OLGA SUÁREZ

Implicar á mocidade na loita contra a violencia machista é moi relevante para crear futuros adultos conscientes dun grave problema endémico da sociedade actual. E, ademais de incluír este asunto en currículos e temarios, unha forma máis de motivar os estudantes é a través de premios. A Deputación da Coruña leva oito anos organizando un concurso de guións contra a violencia de xénero con este obxectivo, o de xerar reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención neste asunto e, este ano, centrado concretamente na violencia vicaria como forma de control e dominación, esa que afecta non só ás mulleres maltratadas, senón tamen aos seus fillos e fillas. E o traballo gañador fixérono Aurora Rodríguez Rodríguez e Andrea Varela García, dúas alumnas do IES de Arzúa, coa supervisión da súa mestra Esperanza Rocamonde Iglesias, que imparte Lengua e Literatura Castellana e unha área de libre configuración de Lingua e Cultura Portuguesa.

As alumnas coñeceran o concurso o ano anterior, no que participaron dous compañeiras do instituto; quixeron probar sorte nesta ocasión e prepararon un guión titulado Escondite inglés. «Quixemos visibilizar o dano psicolóxico que provoca a violencia aínda moito despois da relación, por iso incluímos a figura da psicóloga», explican. E rematan cunha mensaxe esperanzadora: «A escena final mostra a reflexión sobre como todas as pequenas situacións polas que pasou a protagonista levaron consigo a grandeza de poder pedir axuda e acabar co que estaba a vivir».

A súa mestra explica que, tras coñecer o tema proposto nas bases do concurso, fixeron primeiro unha tarefa de formación, «informándonos sobre este tipo de agresións e vendo noticias reais que saíron nos medios nos últimos anos». Elas optaron pola violencia psicolóxica. «Ás veces son menos visíbeis, mais cotiás e graduais, aparentemente ‘pequenas’, pero son alarmas que van crecendo e ás que lles hai que pór freo», reflexiona Esperanza Rocamonde. Non obstante, recoñece que, «desgraciadamente, a realidade foi a propia inspiración, pero quixeron darlle un enfoque positivo ou construtivo, mostrando unha realidade que pode ter saída».

E este enfoque construtivo podería ser o que levou ao xurado a elixir Escondite inglés como guión gañador do certame deste ano. O premio consiste nun curso práctico de realización de curtas, no que se producirá o vídeo con base no guión gañador e Andrea e Aurora xa están a participar no proceso creativo. Ademais o centro educativo recibirá un premio en metálico de 4.000 euros. 

A  violencia machista nas aulas

Esperanza percibe que, nos últimos anos, xurdiu nas aulas unha conciencia da violencia de xénero «que non había desde hai décadas». Sinala que, a nivel teórico, a maior parte do alumnado é capaz de detectar ou asociar determinados elementos, engade que, na práctica, «as dinámicas de relación, os estereotipos… algo varía». As súas alumnas, veno desde outra perspectiva e afirman que as actitudes sexistas integradas non só se ven entre o alumnado, senón tamén nalgúns adultos. «Pouco a pouco imos corrixindo estes aspectos, e visibilizalos axuda a seguir evolucionando cara a unha sociedade mellor», explican.

No currículo educativo comeza a introducirse timidamente esta perspectiva de xénero, pero a docente lamenta que, «en xeral, non hai un horario concreto, nin horario lectivo, para poder abordar todas estas cuestións». Polo que aplaude Iniciativas coma este concurso que se traballan grazas ao voluntariado de profesores e alumnos fóra do horario lectivo.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies