C. MARTÍNEZ

A muralla de Lugo é un dos símbolos de Galicia e para falar dela temos que comezar, como non, pola historia da cidade. Esta ten a súa orixe na base militar romana de Lucus Augusti, da época do emperador Augusto. Este levou a cabo unha política expansiva para anexionar o noroeste peninsular —tamén coñecido como Gallaecia— ao Imperio Romano. En concreto o campamento data do 25 antes da nosa era (do nacemento de Cristo), pero non foi ata os anos 14 e 13 a. C. (as siglas de antes de Cristo) cando Paulo Fabio Máximo acabou fundando a cidade.

A prosperidade que acadou a cidade fíxoa moi apetecible para os inimigos do Imperio —bárbaros e rebeldes—. Por iso, a finais do século III d. C. (é dicir, da nosa era), debido á inestabilidade política e militar, Roma decreta que se fortifique. «Tal e como indican algúns epígrafes achados no seu interior utilizados como parte do macizado e algunhas moedas localizadas no seu baseamento e adarve, debeu construírse entre finais do século III e principios do IV», indica Pedro Unzueta, enxeñeiro de minas e delegado de Lugo do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de Galicia. Non foi a única, tamén se puxeron «murallas en Xixón, Cacabelos, Astorga e Braga, e reformouse a de de León. Pero a de Lugo é única polas maiores proporcións dos seus muros e torres», di.

Estímase que a construción da muralla corresponde a un único proxecto, pero non existe constancia de canto tempo duraron as obras. «Empregaron granito, lousa, xistos e cuarcitas, ben traídos ex novo ou ben procedentes dos derrubes das casas situadas no paso da muralla, cuxo trazado tería preferencia», explica o experto. O primeiro utilizaríase, segundo as súas palabras, para as portas e os cubos anexos, co fin de reforzar estes elementos. Para o resto da muralla utilizouse lousa, que foi cortada en láminas grosas que se dispuxeron unhas encima das outras como se fosen ladrillos. «E foi necesaria unha máis dura e consistente, cuarcitas denominadas de Lugo, para os revestimentos», engade.

No interior, o núcleo da construción é de opus caementicium, un material moi utilizado polos romanos. Consiste nunha mestura de auga, cal, area e grava, con gran resistencia e solidez. A día de hoxe non se sabe con exactitude de onde procedían moitos destes materiais. «Aínda non se localizaron canteiras nin os correspondentes fornos de cal. Utilizábase como aglutinante, e unha cal máis fina, para o enfuscado. Os puntos máis cercados onde existe calcaria para a fabricación de cal son Pol, Pastoriza, Triacastela ou Samos», di Unzueta.

Do que non cabe dúbida é de que todos os materiais lograron desafiar ao tempo. De feito, a muralla de Lugo é, entre todas as da súa época, a mellor conservada de toda a Península. Ademais, o seu aspecto actual corresponde case na súa totalidade ao orixinal.

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies