José A. Ponte Far
Rosalía de Castro ocupa un lugar clave no panorama literario das letras galegas. Todos os críticos e estudosos da súa obra coinciden en sinalar que é o primeiro clásico do século XIX na nosa lingua. Con Cantares gallegos (1863) iníciase o renacemento pleno do galego literario, e con Follas novas (1880) acada un nivel de privilexio non só dentro da poesía galega, senón tamén na publicada na España no século XIX. Dende ese momento, Rosalía converteuse nun mito para o pobo de Galicia e nunha referencia inesquecible dentro do mundo da poesía en calquera lingua de calquera país.
A imaxe de Rosalía foi moi manipulada polos críticos e intelectuais da época, mesmo tamén galegos. Deron dela unha visión de muller resignada e esposa tradicional, pero pouco a pouco foi sendo superada polo recoñecemento de que era persoa de carácter forte, moi consciente das dificultades que tiña que superar por ser muller, por ser escritora, por escribir en galego e por defender con decisión os valores do seu pobo, empezando por denunciar a marxinación que Galicia estaba a sufrir historicamente.

Unha infancia sen pais
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 23 de febreiro de 1837. A súa nai, María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, era solteira e pertencía a unha familia fidalga, propietaria do pazo padronés de Arretén. O pai de Rosalía, José Martínez Viojo, era sacerdote (aínda que non se sabe con certeza se no momento do nacemento da filla tiña xa a condición de sacerdote ou era aínda seminarista). En todo caso, Rosalía pasou os seus primeiros anos coa familia do pai en Ortoño. Esta situación de filla ilexítima e a de pasar parte destes anos tan importantes da infancia sen os seus pais, sen dúbida tivo unha grande influencia na conformación da personalidade da autora e da súa obra.

Anos máis tarde, a nai de Rosalía faise cargo dela e as dúas trasládanse a vivir a Santiago, cidade na que a escritora vai integrarse con facilidade no mundo cultural e coa mocidade intelectual da Compostela daquela época (Eduardo Pondal, Manuel Murguía e Aurelio Aguirre, entre outros). No ano 1856 marcha a Madrid para vivir cunha familiar e dous anos máis tarde casa con Manuel Murguía e regresa a Galicia, aínda que, pola profesión do seu marido, cambian con frecuencia de residencia: Castela, Estremadura e Murcia. Nestes anos a familia aumenta (sete fillos, dos que vivirían cinco). Outra volta a Madrid, pero empeza a pasar tempadas en Santiago, en Padrón e en Lestrove. Cando en 1871 Murguía é nomeado xefe do Arquivo Xeral de Galicia, Rosalía regresa definitivamente á súa terra natal, aínda que coa saúde moi desmellorada, que nunca recuperará. Morreu o 15 de xullo de 1885, na súa casa da Matanza, en Padrón.

«Cantares gallegos»
Boa acollida. O libro de poesía Cantares gallegos publicouse en 1863 e foi moi ben acollido pola crítica progresista de Madrid e doutras provincias. Nesta obra, con elementos folclóricos e costumistas, hai un intento de afirmar os valores específicos de Galicia e de denuncia das inxustizas de que eran vítimas os galegos.

Novelas en castelán
Progresismo. En 1867 publicou unha novela, El caballero de las botas azules, na que se amosan con claridade as súas ideas progresistas. Outras novelas en castelán son: La hija del mar (1859), Flavio (1861), Ruinas (1866) e El primer loco (1881).

«Follas novas»
A súa consagración como poeta grande. Follas novas (1880) é o libro que consagra a Rosalía como poeta grande. A súa poesía faise máis intimista e transcendental, máis universalizante, cunha métrica moderna, inserta xa na liña máis recente do romanticismo nihilista europeo. É, tamén, unha poesía máis belixerante, coa denuncia expresa das penurias polas que atravesaba o pobo galego e, en especial, as súas mulleres, a quen dedica unha parte do libro que leva por título «As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos». Este ano de 1880 foi un ano importante para o asentamento da poesía galega, pois tamén se publicaron Aires da miña terra, de Curros Enríquez; Saudades galegas, de Lamas Carvajal; e Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares.

«En las orillas del Sar»
A obra máis persoal. En 1884 publicou un novo libro de poesía, En las orillas del Sar, en castelán, que vén ser a súa obra máis persoal, na que medita sobre a existencia humana buscando un sentido á vida a través das súas propias experiencias. É unha poesía ética e existencialista, reflexiva, cando está xa moi enferma. De feito, morre ao ano seguinte.

Tres niveis de actividades
  1. Actividade básica
    Busca en Internet a casa da Matanza e o pazo de Arretén. Agora que xa os tes, serías capaz de situar Padrón nun mapa?
  2. Actividade básica
    En primeiro lugar, busca toda a información que poidas sobre a Ruta Rosaliniana, os lugares de Galicia onde viviu Rosalía ao longo de toda a súa vida. Agora, debuxa ou describe as súas características.
  3. Actividade media
    Que se entende por renacemento da literatura galega? Cando empeza? Sinala os escritores máis representativos deste movemento con algunha das súas obras.
  4. Actividade media
    Saberías contarnos que é exactamente unha familia fidalga?
  5. Actividade avanzada
    A que se refire Rosalía cando fala das «viúvas dos vivos»? Busca toda a información ao respecto. Que se entende por poesía existencial e transcendental?
  6. Actividade avanzada
    Ata que punto cres que a infancia de Rosalía influíu na conformación da súa personalidade e, polo tanto, na súa obra? Fai unha breve redacción literaria sobre este tema.
Para seguir investigando
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies