Moita morriña, bicos e agarimos atopamos entre as palabras galegas que máis gustan aos mozos e mozas que participaron no penúltimo concurso mensual deste curso. En maio propuxemos atopar a vosa palabra favorita en galego, e hai moitas referidas ao tempo, como a brétema, a sarabia ou o verbo arroiar. Tamén vos gustan a natureza e os animais con vellos nomes, como a tartaruga, o polbo, o sapoconcho, as miñocas ou as xoaniñas, que aínda que son uns insectos, tamén serven para nomear agarimosamente a alguén. O mesmo pasa con toxo, que define un arbusto pero tamén describe a unha persoa áspera no trato cos demais… Era moi difícil elixir porque ademais recibimos textos, vídeos e debuxos. Este último foi o caso da gañadora, Alba Arias, que estuda segundo da ESO no colexio San José, de Lugo: «Unha trapallada é algo tan sinxelo coma unha cousa mal feita. As trapalladas son algo tradicional e moi vello, xa que sempre existiron os trapalleiros. Esta é unha das miñas palabras preferidas, xa que na miña experiencia os trapalleiros son os máis riquiños. Trapallada non é unha palabra, é un xeito de vida».

Agora só queda o derradeiro concurso, no que vos pedimos que valoredes o curso que estades a punto de rematar; sede críticos e construtivos, porque poderedes axudar aos alumnos que comecen en setembro.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies