co Reino Unido para recuperar a soberanía sobre Xibraltar, xa que sostén que non é unha parte integrante de Reino Unido, senón unha colonia británica en territorio español. Por esta implicación que ten para o noso país, a Unión Europea defende que España forme parte do acordo que se estableza entre a UE e o Reino Unido. O venres pasado, representantes destas tres entidades mantiveron unha reunión para pechar as liñas deste acordo. Isto é moi beneficioso.

Por que?
O tratado do que se está falando aínda non se deu a coñecer, porque todas as partes queren ser cautas. Pero sábese que se buscará, por exemplo, incluír asuntos de dereitos dos traballadores, xa que, por exemplo, as pensións dos británicos en Xibraltar son máis altas cás dos españois que acoden a este lugar a traballar; quérense harmonizar tamén os impostos, pois en Xibraltar están máis baixos; e ademais, quérense revisar asuntos de medio ambiente, xa que, a pesar de non pertencer a España, está na península ibérica. Pero hai máis.

Como que?
Algúns asuntos son algo máis polémicos. O aeroporto de Xibraltar é o grande exemplo, xa que o territorio sobre o que está construído foi ocupado polos británicos, despois de que España, en pleno brote de febre amarela en Xibraltar, lles prestase o espazo para acoller as persoas sas, para que evitaran a infección. Despois desta pandemia, os británicos non o devolveron.

Cando se saberá o resultado?
Aínda non hai data exacta. Se ben hai présa, porque a intención é que o acordo se asine antes das eleccións europeas que se celebrarán en xuño.

 

A orixe da eterna disputa entre o Reino Unido e España

Entre os anos 1713 e 1715, e tras a Guerra de Sucesión española (onde se enfrontaron partidarios de dúas familias reais, os Austria e os Borbón), España, Gran Bretaña, Francia e Austria asinaron o Tratado de Utrecht, polo que acordaron a paz a cambio de ceder territorios. Neste caso, España acordou ceder Xibraltar e Menorca a Gran Bretaña se recoñecían a Filipe V (Borbón) como rei. Este acordo só entregaba «a cidade e o castelo de Xibraltar, xunto co seu porto, defensas e fortalezas», e non as augas que o rodean, o istmo nin o espazo aéreo. Segundo sinala o Ministerio de Asuntos Exteriores, estes espazos sempre foron de soberanía española, e os británicos levaron a cabo unha ocupación que non cumpre cos requisitos do dereito internacional.

O seu enorme peso xeográfico e comercial dá importancia á Rocha

Xibraltar ten moito valor para o Reino Unido, xa que ao ser a porta entre dous continentes, a través do seu estreito —compartido entre España, Marrocos e os británicos—, é un piar fundamental na loxística internacional e no transporte marítimo. É máis, é unha das zonas do mundo que maior densidade de tráfico soporta no mar. Por exemplo, polo estreito pasan buques que levan petróleo e gas natural desde Oriente Medio e o norte de África cara a Europa e América.
Ademais, ao ser o punto final xeográfico de Europa e o inicial de África ten moitas implicacións militares e de defensa. De feito, unha parte do territorio está ocupada por unha base militar aérea e naval moi importante para as escalas e a reparación de submarinos. E tamén é unha base de intelixencia.

ACTIVIDADE BÁSICA

En Xibraltar

Coa axuda dun mapa investigade na clase exactamente onde se localiza Xibraltar. Despois, debedes descubrir como se chaman os seus habitantes, cales son os seus costumes e en que idioma falan.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Que di a ONU: «Pendente de descolonización»

As palabras teñen moita importancia. O Reino Unido describe Xibraltar como un territorio de ultramar. Isto fai referencia aos espazos que, pertencendo a un Estado en concreto, están separados da súa nación orixinal (que nesta materia se denomina metrópole) polo océano. Pola súa banda, España define esta península como unha colonia, e non é a única institución que o fai.
Desde os anos sesenta, Xibraltar aparece na listaxe elaborada polas Nacións Unidas de «territorios non autónomos pendentes de descolonización». Este termo designa os territorios cuxos pobos aínda non alcanzaron a plenitude do goberno propio e, en concreto, respecto a Xibraltar, sinala que no seu proceso de descolonización non se lle aplique o principio de libre determinación dos pobos, senón o de restitución da integridade territorial española. Cando a ONU comezou o seu labor, en 1945, 750 millóns de persoas vivían en territorios que non eran autónomos e que dependían de potencias coloniais; na actualidade, máis de 80 colonias obtiveron a súa independencia, pero aínda quedan 17. Da repartición total, o Reino Unido leva a parte máis grande. Non falamos só de Xibraltar, que é a única colonia que aínda hai en Europa, senón de nove territorios máis: Anguía; Bermudas; illas Virxes Británicas; illas Caimán; illas Malvinas; Montserrat; Santa Elena, Ascensión e Tristán de Acuña; illas Turcas e Caicos e Illas Pitcairn.
As nacións cada vez son máis conscientes da violencia exercida durante a época do colonialismo. En novembro do ano pasado, o rei Carlos III pediu perdón en Kenya pola represión colonial, algo que sería impensable hai uns anos. A súa nai, Isabel II, era para moitos símbolo da defensa do colonialismo.
O Reino Unido conta coa Commonwealth, unha mancomunidade de nacións formada por 56 países, que poden ser totalmente independentes ou semiindependentes. Aínda que a pertenza a ela non implica unha submisión á Coroa británica, o monarca é o xefe da Commonwealth. Cabe resaltar que a participación dos Estados é voluntaria.

A situación tras o «brexit»: unha fronteira terrestre coa que limita Europa

Cando o Reino Unido decidiu saír da Unión Europea, Xibraltar votou amplamente en contra. O non á separación gañou por un 95,91 % dos votos. Pero que quixesen seguir pertencendo á Unión Europea non significa que queiran ser españois. De feito, non é a reclamación maioritaria da península. Só un enreixado separa La Línea de la Concepción (Cádiz) de Xibraltar, e as diferenzas son moitas. En primeiro lugar, o poder adquisitivo. Na colonia británica, as pensións son moito máis altas que, por exemplo, en Cádiz (a provincia coa que limita). Tamén son o terceiro lugar coa renda per capita máis elevada do mundo, de 80.000 euros por persoa; os impostos son baixos; e moita xente alí traballa como funcionaria para o Goberno da monarquía británica. Todas estas son razóns para non querer deixar de pertencer a Gran Bretaña.
Tras o brexit, España e o Reino Unido estiveron traballando nun acordo para que este proceso afectase o menos posible ás relacións entre España e Xibraltar. É moi importante, porque moitos españois cruzan a fronteira a diario para traballar alí. Precisamente por iso, desde a saída do Reino Unido, Xibraltar pasou a ter unha fronteira terrestre coa Unión Europea, como tamén ocorreu con Irlanda do Norte, conque se pechou un acordo hai aproximadamente un ano. Agora só queda por ver que pasará coa Rocha.

 

ACTIVIDADE MEDIA

A función da «Commonwealth»

A orixe da Commonwealth remóntase aos últimos anos do Imperio británico. Investiga e responde: cal é a razón de formar parte dela dos membros actuais?, cales son?, poden saír cando queiran?, que función ten a monarquía británica neles?

ENTENDER

O futuro de Xibraltar: volverá ser español?

■ O futuro de Xibraltar na súa relación coa Unión Europea aínda non está pechado, pero todo parece apuntar a que o acordo que finalmente se firmará acabará contentando a todas as partes. Moitos pregúntanse se esta pequena península volverá ser española, pero ninguén ten a resposta.

■ O certo é que, pese á reclamación insistente de España e ao que indica a ONU, Fabian Picardo, o ministro principal de Xibraltar, reivindicou o dereito á autodeterminación da Rocha e dixo que España non ten «ningún dereito legal nin político» para instar á súa devolución.

■ Xibraltar pódevos lembrar Ceuta e Melilla, aínda que non teñen nada que ver. Estas dúas últimas son cidades autónomas que están baixo administración española, e a ONU non as recoñece como territorios que se deban descolonizar. Non obstante, Marrocos reivindícaas como súas desde que se independizou de Francia en 1956.

ACTIVIDADE AVANZADA

Os «streamers» en Andorra

Nesta unidade falamos moito dos paraísos fiscais. Que outros territorios se consideran como tales e por que? Moitas veces, os «streamers» múdanse a Andorra, tamén sinalada como paraíso fiscal. Credes que son xustas as críticas por iso ou non?

PROFUNDAR

España teno por paraíso fiscal, con beneficios para as empresas dos que non gozan no seu país de orixe

■ Xibraltar é, para España, un paraíso fiscal. Este termo fai referencia aos territorios que teñen unha baixa ou nula tributación. Isto fai que distintas persoas ou empresas establezan neles o seu domicilio fiscal e se beneficien de determinadas vantaxes das que non poderían gozar no seu país de orixe. Nos paraísos fiscais hai pouca transparencia, e as mafias e os delincuentes úsannos para depositar o diñeiro.

■ A Comisión Europea retirou a Xibratar da lista de terceiros de países de alto risco para o sistema financeiro da Unión Europea, porque observou un avance na súa loita contra o branqueo de capitais e o financiamento do terrorismo.

■ Desde hai tempo, alértase de que no Campo de Xibraltar consolidouse unha forte rede de narcotráfico, sobre todo, de drogas como o haxix e a cocaína, que se aproveita das rutas marítimas do estreito de Xibraltar, que une España e Europa con Marrocos.

Alxeciras é un punto candente deste tráfico de drogas. Comparte espazo marítimo con Xibraltar e están moi preto unha da outra. Sábese que algúns narcotraficantes branquean diñeiro a través de empresas domiciliadas en Xibraltar mediante as cales compran inmobles, por exemplo.

■ Que o branqueo se faga nun territorio estranxeiro dificulta moito ás autoridades o rastreo do diñeiro ilegal. Ademais, non sempre facilita a información. Por iso se chama paraíso fiscal.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies