C. PORTEIRO

Pasou o Nadal, pasaron os Reis. Toca coller a mochila e os libros e volver á escola. Seguro que moitos de vós tendes moitas novidades que contar aos vosos compañeiros. Os máis afortunados xa estaredes protexidos contra o coronavirus. O pasado 15 de decembro comezou a vacinación dos nenos galegos de entre 5 e 11 anos, así que moitos estaredes agardando a segunda dose da vacina. Sabedes qué é e por que é tan importante poñela?

Que é unha vacina?

Trátase dunha especie de antivirus, como o dos ordenadores, pero para o corpo humano. Os científicos desenvolven un composto moi semellante ao virus, pero moi debilitado, que, cando se instala cunha xiringa no corpo fai que este reaccione creando defensas, escudos protectores. O mellor de todo é que o noso corpo memoriza como loitar contra ese virus, de forma que, cando o covid —ou outro patóxeno— intenta infectar as nosas células, xa sabe como derrotalo. Por iso evita enfermidades e minora os efectos.

Evitará os contaxios na aula?

A vacina non evita os contaxios, pero si os efectos graves do covid. Pode darse o caso nalgunhas aulas de brotes entre alumnos onde ninguén manifeste síntomas. Por iso é importante seguir as normas de protección, ventilación e manter a máscara ben posta. Imaxina que se contaxian en cadea os profesores —houbo 800 que o pasado luns non puideron acudir aos colexios—: quen vai dar clase? Non obstante, a situación non é tan grave como o ano pasado, porque en Galicia case oito de cada dez menores de entre 5 e 18 anos xa están vacinados. E a maioría dos nosos pais e avós, que son o grupo de risco pola idade, tamén o están. Aínda así, o primeiro día faltaron 13.000 persoas ás clases en Galicia, entre nenos e adultos.

Se hai un positivo, teremos que estar confinados?

Non, a menos que na aula haxa cinco ou máis casos. Se tes contacto estreito cun compañeiro con covid non terás que gardar corentena na casa, sempre que esteas vacinado. Se non é o caso ou só tes una dose, que é o que lles ocorre aos de primaria, deberás quedar sete días na casa.

Por que é importante?

As vacinas non só nos protexen a cada un de nós dos virus, senón que tamén axudan a crear unha barreira humana contra el. Canta máis xente teña este escudo, máis difícil será que o virus se propague e que aparezan novas variantes —coas que o virus aprende a sortear as nosas defensas—. O efecto da vacina non dura para sempre. Co paso dos meses, precisaremos reforzala con outra dose.

 

A vacina: oitenta anos perdidos por ser muller 

A humanidade está en débeda cos científicos que contribuíron a crear e desenvolver un dos inventos que máis vidas salvaron na historia: as vacinas. Grazas a elas, hoxe xa non morre xente por enfermidades como o tétanos ou o sarampelo, e mesmo conseguiron erradicar do mundo a varíola, unha grave doenza que facía que tres de cada dez persoas que a contraían morreran.

Mary W. Montagu foi a primeira persoa que empregou en Europa o método da inoculación contra esa enfermidade (ano 1718). A través do contacto con pel infectada, introducía nun corpo san un pouco de virus para crear anticorpos, proteínas que xeramos de forma natural para loitar contra infeccións e evitalas no futuro. Como era muller e a súa idea viña das observacións que fixera nos seus anos en Turquía, non lle fixeron caso. Houbo que esperar a que Edward Jenner popularizara este método en 1798, despois de escoitar que as mulleres leiteiras sobrevivían á enfermidade porque xa pasaran a variante bovina: contraíana das vacas. Jenner inoculou a un neno de 8 anos unha pequena cantidade. O rapaz apenas tivo febre, que desapareceu en poucos días.

 

De cada 100 persoas, 86 xa están protexidas en Galicia

As autoridades dalgúns países teñen problemas para convencer aos cidadáns da necesidade de vacinarse. Non é o caso de España, un dos territorios onde a xente ten máis confianza neste método probado cientificamente. En Galicia, que vai á cabeza, de cada 100 persoas 86 xa están protexidas completamente. É unha actitude responsable e respectuosa coas persoas coas que convivimos.

 

ACTIVIDADE BÁSICA

«Como chegou a vacina da varíola a América?» é unha guía didáctica moi interesante feita pola Xunta de Galicia. Propón actividades educativas para os últimos cursos de primaria e todos os de secundaria. Podedes descargar os materiais necesarios para elaborar a vosa propia «escape room», o voso propio xogo de rol sobre esta aventura, ou facer un laboratorio virtual. Podes descargala na web de Educación.


As actividades desta unidade están deseñadas pola directora da Domus, Patricia Barciela.

Equipo de sanitarios de atención primaria da Casa do Mar (A Coruña) a comezos da pandemia.

A sanidade: O ben público máis importante

Que sería de nós sen saúde? Que sería de nós sen persoal médico e de enfermería, sen auxiliares, sen celadores ou sen equipos de limpeza nos centros de saúde? Coa sexta ola do coronavirus moitos tiveron que pedir a baixa, ben por esgotamento ou ben porque se contaxiaron do coronavirus.

A rápida propagación do covid está facendo que recorramos en masa aos médicos de atención primaria, que nalgúns centros de saúde dalgunhas cidades só dispoñen duns cinco minutos para ver ata a 60 e 70 persoas nunha xornada. Con tan pouco tempo e coa demanda que hai, as listas de espera chegan ata os dez días.

E, claro, hai outros efectos secundarios, como o aprazamento de probas diagnósticas que poderían detectar a tempo enfermidades tan graves como o cancro. Tamén se aprazan intervencións cirúrxicas que non se consideran prioritarias, prexudicando así aos pacientes que padecen outras doenzas. Imaxina que tes dores de cabeza moi fortes e non podes ver ao especialista ata dentro de nove meses. É unha verdadeira molestia ter que estar tanto tempo sen tratamento.

Por iso estes profesionais demandan que se contrate máis médicos e enfermeiros, para garantir que a sanidade, o ben público máis importante que temos, sexa eficaz. Como se sostén? Cos impostos, o diñeiro que pagan os cidadáns cada ano para despois distribuílo entre distintos servizos dos que todos gozamos. Una parte deses cartos serve para pagar os salarios dos profesionais, para manter en bo estado os centros de saúde, para adquirir mellores equipamentos para tratar aos enfermos e mesmo para sufragar os tratamentos da meirande parte dos pacientes.

Noutros países o modelo é ben distinto. En Estados Unidos, por exemplo, o común é que a xente que ten cartos pague un seguro que pode cubrir certos servizos sanitarios. En España o dereito á protección da saúde está garantido pola Constitución, por lei. Se tes una infección na boca, por exemplo, podes acudir ao odontólogo sen ter que pagar a cita. Noutros países debes abonar unha tarifa. Con que modelo estás máis de acordo?

 

 

Moita atención á saúde psicolóxica despois do covid!

En España só hai seis psicólogos para atender a 100.000 habitantes na sanidade pública. Son moi poucos se comparamos a cifra coa media europea (18). É un problema porque, coa pandemia, apareceron e agudizáronse doenzas como a ansiedade, a depresión ou as fobias.

Pensade na cantidade de persoas maiores que pasaron a pandemia con medo e en soidade. Moitos teñen cadros depresivos e precisan atención, tanto médica como humana. O mesmo pasa cos profesionais que se viron sometidos a moito estrés. A carga de traballo e a carga emocional pasan factura. Por iso, segundo os expertos, máis da metade da poboación española amosou síntomas de ansiedade ou depresión nestes case dous anos. A venda de fármacos para estas doenzas está disparada e, precisamente, España é o país onde máis se consomen. Por que? Segundo os propios profesionais, porque faltan psicólogos na sanidade pública. Para suplir a súa ausencia, os médicos de familia non teñen máis remedio que prescribir fármacos. É importante poñer o foco na saúde mental, analizar o noso estado de ánimo e pedir axuda cando a precisamos. Estas enfermidades poden ser tratadas, como calquera outras. Reflexionade entre todos en voz alta de que maneira afectou a pandemia ao voso estado de ánimo e ao da xente próxima coa que convivides ou á que coñecedes.

 

 

 

 

 

ACTIVIDADE MEDIA

O virus Y causa estragos entre a poboación, pero hai unha vacina experimental que podería axudar a deter a transmisión. Colle a bata e investiga se pode superar as difíciles probas de efectividade, seguridade e calidade.

ENTENDER

Novak Djokovic: líder tenístico e negacionista

A vacinación non é obrigatoria en países como España, pero as autoridades poden restrinxir certos dereitos para non poñer en risco a saúde pública, que tamén é un dereito superior. Por iso en cafeterías ou aeroportos esixen o certificado de vacinación. Paréceche ben?

Non hai dúbida científica de que os non vacinados facilitan unha maior circulación do virus, porque teñen menos escudos para evitar o contaxio, por iso os Gobernos fixeron unha cruzada contra os antivacinas, que propagan información falsa sobre os efectos da súa administración.

As normas son iguais para todos. O tenista número un do mundo, Novak Djokovic, viaxou ata Australia para participar nun torneo. Ese país esixe a pauta completa dunha vacina autorizada para entrar. O serbio alegou razóns médicas para non facelo —por pasar o covid recentemente—, pero cren que mentiu. Pensas que deberían deixarlle xogar?

 

ACTIVIDADE AVANZADA

PlayDecide é un xogo de cartas para un debate en grupo, sinxelo, respectuoso e, por suposto, baseado en feitos. Descargade este xogo sobre as vacinas para saber que opinan os teus compañeiros sobre asuntos como a obrigatoriedade da vacinación.

PROFUNDIZAR

A vacinación convértese nunha obriga para os cidadáns de Italia, Grecia e Austria

O que viña sendo un debate sobre a obrigatoriedade da vacinación pechouse en Italia, Grecia e Austria coa ameaza de multa a quen decida non facelo. Os italianos de máis de 50 anos, por exemplo, deberán poñer a primeira dose antes do 31 de xaneiro para volver ao traballo. De non facelo, haberá multas de ata 1.500 euros e a empresa podería deixar de pagar o salario. Cres que é mellor convencer aos escépticos ou impoñer medidas para protexer á poboación?

Un dos argumentos que utilizan os antivacinas para reafirmarse é que ingresa máis xente vacinada nas ucis. É unha conclusión simplista e un mal uso da estatística. En España, 90 de cada 100 persoas están vacinadas e só 10 están sen vacinar, e moitas delas son menores —menos afectadas—. Se na uci hai o mesmo número de persoas vacinadas que sen vacinar, parece que teñen razón; pero se pensas que nunha zona hai, por exemplo, 50.000 persoas vacinadas e 3.700 sen vacinar e o mesmo número de ingresados na uci, que porcentaxe de cada grupo
hai na unidade de coidados intensivos? O risco de ingreso na uci é 13,5 veces maior se non se está vacinado.

Hai quen desconfía máis das vacinas despois de que as farmacéuticas acordaran eludir a responsabilidade sobre os efectos a longo prazo. En España non son obrigatorias, por iso houbo moito debate sobre a idoneidade de recortar dereitos como as restricións de mobilidade aérea dos non vacinados. Cres que é coherente? Debería ser obrigatorio? En que casos?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies