S. Pérez

As probabilidades de que o compañeiro que tedes ao voso lado non saiba quen son os Simpson, a familia amarela máis famosa da tele, son practicamente nulas. Ou mesmo vós mesmos. Si, ben seguro que algunha comida ou algunha cea tivestes a Homer, Marge, Bart, Lisa, Maggie, Apu, o señor Burns ou a Ned Flanders de compañía; e que lembrades os seus capítulos case que de memoria. Pero o que seguramente non saibades é que, nos seus inicios, os Simpson non estaban pensados para que os visen os nenos, senón que estaban dirixidos a un público máis maior. De feito, programábanos polas noites, a partir das once. Primeiro en TVE, logo en TVE 2 e, despois de varios anos en Antena 3, pasaron a Neox, onde seguen a día de hoxe. O caso é que, trinta e cinco anos despois da súa primeira emisión como serie, esta familia acabou entrando nas casas de todos, independentemente da idade de cada quen.

Falamos dos Simpson porque este venres, 19 de abril, celébrase o seu propio día mundial. E sabedes cal é a razón? Pois é que antes de converterse nunha serie Os Simpson foron unha curta de animación titulada Boas noites (Good Night, na súa versión orixinal en inglés) de 1 minuto e 49 segundos. Esa primeira emisión foi o 19 de abril de 1987. Co aniversario dos trinta anos, no 2017 decidiuse que cada 19 de abril se celebraría o Día Mundial dos Simpson.

Debémoslle logo a Matt Groening, o seu creador, o universo de Springfield. Da súa familia tirou os nomes dalgúns dos personaxes principais: Homer, Marge, Lisa, Maggie e Patti corresponden ao seu pai, irmás e tía.

Fin da serie?
Os Simpson xa poden presumir de ter o título da serie de animación máis lonxeva da televisión, nada menos que 35 temporadas narrando as ocorrencias de Homer e de todos os demais. De tempo en tempo, é habitual que se especule sobre a fin da serie, sobre cando se emitirá o último capítulo, sobre cando escoitaremos esa música introdutoria tan característica e ese percorrido por toda a cidade de Springfield por última vez. Pois ben, polo momento ten confirmada a súa continuidade ata o 2025, coa súa temporada número 36.

A súa repercusión é tanta que a revista Time elixiu o personaxe de Bart no ano 1999 como unha das persoas máis influentes do século XX. E para vós, quen é o personaxe máis importante?

Para saber máis...

Podedes facer unha xincana para saber quen é o que máis sabe dos Simpson na aula. Poñede en común as preguntas e proclamade ao final da clase un campión!

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies