L. CANCELA

Que levante a man o que coñeza a Cristovo Colón! Seguro que moitos sabedes quen é. Para os máis despistados, considérase unha das figuras históricas máis importantes do mundo. Baixo o mandato dos Reis Católicos, o 12 de outubro de 1492 atopouse cun continente, chamado despois América, cando buscando a China chegou á illa de Guanahani, nas Bahamas, no mar Caribe. Foi a primeira persoa que estableceu unha ruta a través do océano Atlántico e que, ademais, deu a coñecer a noticia. Este feito impulsou a expansión mundial da civilización europea.

Cando faleceu?

Faleceu o 20 de maio de 1506 en Valladolid. A teoría que se mantivo ata a actualidade di que o almirante é xenovés, italiano, pero en 1898 apareceu outra que apunta cara a unha orixe galega, en concreto, pontevedresa. Non é a única: países como Portugal, Croacia e Polonia tamén reivindican que son a súa patria.

Cal é a teoría galega?

O historiador Celso García de la Riega expuxo esta posibilidade cando relacionou ao navegante co gremio de mareantes (uns mariñeiros con moita experiencia) de Pontevedra e destacou a presenza do apelido Colón na cidade, documentada polo menos desde o século XV. O investigador Alfonso Phillippot alimentou esta idea e vinculouna co personaxe histórico Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga.

Como se pode saber?

A Universidade de Granada encárgase da investigación, pero hai que ir paso a paso. En novembro exhumáronse os ósos de Xoán Mariño de Soutomaior, o señor de Vilaxoán, que fora enterrado en 1496. Algunhas teses considérano o primo do descubridor, polo que os restos de ADN atopados no seu sartego permitirán saber se o parentesco existiu, o que confirmaría a orixe galega dunha das persoas máis importantes da historia.

Por onde empezou?

Este proceso para aclarar quen era Colon comezou no 2003, cando se exhumou o seu sepulcro, situado na catedral de Sevilla, para extraer os seus restos óseos e agrupalos cos do seu fillo Hernando e o seu irmán Diego. Con todo, este traballo paralizouse 16 anos porque o director da investigación prefería esperar a que a ciencia contase con mellor tecnoloxía. Os métodos de estudo debían ser moi sensibles.

Se fose verdade, que suporía?

Algúns historiadores defenden que o navegante era fillo bastardo, algo así como na sombra, dos descendentes dos Soutomaior. Con todo, como os Reis Católicos se enfrontaron a esta familia, Colón viuse obrigado a esconder a súa identidade para poder traballar para eles.

Hai outras teorías?

Si, os investigadores tratarán de comprobar o resto das hipóteses, que sitúan a orixe en Valencia, Castela-A Mancha, Navarra, Mallorca e ata tres puntos máis de Portugal. Non son ocorrencias, todas contan con fontes documentais (como a coincidencia do apelido en Pontevedra) e, nalgúns casos, restos de ADN.

Por qué ninguén sabe con certeza onde naceu?

Por que Cristovo Colón puxo tanto empeño en ocultar a súa procedencia? Os historiadores non foron capaces de responder a esta pregunta con certeza. Aínda máis, na actualidade segue a ser unha incógnita non solucionada. Iso si, como sempre sucede na historia, hai varias hipóteses. Algúns consideran que puido deberse a cuestións relixiosas, pois unha das teorías sinala que tal vez era xudeu. Algo que, traballando para os Reis Católicos, non se permitiría. Outros pensan que se puido deber a motivos políticos, xa que se di que mantiña certas inimizades con monarcas importantes. Por último, outros estudosos apuntan á posibilidade de que a súa orixe era humilde e que pola súa clase social non se lle permitiría relacionarse coa coroa.

Un documento oficial e un testamento para confirmar que viña de Italia

Ata hai relativamente pouco, había consenso en canto á orixe de Cristovo Colón. A tese repetida defende que naceu en Savona en 1451. Hai varias probas para crelo. En primeiro lugar, o seu fillo afirmou no testamento que o seu pai era xenovés. O mesmo Colón dicía que o era nun documento oficial, que aínda que nun principio se considerou falso, en 1925 se comprobou que contiña todos os selos e firmas pertinentes para describilo como válido. Por outra banda, existe unha carta de Pedro de Ayala, embaixador dos Reis Católicos en Inglaterra, na que contaba que Juan Caboto era «outro xenovés como Colón» que quería explorar o Atlántico para o país inglés. Aínda por riba, entre os anos 1931 e 1932 as autoridades de Xénova mostraron actas que confirman a súa orixe italiana.

ACTIVIDADE BÁSICA

O investigado

Como xornalistas, tócavos investigar ao protagonista. Onde viviu Colón?, canto viviu?, como era a súa familia?, que fixo ao chegar a América?, a que punto chegou?, onde morreu? Tédelo que saber todo.


As actividades están deseñadas por L. Cancela

A ciencia reescribe a historia

O exemplo de Cristovo Colón permítenos entender como de importante é a ciencia para reescribir a historia. Os investigadores do almirante comezaron o proxecto no 2003, pero, conscientes de que nos vindeiros anos vivirían unha revolución das técnicas, preferiron parar e esperar a que chegase unha mellora. O tempo deulles a razón. No último século, a ciencia pasou da paleoantropoloxía, orientada a analizar a morfoloxía e a anatomía dos fósiles, á paleoxenética, que se basea na análise de ADN antigo a partir de ósos fósiles. Tal foi a revolución que supuxeron estes avances que no 2022 o comité Nobel entregou a Svante Pääbo o premio de Fisioloxía ou Medicina. A súa investigación, considerada pioneira, permitiu secuenciar o xenoma do home de Neandertal e descubrir un homínido ata entón descoñecido, o denisovano. Esta foi a primeira vez na historia dos premios suecos que distinguiron esta especialidade, xa que antes non parecía encaixar en ningunha das existentes.

O estudo do ADN veu cambialo todo. Vexamos varios exemplos. Hoxe en día coñecemos os xenomas de neandertais e denisovanos, e sabemos, polos restos atopados, que nós temos aínda agora moito ADN dos neandertais (ata un 4 % os de ascendencia europea) e que estes eran de pelo roxo e ollos azuis. Todo iso era imposible descubrilo coa paleoantropoloxía tradicional. Máis aínda, os estudos xenómicos e epixenómicos permitiron coñecer parte dos seus trazos faciais e representalos. Grazas a iso, no 2019 reconstruíuse a cara dun home denisovano que viviu hai 75.000 anos. Como vedes, os ósos do pasado fálannos de moitas formas.

A ciencia tamén pode axudar a resolver un crime, aínda que este se cometera no pasado milenario, como ocorreu co de Tutankhamon. As teorías que explicaban a súa morte precoz con 19 anos eran verdadeiras obras de ficción, e agora demostrouse que o faraón tiña o mal de Kohler, unha enfermidade que acabaría provocando a súa morte. Isto facía que camiñase con moita dificultade, de aí os 103 bastóns atopados na súa tumba.

 

Usos do ADN: desde evitar enfermidades ata descubrir ao asasino

O ácido desoxirribonucleico, coñecido polas siglas ADN, contén as instrucións xenéticas empregadas no desenvolvemento e funcionamento dos seres vivos. Non nos serve só para falar de historia milenaria por moi importante que sexa. Dise que a investigación da xenética avanzou máis en dous lustros que nos últimos 50 anos. Na actualidade, o seu estudo pode aplicarse en campos tan amplos e diversos como a medicina clínica ou a antropoloxía molecular. Na práctica, a análise de ADN permite saber, por exemplo, se temos máis ou menos probabilidades de padecer enfermidades como o alzhéimer ou o párkinson, ou se podemos ser considerados portadores de mutacións causantes de fibroses quística ou dunha condición xenética considerada rara.
O estudo de ADN tamén permite falar de medicina personalizada nun futuro nada remoto. Preténdese con ela identificar as posibilidades que temos, como sociedade, de padecer certas doenzas e facer o posible para evitalas. O seu uso esténdese, de igual maneira, á medicina forense. Mediante o ADN podemos probar quen foi o asasino ou o autor dunha agresión sexual. Ocórresevos algunha serie na que isto estivera reflectido?

E non só isto, porque o ADN tamén é o protagonista nas probas de paternidade, que se resolven comparando perfís xenéticos. Atopádeslle outros usos?

ACTIVIDADE MEDIA

A polémica do Premio Nobel

Cando se fala de ADN sempre se menciona a Francis Harry Compton Crick, Maurice Hugh Frederick Wilkins y James Dewey Watson. Pero menos veces sae o nome de Rosalind Franklin. Investigade a súa historia e relación co ADN.

ENTENDER

Os erros que os prexuízos non permitiron ver

Os descubrimentos históricos non estiveron exentos de prexuízos, especialmente de machismo. En 1878 descubriuse en Birka (Suecia) unha tumba do século X cun esqueleto rodeado de dous escudos, un machado, unha espada, unha armadura, dous cabalos e un taboleiro empregado para preparar estratexias bélicas. Pensouse que se trataba dun importante líder de guerra. Deuse por sentado. Pero no 2017 sóubose, tras unha análise de ADN, que os restos pertencían a unha muller. Este achado non só reforzaba a idea de que as mulleres viquingas ían á batalla, senón que tamén podían ter un cargo de importancia.

Coñecer a orixe de Cristovo Colón é útil para profundar na nosa historia. Ao mesmo tempo, pódese caer nunha especie de localismo ao reclamar a súa nacionalidade. Ten sentido sacar peito e dicir que era español e non italiano?, que nos achegaría? E se falamos dun fósil milenario? Pódese falar da España de hai 10.000 anos?

ACTIVIDADE AVANZADA

Correccionismo ou xustiza?

É posible revisar a historia?, pódese mirar o que sucedeu no pasado cos ollos do presente? Para moitos é un acto simplista, mentres que para outros é unha forma de amosar respecto aos que sufriron. En dous grupos, debatede a favor e en contra.

PROFUNDAR

É necesario revisar a historia? Ningún país americano celebra o día que foi descuberto

España celebra, cada 12 de outubro, o día da Hispanidade. Pretende festexar unha proxección lingüística e cultural máis aló dos límites europeos, coincidindo co aniversario da chegada de Colón a América. Non obstante, celebrámolo en soidade. Non o fan os territorios que foron conquistados. Entendedes o porqué?

En Arxentina coñécese como o Día do Respecto á Diversidade Cultural, e en Venezuela, como o Día da Resistencia Indíxena.

Por un momento, lembrade como estudastes a conquistadores como Cristovo Colón ou Francisco Pizarro no voso libro. Parecían heroes? Desde logo, aparecen como homes aventureiros, que representaron con honra ao seu reino e despois foron premiados con ouro e terras. Hai espazo para falar do significado da conquista no século XV fronte ao que ten hoxe, ou de valorar os aspectos negativos que tivo para os pobos implicados?

Isto non significa que se teñan que pedir desculpas ou buscar reparacións. Pasaron demasiados séculos e as xeracións de hoxe en día non teñen culpa do que sucedeu no pasado. Tería sentido que España reclamase explicacións a Italia pola conquista romana?

Con todo, quen reclaman unha revisión dos feitos piden que se recoñezan xunto coas cousas boas (clínicas, universidades, o mesmo mestizaxe…) as feridas que a presenza española provocou.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies