Catro xornalistas e unha das responsables do programa Prensa-Escuela formaron a pasada semana o xurado da edición número 19.ª dos premios Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil, nos que lles pedimos aos alumnos que fagan súa a actualidade a través de debuxos, entrevistas ou opinións. Foron mil traballos e os premios son só para oito, cun grupo de cabeza moi numeroso, polo que poderían ser outros os galardoados. En todo caso, o resultado é a suma dos votos (1, 3 e 5) que o xurado lle dá a cada traballo.
Formaron parte do grupo elector o subdirector de La Voz, César Casal; a redactora xefa de Opinión, Sofía Vázquez; a xefa de Suplementos, Sandra Faginas; unha das responsables do programa Prensa-Escuela, María García de Dios; e a xornalista membro do equipo de La Voz de la Escuela Sara Pérez.
Como adoita ocorrer nestes encontros, a fase final de deliberacións foi moi intensa, e algúns premios, moi axustados. En infantil, por exemplo, a gañadora tivo 14 puntos, e a segunda, 12; que ambas foran alumnas da mesma clase tamén xerou a análise do xurado, que decidiu manter a súa postura para non danalas por iso.
No segundo nivel de infantil houbo o acordo unánime de premiar a unha alumna de educación especial (non ten categoría propia, está dentro da xeral) sobre todo porque o seu traballo é toda unha metáfora que se pode aplicar a moitos temas de actualidade, como a luz pode ser refuxio ante a escuridade, pero tamén adoita ser perigosa.
Na categoría da ESO, a entrevista descobre talentos entre os alumnos galegos, e demostra que o valor do que di alguén non sempre ten que ver cos seus coñecementos e traxectoria importante; as reflexións poden ser moi acaídas sen importar a formación ou a idade de quen as fai.
Con respecto ao artigo de opinión, foi case unánime o veredicto, xa que a gañadora tivo 20 puntos, fronte aos 10 da segunda. Alba foi quen de explicar o sentir dos seus compañeiros de bacharelato, da contradición que supón esta etapa coa esixencia da sociedade e mesmo dos rapaces e dos profesores, atrapados todos nunha mesa de escritorio.




CATEGORÍA INFANTIL-1
- Vera Posada, de 6 anos, CEIP de Foz
- Eire García, de 6 anos, CEIP de Foz
- Elisa Rodríguez, 6 anos, CPR Montespiño (Culleredo)
Dos coches queimados en Tui ao futuro da herdeira da oroa
Esta é unha das categorías máis difíciles de premiar, porque os rapaces fan alarde dunha capacidade de filtrar a actualidade que, ano tras ano, impresiona ao xurado. Pero non hai máis remedio que elixir, e nesta ocasión os dous primeiros premios foron para o CEIP de Foz, onde o traballo da profesora Lourdes Rego se nota no nivel dos seus alumnos. Gañou Vera coa súa noite de terror en Tui, perfecta na descrición; e de segunda quedou Eire, que versionou o futuro militar e esplendoroso da herdeira da Coroa, a princesa de Asturias, Leonor.
O terceiro lugar, sen premio, foi para Elisa Rodríguez, do colexio Montespiño (Culleredo), cunha terra que chora entre lumes forestais intencionados.
CATEGORÍA INFANTIL-2
- Marta Polo, 6.º de educación primaria en el CEIP Eusebio da Guarda (A Coruña)
- Alina Boullosa, aula Azul del CPR Placeres (Pontevedra)
- Martina Torices, 6.º de educación primaria en el CEIP Dr. Fleming, Vigo
Falar das emocións na porta da adolescencia e ter espazo para todos
Nesta categoría hai moita calidade, e o xurado tamén o tivo difícil. Gañou Marta porque apostou por un asunto que estamos a ver que é urxente: a educación emocional. Ela fai mención a un artigo de La Voz de la Escuela sobre ir perdendo o medo a falar en clase, e foi capaz de resumir o sentir dos tímidos nuns poucos trazos.
O segundo lugar vai para Alina, que estuda na aula Azul, de Educación Especial, no colexio concertado de Placeres; a luz na escuridade sempre é unha boa metáfora.
O terceiro posto (sen premio) foi para Martina Torices, do CEIP Dr. Fleming, de Vigo, por un debuxo en branco e negro de mulleres e homes celebrando os cen anos de loita do feminismo.


CATEGORÍA XUVENIL-1
- Uxía Conde, 4.º de ESO no IES Terras do Xallas (Santa Comba)
- José Brea, 1.º de ESO no IES Rosalía de Castro (Santiago)
- Alicia Rábano, 3.º de ESO no CPR María Inmaculada (Verín)
Crónica de cando os emigrantes eramos nós e reflexións de Carracedo
Dar voz ás amas de casa galegas, cunha vida durísima as súas costas, sempre hai que aplaudilo. Uxía fai un percorrido completo e, aínda que ten seis preguntas (sete son as mínimas segundo as bases), no perfil da entrevistada vai a sétima.
O segundo posto foi para José Brea na súa entrevista con Ángel Carracedo, un investigador que sempre hai que escoitar, porque aínda que fale do CRISPR sempre fala da humanidade.
O terceiro lugar (sen premio) foi para Alicia Rábano, do CPR Inmaculada (Verín), por unha entrevista a unha xogadora de fútbol do Barcelona, Nuria Rábano, que fala de encarar retos, superarse e ter tempo para coidarse a un mesmo.
CATEGORÍA XUVENIL-2
Alba Quintas, 1.º de bacharelato no IES Blanco Amor (Ourense)
Laura Calvo, 1.º de bacharelato no IES Terra de Xallas (Santa Comba)
Lucía Torres, 2.º de bacharelato no CPR Divina Pastora Franciscanas (Ourense)
Oda á mesa de escritorio, ou como ser estudante sen morrer no intento
Alba Quintas Núñez, que estuda primeiro de bacharelato no IES Blanco Amor (Ourense), gañou con Crónica de una mesa de escritorio, na que combina a orixinalidade na formulación coa oportunidade na reflexión, sobre as contradicións da educación: «“De los errores es de donde más se aprende”, nos repiten. Qué pena que aprender de los fallos no esté dentro de los puntos a evaluar en sus apreciadas rúbricas». Alba sinala a necesidade de cambiar un ambiente no que se premia —«la memorística y la capacidad de reproducir palabras exactas con carencia de esencia propia»— dun xeito case poético, e xogando coa sonoridade das palabras e os seus significados como «conjuntos números de valor igual o mayor que cinco, sobrevivimos, de forma más o menos lícita», di.
Máis clásico é o segundo da categoría de opinión. Titulado A crueldade da riqueza, está firmado por Laura Calvo, do IES Terras de Xallas, en Santa Comba. Nel fai unha análise do caso Ana Obregón —foi un tema interesante para os alumnos, xa que houbo varios que optaron por opinar sobre el— e considera que os ventres de alugueiro «son unha cruel industria corrompida polo poder do diñeiro» que atenta contra a vida da muller xestante pero tamén, di, contra a das crianzas.
O terceiro posto (sen premio) foi para Lucía Torres, do CPR Divina Pastora, de Ourense, por Populismo y demagogia: nuestro pan de cada día.