LUCÍA CANCELA

O 7 de outubro entrou en vigor (é dicir, empezou a aplicarse) a Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual, a lei do «só si é si». Desde entón, varios tribunais rebaixaron as penas dalgúns condenados por delitos sexuais. Esta non era a intención do Goberno, senón todo o contrario. O obxectivo da nova lei era protexer moito máis ás vítimas.

De que vai a lei?

Esta nova norma, impulsada polo Ministerio de Igualdade, que encabeza Irene Montero, supuxo cambios nas leis que lles dan moita importancia ao consentimento para que se considere que nun acto houbo delito sexual. Tamén eliminou a diferenza entre agresión e abuso sexual. Ao agrupar todo baixo o mesmo nome, optouse por un rango de penas máis amplo, para encaixar desde o delito máis leve ao máis grave. Desta forma, eleváronse os castigos para as peores condutas (por exemplo, unha agresión en grupo), pero tamén se reduciron os castigos mínimos dalgunhas agresións. Ese é o problema.

Que pasou?

Diferentes tribunais rebaixaron a pena de condenados por delitos sexuais. Isto débese a que a norma pode aplicarse con carácter retroactivo (é dicir, ao que sucedeu antes de entrar en vigor) sempre que beneficie ao reo, un principio que rexe en toda a lexislación española. Moitos avogados pediron a revisión da condena e os tribunais déronlles a razón. Pero isto non sucedeu en todos: o Tribunal Superior de Justicia de La Rioja non rebaixou as penas.

Puido evitarse?

A medias. A lei puido impoñer unha disposición transitoria (un artigo que establece unha transición entre un código e outro) que limitase as revisións que implicaran baixas de condena. Dende o ministerio dise que non fai falla esa disposición porque xa hai normativa de transición abondo nese sentido.

Ten solución?

A Fiscalía vaise opoñer, a partir de agora, á rebaixa de penas nalgúns casos, e só a aceptará cando a pena imposta na anterior lexislación exceda á actual. A isto obriga o principio de retroactividade. E o Tribunal Supremo prevé pronunciarse antes dun mes e sentar xurisprudencia (establecer como deben actuar todos os tribunais).

Ninguén se deu conta?

Parece que non. Nin o Consello Xeral do Poder Xudicial nin o Consello Fiscal nin o Consello de Estado nin as comisións de Xustiza do Congreso e do Senado nin os Plenos de ambas as Cámaras alertaron desta situación tras unha reforma do articulado inicial.

 

Ata o peor criminal ten dereito a unha defensa xusta

Preguntácheste algunha vez por que hai avogados que defenden a criminais? Pois porque teñen como deber defender aos seus clientes e tratar de obter o trato máis xusto por parte da lei. Con isto en mente, hai que entender que estes profesionais non acoden a defender a un asasino, por exemplo, senón a unha persoa que pode ir ao cárcere.

Que a rebaixa de penas se dea coa lei do «só si é si» non é culpa dos xuristas que a piden para os condenados, senón de que quedou algún cabo por atar. Os avogados farán todo o posible para defender ao seu cliente loitando pola súa absolución, ou para que a pena sexa menor. A realidade é que calquera persoa ten dereito a ser defendida, e a persoa que o fai limítase a cumprir coa súa obriga.

 

Irene Montero e o Ministerio de Igualdade, case sempre entre polémicas

A norma non foi redactada exclusivamente polo Ministerio de Igualdade, tamén participou o de Xustiza. Ademais, houbo varias versións que foron pasando por diferentes órganos consultivos (institucións ás que o Goberno acode para pedir a súa opinión sobre algo). Aínda que durante o proceso houbo críticas, ningunha foi sobre unha posible rebaixa de penas. Pero esta non é a primeira vez que Igualdade e a ministra Montero se ven en polémicas. A propia existencia dun departamento que busca a igualdade entre homes e mulleres é innecesaria a ollos de varios partidos políticos, os cales consideran que o orzamento destinado a este ministerio é esaxerado. Algúns mesmo entran a valorar se Irene Montero ten os estudos e a traxectoria necesarios para o seu cargo.

ACTIVIDADE BÁSICA

A proporcionalidade dos feitos

Todos temos unha serie de comportamentos reprochábeis. Seguro que algunha vez a túa familia botouche a rifa. Con todo, hai cousas que son peores que outras. Non é o mesmo romper algo que roubalo. Propoñémosche unha serie de feitos reprochábeis: causar dano a un animal, roubar una bicicleta, conducir un coche sen carné e non pagar un xeado despois de tomalo. De menos a máis, identifica cales son as graves e coméntao coa clase.


As actividades están deseñadas polo avogado Álex Martín

Unha lei que defenda a todos

A xustiza é, á vez, un termo subxectivo e obxectivo. A definición máis técnica di que se trata dun principio universal que estipula a aplicación do dereito (das leis), de forma que se actúe coa verdade e se dea a cada un o que lle corresponde. Por iso, pode dicirse que a xustiza é obxectiva, porque se rexe por normas iguais para todos; e á vez subxectiva, pois cada persoa a entende como unha cousa distinta. Por moito que como sociedade nos custe velo, en realidade o acusado e o que acusa son iguais a ollos da lei.

De aí que se diga que a xustiza dá a cada un o que lle corresponde, e non o que merece. A semántica ten o seu poder. O avogado Alejandro Martín coincide nesta visión na definición que nos achega: «A xustiza recoñécese cando cada un recibe o que lle corresponde conforme á lei. Así, cando se aplica a lei, faise xustiza, mesmo aínda se nos desgusta o resultado. Cada un de nós temos a nosa idea do que é xusto ou non, por iso é necesario un instrumento que o defina para todos, e esa ferramenta é a lei». Cres que a mellor xustiza é a que sempre deixa a todos descontentos?

En España, o Código Penal establece qué é delito e cales son os castigo ás persoas que los cometen. Segundo este texto, os xuíces establecen unha sentenza de cadea dentro dun rango de anos que crece ou decrece en función de varios factores. Por exemplo, se o delito se cometeu en grao de tentativa (non se conseguiu o que se buscaba), a pena pódese reducir nun ou dous graos respecto á establecida pola lei. É dicir, impoñer menos anos de cárcere.

Cando impón a sentenza, o tribunal pode atoparse con circunstancias que aumenten ou diminúan a carga penal. Falamos das atenuantes e as agravantes. As primeiras atenúan a responsabilidade criminal, o que permite rebaixar a gravidade e, por tanto, a súa pena. Por exemplo, se unha persoa comete un delito por mor da súa grave adicción ás drogas ou ao alcol. Mentres que as segundas son circunstancias que, pola importancia que teñen, incrementan a responsabilidade penal. Por exemplo, ter unha posición de superioridade respecto á vítima.

 

O dereito a un xuízo imparcial e o equilibrio entre o delito e a sanción

A prisión é o peor de todos os castigos, pero a lei tamén contempla outro tipo de sancións. Por exemplo, retirar o carné de conducir ou facer fronte a unha multa se se comete unha infracción de tráfico. E a lei impón unha duración máxima das sentenzas, como que unha persoa non poida pasar máis de 30 anos no cárcere (con excepción da prisión permanente revisable).

Os dereitos humanos protexen a todas as persoas, son intrínsecos (polo mero feito de nacer) e inalienables, é dicir, ninguén nolos pode quitar. Ás veces as sentenzas poden parecer inxustas. Seguro que algunha vez escoitaches en casa que un asasino merecía máis anos dos que o condenaron. Pero por que non sucede isto? Polo principio de proporcionalidade, o cal supón unha correspondencia entre o delito e a sanción, sen que haxa castigos excesivos. En resumidas contas, é unha avaliación que fai o órgano xudicial correspondente de todos os factores que rodean o delito, para poder coñecer o dano que causou e con iso ditar unha pena proporcional. É algo sumamente importante para que cada persoa sexa xulgada con equidade. Do contrario, algúns recibirían penas moi altas por delitos sen apenas gravidade.

Por iso os xuristas defenden que os crimes hai que castigalos, á vez que se respectan os dereitos, entre os cales está, por certo, o dereito a un xuízo xusto.

ACTIVIDADE MEDIA

Agravantes ou atenuantes

O Código Penal contempla situacións que poden agravar ou reducir a pena. Investiga e identifica todas ou algunhas desas circunstancias. Pensas que é xusto que alguén reciba menos pena se xustifica que hai unha atenuante? Por que?

ENTENDER

Machismo ou falta de formación de xénero?

Irene Montero sinalou que a rebaixa de pena dalgúns condenados por delitos sexuais se debe a que hai xuíces «que incumpren a lei» debido ao «machismo» da propia sociedade e por tanto da Xustiza. Cres que os estereotipos arraigados nunha cultura e tradición patriarcal como a nosa poden entorpecer todos os procesos xudiciais o só algúns?

Un caso moi soado ocorreu no 2016, cando unha muller, que denunciou á súa parella por agresión sexual, recibiu a seguinte pregunta por parte dunha xuíza: «Pechou ben as pernas?».

Para moitos, a cultura machista non desaparece de súpeto. O Consello Xeral do Poder Xudicial puxo en marcha o primeiro curso en perspectiva de xénero para xuíces. Só están obrigados a realizalo aqueles que queiran acceder a unha especialidade, mentres que o resto non teñen obriga pero poden facelo. Con todo, ata hoxe só 1.467 xuíces, dos 5.300 que hai en España (un 27 %), o fixeron.

ACTIVIDADE AVANZADA

Funcionan as penas moi altas?

Identifica onde está vixente a pena de morte ou a cadea perpetua. Cres que son efectivas para previr delitos moi graves? Conseguiríase o mesmo fin con penas máis reducidas e acompañadas doutras medidas? Que outras medidas poden axudar?

PROFUNDAR

Ollo por ollo? Se a xustiza debe ser obxectiva e ecuánime, nunca poderá vir da vítima

Dous homes condenados nas Illas Baleares por agresión sexual sen penetración e outro por intento de violación en Galicia foron os primeiros en saír do cárcere despois da entrada en vigor da lei do «só si é si». A rebaixa de condenas empeza a xerar inquietude entre as vítimas, que pasaron por un xuízo e agora ven volver o proceso á súa vida.

A revitimización é o proceso mediante o que se produce un dano engadido por parte das institucións que se encargan de axudar á vítima. A persoa maltratada revive os momentos de dor asociada á súa experiencia traumática inicial.

Para evitar esta situación, a vítima conta cun amplo elenco de dereitos recolleitos no Estatuto da Vítima. Por exemplo, que todas as comunicacións se fagan nunha linguaxe clara, sinxela e accesible; e ademais, que poida acompañalas alguén da súa confianza.

Xustiza e vinganza están separadas por unha delgada liña. Mentres que a primeira significa dar a cada un o que corresponde, a segunda é a satisfacción que se toma do dano recibido. A xustiza relaciónase coa imparcialidade, mentres que a vinganza é unha represalia.

■ O ollo por ollo non ten oco nas leis. Se a Xustiza debe apoiarse en valores como a imparcialidade, queda claro que a vítima nunca pode ser quen diga que é xusto. A súa opinión estará condicionada pola súa experiencia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies