C. MARTÍNEZ

É habitual escoitar que o mundo rural non é algo que chame a atención das novas xeracións. Ou que a xente nova prefire dedicarse a moitas cousas, pero non ao campo. Luis Conde, profesor de Xeografía e Historia do CPR Torre de Lemos (Monforte), é consciente deses pensamentos. E por iso, non dubidou en propoñerlles aos alumnos que buscasen unha excepción da norma. Unha persoa nova, que lle guste o campo e que viva do sector primario. Dito e feito.

Esta foi a reportaxe elixida polo centro para participar no concurso Xornalismo na Escola, que organizan La Voz de Galicia e a empresa Ence. Precisamente, este traballo de Monforte é o primeiro dos publicados no certame que vai á categoría Ence, centrada en destacar mediante estas reportaxes as posibilidades de desenvolvemento das zonas rurais, os proxectos que fixen poboación ou todas as iniciativas que supoñan crecemento económico no espazo agropecuario e forestal de Galicia. Neste categoría Ence hai cinco premios: un por cada provincia e o xeral de Galicia, que ademais da publicación do traballo no xornal supón uns agasallos ao profesor ganador e os seus alumnos.

Para facer a reportaxe, os alumnos de Monforte contactaron con Adrián Armesto, un rapaz de 28 anos que, ademais de ser futbolista no Club Lemos, tamén é o promotor da primeira aldea modelo da provincia de Lugo. Documentáronse como é debido e entrevistaron o mozo. «Encantaríanos que sexa in situ, pero os días en inverno soen ser bastante cativos. Contamos con ir en Semana Santa», adianta Conde.

Unha das cousas que máis lles chamaron a atención aos rapaces foron as vacas de raza cachena que ten Armesto na súa aldea de Trascastro. «Tamén, como unha casa antiga e abandonada pasou a ser unha bonita vivenda de turismo rural, ou os beneficios que se dan a nivel de prevención de incendios forestais. En definitiva, un aproveitamento de todos os recursos dispoñibles», indica. Unha vez recollida a información, tocaba darlle forma.

Pequenas dificultades

En palabras de Conde, o máis difícil foi facer a estrutura da reportaxe. «Á hora de sintetizar custoulles un pouco máis», conta. Se ben recoñece que moitos dos seus alumnos redactan moi ben. «Ademais, ségueno facendo en papel e con bolígrafo, que é moi curioso», considera. Todo este proceso acabou espertando interese en moitos compañeiros, incluso doutras etapas, como primaria, aos que se lles presentou o traballo no proxecto competencial de medios de comunicación, que o propio Conde imparte no colexio.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies